Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

escrita

O poder da palabra

Séchu Sende denuncia a destrución da natureza e alenta á acción colectiva para evitala en "Animais", o seu novo libro, que el mesmo ilustrou e presentará mañá

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 23.07.2010 
A- A+

Reganosa, as canteiras do Courel, os eólicos, os guindastres que todo o invaden... son obxecto de crítica no libro

O medio natural. A lingua. A arela de xustiza, liberdade, independencia. Galiza. O poder da palabra. E unha chamada á acción colectiva, alén da resistencia. Son os alicerces de Animais, o novo libro de Séchu Sende. Unha obra que podería definirse como un álbum ilustrado. Un poemario. Unha escolma de relatos. Con versos coma este: "Se fabricamos cuitelos em cadeia, por que nom Liberdade?/ É o seguinte passo na evoluçom da espécie./ E conseguiremo-lo mirando-nos aos olhos". Emoción. Intensidade. Denuncia da destrución da natureza. Humor, tamén. Celebración, da vida, do entorno. Certa maxia. O autor do exitoso Made in Galiza presentará este Animais, que tira do prelo o novo selo editorial da Agal, Através Editora, mañá no Festigal, ás 17.45 horas.

 

As ilustracións son túas. E son máis que complemento do texto.

Eu debuxaba de pequeno. Ós 16 anos déronme un premio de poesía, e decanteime pola escrita. Hai tres anos a miña compañeira agasalloume cun xogo de acuarelas, e comecei outra vez. Á xente gustábanlle os debuxos, e pensei que quedarían ben cos textos sobre o tema da ecoloxía... Non hai na maioría dos casos unha correspondencia entre textos e ilustracións, máis que de fondo: o conflito entre a natureza e un progreso mal entendido.

É unha obra diferente ás túas anteriores, pero ten conexións. O tema da natureza adiantácheo en "Made in Galiza". O tema nacional, a liberdade, estaba tamén en "Orixe"...

Os dous libros naceron da miña experiencia no movemento social: Burla Negra, Nunca Máis, Galiza non se Vende. Do descubremento do humor social como ferramenta para implicar os lectores no conflito, tentar que tome parte... E como é froito dunha experiencia cooperativa, hai un protagonista colectivo: moitos son animais...

Hai unha mestura de xéneros...

Non creo na división dos xéneros. Quixen abordar o tema do conflito ecolóxico desde distintos rexistros.

O humor está moi presente...

Hai un concepto, que é a reesiliencia, que se refire ós xeitos nos que as sociedades que sofren unha catástrofe a superan. Un dos elementos é o humor social. E os galegos temos unha tradición de retranca, menos recoñecida que outro trazo máis pesimista e desmobilizador, a saudade. Eu aprendín isto de Carlos Santiago: o humor é unha forza transformadora potente.

O libro chama, de feito, á resistencia, a unir forzas e facer algo. Reivindicas o poder da palabra...

A palabra é un comezo para resistir, Un xeito de ocupar un espazo, facer acto de presenza. Pero trátase de ir máis alá do resistencialismo e participar nun proceso de creatividade para botar abaixo a empalizada da reserva na que queren pecharnos. Este é un libro pensado non só para a xente que le literatura galega normalmente, senón para que chegue a máis persoas. Moitas veces non valoramos o poder da palabra, o que cada cidadán pode exercer, escribindo, narrando. Penso que o proceso de normalización da lingua, de revitalización do rural, será fundamentalmente comunicativo. Temos que crear un espazo comunicativo común, aberto, para visibilizarnos e implicar a máis xente...

O libro tamén é observación, celebración da natureza.

Para min o Courel foi unha explosión vital, unha descuberta total. Vin a natureza como un contorno do que o ser humano é parte. A xente do Courel interpreta a natureza poeticamente. Teñen unha relación co contorno moi íntima, coñéceno moi ben, e iso reflícteno nas súas historias. Enfróntanse na súa vida diaria a Fenosa, ás canteiras, ó abandono por parte do goberno... e hai unha solucións, unha planificación sobre a explotación do medio, que pode ser un parque natural... Eu creo que o oso pode ser un aliado...

Hai tamén un ronsel de "realismo máxico"...

Interésame a mestura entre a ficción e a realidade. Supoño que bebo da cultura da imaxe, a publicidade, internet: a cultura da fragmentación... No fondo son un surrealista social: deformo a realidade, mestúroa coa ficción...

Ademais de Galiza está o Outro. En "Made in Galiza" eran os kurdos -a tradución estase vendendo moi ben no Kurdistán- En "Animais" son os palestinos, o cuco...

Falar da xente que sofre a opresión e a precariedade, coma nós, -salvando as distancias-, é como ter un espello no que mirarnos. Moitas veces somos máis sensibles cos pobos oprimidos que temos lonxe... En "Made in Galiza" inventei un conto dunha aldea kurda, e resultou que os kurdos se senten moi identificados co que escribo sobre Galiza. Isto anima a seguir...

GALIZA NON SE VENDE

"Touriño non entendeu"

Di Touriño de Galiza non se Vende que é unha esquerda que xera inmobilismo no cidadán...

Galiza non se Vende é a continuidade lóxica de Nunca Máis, dunha tradición de participación cidadá con raíces no agrarismo... Un movemento social libre de hipotecas partidistas. Este movemento social foi determinante para que Fraga perdese as eleccións, e despois o bipartito, por non ser coherente. Foi a clase política a que desmobilizou o cidadán. Touriño non entendeu.

O tema nacional, que tratas en "Animais", está candente. O nacionalismo español semella ben repoludo... Está a revitalizarse dalgún xeito o movemento normalizador do galego?

A literatura non pode mudar o mundo, pero pode axudar. Agora de todo o nacionalismo, ou mesmo o galeguismo, din que é radical... Mais estase xerando unha resposta social á galegofobia, con distintos colectivos que xeran discursos novos, positivos, modernos... O importante é facer unha fronte común, e os partidos deben retirarse e dar paso á cidadanía.

Mudas á normativa reintegracionista neste libro. E arredor do reintegracionismo están xurdindo editoras que lembran a "Letras da Cal", na que estiveches...

Galaxia e Xerais non quixeron publicar este libro pola norma ortográfica. Eu creo que o proceso de normalización non se pode levar adiante se se exclúe o reintegracionismo. As editoras independentes xorden porque hai espazos ás que as convencionais non se abren, porque manteñen tabúes. E eu síntome moi identificado con ese espazo de comunicación que están a crear...

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS