Xoves 09.09.2010  | Actualizado 10.57      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

letras

O poeta total

26.10.2009 Cúmprense dez anos da morte de Uxío Novoneyra, un escritor "profundamente democrático" á que a Real Academia Galega lle dedicará o próximo 17 de maio

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Uxío Novoneyra no Courel, a terra que inspirou boa parte da súa obra e que agora será tamén protagonista do 17 de maio
Uxío Novoneyra no Courel, a terra que inspirou boa parte da súa obra e que agora será tamén protagonista do 17 de maio

O próximo venres, día trinta, cúmprense dez anos da morte de Uxío Novoneyra, poeta ao que a Real Academia Galega (RAG) decidiu dedicarlle o 17 de Maio do 2010. A RAG apurou así o límite de, polo menos, unha década que, segundo as bases do Día das Letras, debe transcorrer entre o falecemento do escritor homenaxeado e a súa celebración.

O día 30 de outubro do 1999, o que foi un dos poetas galegos máis populares do século XX morría tras unha longa enfermidade, só unhas horas antes de que Galicia lle tributase unha homenaxe no Teatro Principal de Compostela, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) -que el mesmo presidía-, a asociación cultural O Gallo e a AS-PG. O propio Novoneyra elixira, uns meses antes, o día 30, despois de que os organizadores do evento lle propuxeran o oito e o catorce de outubro. "Aí é aínda cedo", díxolles o poeta, "como se, en realidade, estivese elixindo a data da súa morte", lembra agora a súa viúva, Elba Rei, memoria viva do autor de Os eidos, o seu libro máis recoñecido.

Aquela confluencia fixo que a maior parte das figuras culturais e políticas de Galicia estivesen reunidas en Compostela aquel 30 de outubro e o seu falecemento se convertera nunha multitudinaria despedida. O seu corpo foi velado no Museo do Pobo Galego e, posteriormente, enterrado sen cerimonia relixiosa no cemiterio laico de Lugo. Desde entón, son varias as persoas e os colectivos que reclaman o traslado dos seus restos ao Courel, montañas nas que nacera no 1930 e ás que lle dedicou os máis celebrados versos da súa obra.

Un só libro, publicado no 1955, Os eidos, converteu a Novoneyra nun clásico, nun poeta que, en plena posguerra, renovou a relación do home coa terra. A intensidade metafísica e política da súa poesía manteríase fiel a esta forza telúrica até ben entrados os anos sesenta, cando a súa obra sofre unha convulsión formal inédita até entón en Galicia. Son os anos, de máis explícito compromiso político, nos que publica Viet Nam Canto ou Ledaíña por Galicia, poemas emblemáticos dunha época que resumían a vocación literaria do escritor e, ao mesmo tempo, a súa forte convicción na oralidade.

O pasado xullo, despois dunha campaña de varios anos desenvolvida por distintas persoalidades da Cultura galega, a RAG decidiu dedicarlle por unanimidade o Día das Letras pola "excelencia" da súa poesía, polo seu galeguismo e por ser "profundamente democrático".

 

PERSPECTIVAS

A poesía de Novoneyra segue a ser hoxe unha auténtica descoñecida, a pesar da súa popularidade en vida e da súa intensidade. O próximo Día das Letras é unha oportunidade única para recuperala.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS