Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

na rede

O poeta universal

Nace a web que acompaña o espectáculo "Mundo Lois", baseado en textos de Pereiro, ideado por Antón Reixa e dirixido por Lino Braxe

MARÉ . SANTIAGO   | 04.02.2011 
A- A+

álbum familiar
Unha das imaxes de Lois Pereiro que se poden ver na páxina web de Mundo Lois
FOTO: álbum familiar

"Pero é mellor sempre intentar ser amable/ mellor rirse dun mesmo e dos demais sen furia destrutiva/ aínda estando seguros das mási escuras e brutais certezas/ sobre o fondo das cousas". "Pois a demolición/é o ferro que nos arma". "Quen desexe realmente facer algo, /a medida das súas forzas,/ talento ou influencia,/que se poña xa mans á obra/e axude a exercer a sabotaxe". Son algunhas das reflexións de Lois Pereiro coas que se vén de abrir a web do espectáculo Mundo Lois, "versos de avangarda e lectura contemporánea". Así definen este proxecto os seus creadores, entre os que se atopan Antón Reixa e Lino Braxe, co que queren homenaxear o poeta monfortino, ao que este ano se lle adica o Día das Letras.

Este portal web -www.mundolois.gl- inclúe información sobre Mundo Lois, un espectáculo que arrincará o vindeiro 4 de marzo ás 22:00 horas no Auditorio Municipal de Vigo, e que chegará ao Salón Teatro de Compostela o propio 17 de maio no que se recordará ao poeta que "somentes intentaba conseguir deixar na terra algo que me sobrevivise".

Mundo Lois está baseado en textos de Lois Pereiro e dirixido por Lino Braxe. A escenografía audiovisual de Manu Paz e Antón Reixa, conta coa banda sonora de Alexandro González. Unha idea de Antón Reixa que levarán á escena Nordesía, Kachet e Filmanova en coprodución. Coa dirección técnica e produción executiva de Paco de Pin e interpretado polo propio Lino Braxe e Antela Cid.

Trátase dunha montaxe escénica na que ten un importante peso a parte audiovisual coa que os seus creadores intentan, segundo indican na web, "universalizar, non só a través da palabra senón tamén da imaxe, a obra poética de Lois".

"Unha visión sedutora e fonda da súa personalidade"

O espectáculo pretende "subministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística". Un paseo "descarnado, espido e comprometido" coa súa obra, segundo comenta Lino Braxe. "A voz poética de Lois Pereiro é a dun home amarrado ao norai da vida como un mariñeiro de Jack London. Un licor que cando se degusta xa non se pode abandonar e que nos acompañará, como unha única sombra ata o final. A palabra dun poeta que cruzou as selvas de Indonesia na compaña de Conrad, despois de sobrevivir a un tifón no Mar da China", explica o director de Mundo Lois.

Unha linguaxe fresca e nova que os impulsores de Mundo Lois queren transmitir "ao público máis novo, aquel que non se achega de por si mesmo á poesía pero que pretendemos chegue a percibir un certo grado de paralelismo entre todas as ideas que Lois agachaba nas súas palabras cun mundo actual que, por momentos, tamén hoxe, nos engule día a día".

A crise que atravesa o sector cultural determinou que tres produtoras galegas se decidiran a colaborar neste proxecto: Filmanova, Kachet e Nordesía, que se encargan de elaborar todo o proceso de produción necesario para un espectáculo desta envergadura.

AUDIOVISUAL

Dous documentais analizarán a súa figura máis alá de estereotipos

Este ano estrearanse dous documentais que analizarán a figura de Lois Pereiro. Un deles, dirixido por Gonzalo Enríquez, aborda a figura do poeta dentre tres puntos de vista: por unha banda, a súa producción literaria; por outra, a propia figura creadora, eminentemente poeta, aínda que tamén ensaísta e novelista e, finalmente, a persoa.

O filme, producido por Mr Misto Films, profundiza a través de familiares e amigos en quen foi Lois Pereiro, máis alá de estereotipos. Entre os participantes, cabe salientar a Manuel Rivas, Antón Reixa, Antón Patiño, Menchu Lamas, Lino Braxe, Xavier Seoane, Méndez Ferrín ou Yolanda Castaño.

Ademais, tamén se presentará Contra a morte, a longametraxe documental de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, producido por IB Cinema e a SECC, que incluirá a fita na súa caixa conmemorativa. O documental rodouse en cidades vencelladas á vida de Pereiro como A Coruña, Compostela, Tui, Monforte de Lemos, Madrid Berlín ou Hamburgo. A intención dos responsables do filme é presentalo en Monforte, nunha data que aínda non se ten concretado.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS