Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

tradución

O Plácido Castro premia catro autores

Emilio Valadé, Natalia Cora, Rebeca Lemat e Susana Collazo obtiveron o galardón ex aequo

REDACCIÓN   | 14.10.2010 
A- A+

Emilio Valadé del Río, polo seu traballo con A evolución humana de Antonio Bracinha de Antonio Bracinha Vieira e Natalia Cora, Rebeca Lemat e Susana Collazo por Lord Jim de Joseph Conrad gañaron o Premio de Tradución PLácido Castro do 2009. O xurado expresou nunha nota de prensa a súa satisfacción pola grande calidade das traducións concorrentes, que "mellora ano tras ano".

Lord Jim "é un clásico da literatura universal que se nos presenta nunha coidadísima tradución", salienta o xurado, que tamén subliña da tradución d"A evolución humana o feito de ser unha obra científica e "con este recoñecemento faise fincapé na necesidade da planificación da tradución sistemática dun corpus científico universal".

O obxectivo deste premio é subliñar a calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com, nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. As bases da convocatoria indican que na resolución se terán en conta a calidade da tradución, a relevancia para o noso sistema cultural da obra, as dificultades da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto.

O xurado estivo composto polos seguintes membros: Xosé Castro Ratón, da Fundación Plácido Castro; Carlos Arias Iglesias, en representación da Xunta de Galicia; Xosé María Gómez Clemente, da Asociación de Tradutores Galegos; Ana Luna Alonso do Departamento de Tradución da Universidade de Vigo e Alberto Álvarez Lugrís, secretario da Asociación de Tradutores Galegos, que actúa en calidade de Secretario do xurado. Farase entrega do premio, dotado con 3.000 euros, o próximo sábado día 16 de outubro no concello de Cambados ás 13.00 horas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS