Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Manuel Moldes é un dos nomes clave do movemento Atlántica FOTO: Ramón Escuredo |
Se as protestas do Partido Popular (PP) xa causaran sorpresa en Manuel Moldes, o autor do Cristo das Rías Baixas que se exhibe no Autorio de Galicia dentro da mostra Casus Belli, as protestas onte do Arcebispado compostelán aínda o deixaron máis perplexo. Moldes (Pontevedra, 1949) séntese, con todo, "moi tranquilo e en paz consigo mesmo", todo o contrario do que lle aconteceu en 1985, cando ese mesmo cadro foi retirado repetinamente da Bienal de Pontevedra unhas horas antes da inauguración, nun dos máis comentados casos de censura da arte galega contemporánea.
Pero ¿que ten o Cristo das Rías Baixas para provocar tantas reaccións? Moldes non ten unha explicación clara: o mesmo cadro exhibiuse en 1986 na Bienal de Vila Nova da Cerveira, en Portugal, xunto con outro de semellanzas trazas dedicado a San Sebastián e alí "non houbo problemas, nin con Cristo nin co San Sebastián que era -eu non o sabía- o patrón da Cerveira: cansei de asinar autógrafos".
Posteriormente, exhibiuse no ano 2002 no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (o Marco) nunha colectiva de Atlántica e tampouco se rexistrou polémica. Agora, porén, o PP asegura que o cadro atenta contrra a sensibilidade dos crentes católicos xunto con outra peza exhibida en Casus Belli, unha fotografía de Pacheco. O Arcebispado uniuse ás críticas cun comunnicado no que rexeita os contidos de Casus Belli -nutrida de pezas que no seu día foran censuradas-, ao tempo que a cualifica de "pouco afortunada", de "dubidoso bo gusto" e "capaz de ofender a sensibilidade relixiosa" dos crentes.
"O que máis asombra", responde Moldes, "é que non sei en que país vivimos. Se realmente hai xente á que lle molesta a visión dese cadro, recoméndolle que se miren no espello e se pregunten que teñen eles na cabeza. Recomendaríalles que vaian ao confesionario ou ao psicanalista: eu non me metín con ninguén".
O seu obxectivo en 1985 era "facer unha crucifixión no sentido pictórico. Trátase dun tema da pintura universal: desde Velázquez a Goya pasando por Picasso ou Tàpies..." .
O seu punto de vista persoal pasou por inverter a cruz e todar o escenario dunha xeografía próxima: a Ría de Pontevedra, que é onde vive: "Sitúo a cruz e á súa esquerda poño un referente da miña iconografía infantil: o guerreiro celta, unha escultura de Francisco Pérez que se garda actualmente no Museo de Pontevedra. Ao seu carón, o escravo de Asorey: pódese ver tamén no Hospital de Pontevedra. E poño a cruz en sentido diagonal para que realmente tivese unha perspectiva diferente...".
Nese cadro -"traballado a base de carbón, con trazo limpo e dúbidas que quedan no lenzo"-, o Cristo aparece espido. A intención inicial do artista foi poñerlle un veo pero ao reflexionar devagar decatouse de que o espido lle daba humanidade: "O que busco é a beleza dentro da traxedia, da crucifixión. Eu non podo comprender que unha simboloxía poida pertencer soamente a un credo".
O resultado gustoulle en 1985 e séguelle a gustar, entre outras razóns "porque ten potencia e, ao visto, segue a impactar 25 anos despois da súa feitura e a provocar ideas que, se son sincero, non sei moi ben de onde saen. Síntoo: son un pintor, galego e cidadán do mundo. Non creo que ofenda a ninguén nin esa é a miña intención".
Sobre a forma e as dimensións do falo do Cristo -un dos elementos que máis incomoda a certos católicos- Manuel Moldes asegura que vai en consonancia cos tres metros que mide o cadro e a el, particularmente, tampouco lle parece esaxerado. "Imos ver", razoa, "Eu non digo sequera que sexa Cristo: chameilleo así porque estou criado nunha cultura cristiá... En 2011, o cadro tamén podería lerse como a crucifixión dese cidadán que regresa á casa baldado despois de traballar quince horas e de que lle paguen como se traballase catro... ¿Por que non se ve o positivo da beleza e a vertente da lectura social?".
"A arte é de todos"
"A miña actitude como pintor", subliña Moldes, "é pintar aquilo que debo pintar en cada momento como resposta ao tempo que me toca vivir: eu teño as miñas ideas sociais e o meu modo de pensar, pero non creo que a arte sexa de ninguén en particular: é de todos". O Arcebispado, porén, afirma no seu comunicado que Moldes "non representa coa debida dignidade a persoa de Xesucristo"
