Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

obra

A polémica que enraíza nas terras

O sistema foral, unha forma de pensar que persiste aínda hoxe

MARÉ . SANTIAGO G.H.   | 26.10.2006 
A- A+

GH
Severino Fernández Abel
FOTO: GH

O sistema foral era moito máis que un contrato entre propietario e campesiño. Era tamén unha maneira de pensar que chegou, incluso até a actualidade. É unha das conclusións que se pode tirar da obra O sistema foral en Galicia. Documentos e textos elaborado polo profesor de Xeografía e Historia Severino Fernández Abel, que presenta hoxe a obra xunto ao editor de 3C3, X. Amancio Liñares Giraut e os profesores de Historia Contemporánea da USC Aurora Artiaga e Xesús Balboa.

Profesor no CPI de Pontecesures, Severino Fernández (Santo Estevo do Campo -Arzúa-, 1957) levoulles aos seus alumnos uns documentos orixinais cos que conseguiu espertar a curiosidade dos rapaces. "O libro naceu na aula", afirma Severino. Así foi como xurdiu a idea do libro no que recompila textos de expertos sobre o tema, documentos históricos e fotos para reconstruír a historia do sistema foral de Galicia. Pero ademais, unha das peculiaridades da obra é que o profesor inclúe fotos propias da localización de dous foros en Boqueixón, a vila onde residiu dende pequeno.

Outra curiosidade é que descubriu, de casualidade, información sobre un foro en Melide durante unha visita a un cemiterio. "Atopei unha referencia a un personaxe histórico nun dos panteóns, o cal foi toda unha sorpresa que me permitiu atopar datos no concello e na igrexa", explica.

Porén, un dos aspectos máis destacables é a pervivencia do sistema foral dende a Idade Media até case a actualidade. "Os foros están moi enraizados co sistema de propiedade de Galicia", indica.

Na súa evolución, a chegada do liberalismo no século XIX supón un punto e á parte xa que emerxe a polémica pola redención dos foros en favor dos campesiños ou dos propietarios. Unha polémica que non se arranxou até que en 1926 se aprobou o Decreto de redención de foros. E así e todo, aínda hoxe en día segue habendo conflitos que teñen moito que ver con este sistema. Malia todo, "a xente maior aínda lembra o que era pagar o foro, aínda que non tiña moi claro por que se facía". Por iso o problema do foro é, ó seu ver, un tema "recente" que se pode explicar pola permanencia que tivo na mentalidade galega.

Esta é unha das razóns pola que 3C3 editou esta obra que ten unha función didáctica ao incluír diversas baterías de actividades para completar o coñecemento sobre o tema. De aí que sexa un libro que lles permitirá aos alumnos de secundaria e bacharelato comprender o complexo concepto dos foros en Galicia.

O AUTOR

Unha memoria sobre o Alto Ulla

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Severino Fernández realizou a súa memoria de licenciaturasobre Os asentamentos rurais no Alto Ulla. Impartiu clases en diversos institutos e centros privados de Galicia e na actualidade exerce no CIP de Pontecesures.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS