Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

O poder omnímodo

Xabier Queipo gaña o Xerais cunha novela de aventuras na que reflexiona sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial nun acto no que Bragado demanda que os recortes non maten a cultura

MARÉ . SANTIAGO   | 12.06.2011 
A- A+

Pola esquerda, Héctor Carré, Xabier Queipo e Anxo Fariña, na illa de San Simón, onte no acto de entrega dos premios

Unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Así presentou Xabier Queipo Extramunde, a novela coa que acaba de gañar o Premio Xerais, nun acto na illa de San Simón no que, unha vez máis, abeiraron, precisamente, as críticas do sector da cultura ó poder.

"Esta semana colguei no blog un vídeo que moito me conmoveu. Recollía as palabras memorables do mestre Riccardo Muti para xustificar un bis do Va pensiero, o coro extraordinario de Nabucco que dirixiu no Teatro da Ópera de Roma con motivo do 150 aniversario da creación de Italia", lembraba o director de Xerais, Manuel Bragado, no seu discurso.

"A anécdota xa a coñecedes moitos. Con Berlusconi no palco, o mestre Muti recoñeceu que permanecera durante moitos anos calado, mais que agora cumpría evitar que matásemos, asasinásemos dixo, a cultura sobre a que cada país está construído, con tantos recurtes orzamentarios, xa que sen a cultura unha patria podería ser verdadeiramente fermosa, como lembra o retrouso de Va pensiero, mais inevitablemente estaría perdida", engadiu, en clara alusión non só ás rebaixas impostas pola Xunta, senón tamén ás que virán co cambio de goberno en parte dos principais concellos do país.

Reivindicativo foi tamén o discurso da mantedora literaria, María Xosé Queizán, que parecía referirse, polo menos en parte, á recente decisión da Real Academia Galega de non escoller máis mulleres para ocupar algunha das cadeiras que estaban baleiras. A escritora rememorou as trobairitz, as donas occitanas que no século XII compuxeron cantigas na lírica medieval.

"Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectos de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual", comentou.

Pero os protagonistas do día foron, por suposto, os premiados. Ademais de Queipo, Anxo Fariña , que se fixo co Premio Merlín de Literatura Infantil con A chave da Atlántida, e Héctor Carré, gañador con Febre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2011.

Xavier Queipo declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro, Premio da Crítica Española no 1990. "Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha "nave de tolos", que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Admite variadas lecturas, con distintos planos de profundidade", explicou, segundo recolleu Xerais nunha nota de prensa.

"Extramunde, ambientada no século XVI, ou se cadra precisamente por iso, permite unha lectura metafórica verbo da relixión, do espiritualismo, do colonialismo, da defensa e vindicación dos dereitos fundamentais e da procura constante da liberdade e, indo máis alá, da utopía", engadiu. É "unha novela moderna na construción e na estrutura, que contén varias novelas nunha, ou unha novela con distintos alentos narrativos, que van da desmesura violenta de Galiza entendida como territorio mítico e esotérico, a navegación oceánica e o confronto coas forzas da natureza (correntes, bombas mariñas, treboadas perfectas, tifóns), até a descuberta dunha tribo de caníbales nas selvas de Borneo, a aceptación da condición de guerreiro cortador de cabezas", matizou.

Creador de Os Megatoxos, Anxo Fariña recupera en A chave da Atlántida o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado. Foron os científicos do chamado Proxecto Prometeo os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos.

Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Bio- morph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

DATOS

A febre do volframio

Febre recrea a febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial. Os mineiros furtivos xuntábanse na montaña para ir sacando gramo a gramo este preciado metal que despois, a través de intermediarios, sería vendido aos alemáns e tamén aos ingleses. E aí, na mina de extracción a ceo aberto denominada zona libre, aparece unha mañá no seu cabalo Carmucha, unha moza de 17 anos, de familia acomodada, cun carácter forte e rebelde.

Despois de ver as inxustizas que naquel lugar comete a Garda Civil, e sendo consciente da actitude submisa das mulleres coas que convive acotío, Carmucha non fai caso da petición do seu pai, futuro Presidente do Casino de Noia, e decide abandonar o seu traballo como profesora na Sección Feminina para converterse en estraperlista de volframio. A súa intención será conseguir cartos e construír unha escola para as prostitutas dunha barriada de Noia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS