Venres 03.09.2010
| Actualizado 10.39
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Arturo Rodríguez Morató ofreceu o relatorio marco da xornada |
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou onte o primeiro dos cinco foros de reflexión estratéxica sobre a cultura galega que se desenvolverán ata outubro. A sesión de onte, dedicada ás políticas culturais e coordinada por Ramón Maiz, comezou cun relatorio de Arturo Rodríguez Morató, profesor de Socioloxía na Universidade de Barcelona.
Sinalas entre os retos actuais das políticas culturais a planificación, a racionalización institucional e territorial. A falta de planificación é, precisamente, unha das críticas máis comúns que se lle fan ás políticas culturais da Xunta, concellos...
Os obxectivos da política cultural, que se foron especificando coa Historia, son diversos e a miúdo contraditorios. A planificación é moi importante, e é unha cuestión que non está resolta en ningún lado. Houbo avances, como en lugares de Canadá, Australia, ou en Francia. Isto ten que ver coa existencia dun debate público: ten que haber información, análise académica ou técnica, e aquí temos moi pouca.
Parece que ás veces nin existe a conciencia de que en política cultural ten que haber planificación...
Nunha política sanitaria, por exemplo, pode non ser tan complexo definir os obxectivos, e polo tanto medir os resultados... Se todo gasto cultural parece bo, estamos ante un indicio de falta de criterio. Se os obxectivos son xa difíciles de captar, e ademais, no fondo, a ninguén lle interesa moito... Porque non son só os políticos. Tamén son os xestores: é máis cómodo avanzar cos recursos que tes que render contas segundo unha lista de obxectivos organizada e sistemática....
A avaliación das políticas culturais é tamén materia pendente. Aquí, durante moitos anos, ou non se facía ou se reducía a cuestións cuantitativas do tipo de se conseguimos encher as prazas de xente con grandes eventos... Avanzouse nisto?
Unha vez que se formularon seriamente os obxectivos e as expectativas que se poden ter, pódense atopar indicadores e técnicas de medición. Se falamos, por exemplo, do cambio que as políticas culturais pode producir nas persoas, nos individuos, temos que ir máis alá que a resposta puntual a un evento. Pódense facer estudos cualitativos sobre as traxectorias culturais, as formas de relación ás que dan lugar, a aparición de intereses novos... O que pasa é que utilizar indicios como o número de persoas que foron ao evento pode servir para vender a lexitimidade da actuación, e é máis fácil, máis rápido e máis barato. Se falamos dun macrofestival, do Xacobeo... poderiamos tentar captar os efectos en imaxe, en relación co sector cultural...
Precisamente iso é un dos aspectos que se poñen en dúbida do Xacobeo: se serve de algo para o sector cultural galego...
As Olimpiadas de Barcelona tiveron unha parte cultural importante. Nas cerimonias de apertura e clausura estiveron grupos de teatro de rúa... e iso tivo un efecto grande no sector. O que pasa é que a miúdo faise unha captación "impresionista", non sistemática. No Xacobeo habería que ver como foi evolucionando, que imaxe xera cara a fóra, os efectos a longo prazo... A miúdo os grandes eventos están desconectados do tecido e as dinámicas locais. Os macrofestivais poden ser moi lesivos para o tecido creativo do sector cultural local, cambian os estándares técnicos e creativos...
Comentas que se foi erosionando a lexitimidade das políticas culturais debido ás críticas pola súa ineficacia, efectos perversos... Se cadra isto ten que ver coa vella distinción entre alta cultura e cultura popular, co discurso liberal que quere confiar a cultura ao mercado... ao Xacobeo atribúenselle grandes efectos ata sobre o PIB...
O que pasa é que da política cultural moitas veces agárdase máis do que razonablemente pode dar. Daquela, as expectativas frústranse. Coas políticas de democratización da cultura, os efectos foron limitados, aínda que non por iso hai que abandonar a batalla. Coas políticas máis socioculturais, máis orientadas aos gustos da poboación, deuse o problema de que cada vez foron abranguendo máis terreos e demandas, ata revelarse insostibles: os recursos son escasos... E todo isto contribuíu a unha deslixitimación relativa da alta cultura, e se todo vale igual, malamente se vai avanzar na acción culturalizadora, no desenvolvemento cultural a nivel dos individuos. Outra cuestión son os efectos extrínsecos que se agardan da cultura: económicos, sociais, de cohesión, integración... e nisto tamén houbo fracasos e efectos perversos. Si hai algúns iconos de eficacia, como o Guggenheim de Bilbao. Hai moito discurso boísta...
A intervención e a autonomía
A organización territorial do Estado engade complexidade...
Hai lugares con niveis maiores e menores de articulación. En Cataluña conseguiuse artellar mellor o nivel municipal e autonómico. En Francia creouse unha arquitectura de convenios...
Co Estado de Benestar demándase unha intervención pública, -subvencións...- Pero esta pode restar autonomía aos creadores...
Hai formas de intervención pública máis e menos protectoras da autonomía. Pero esta depende tamén doutros factores, como a fortaleza do tecido cultural. Cun sistema ministerial, departamental, pódense crear fórmulas de mediación, como as comisións. O sistema anglosaxón, de consellos, garante máis independencia, pero restrinxe a acción cultural, deixa fóra moitas cousas.