Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

homenaxe letra "e"

"Só se poñen atrancos"

Paco Martín: "Non se dá en ningunha cultura que a xente dun país teña que loitar contra os que os gobernan para que se teña en conta o que deben ser"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 25.06.2011 
A- A+

eduardo castro bal/acab-ollo de vidro
Paco Martín recibiu o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1986
FOTO: eduardo castro bal/acab-ollo de vidro

O escritor Paco Martín recibe hoxe en Lugo a partir das 11:30 horas a homenaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ao Escritor na súa Terra, un recoñecemento co que se sente gratificado "porque vén dos mesmos que fan as mesmas toleadas ca min", chancea. Un dos catro Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil das letras galegas, xunto a Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Fina Casalderrey, que foi mestre dende1961 ata o 2000, está a preparar un libro de relatos.

Vai recuncar con Ramón Lamote?

A verdade é que volvín ao personaxe por razóns sentimentais. Tampouco é que tivese moitas ganas. A min superáraame o personaxe. Por iso dubido moito de que volva sobre el. Xa vai vello Lamote, non está para moitos trotes.

Que lle parece o que se publica en literatura infantil e xuvenil?

Sempre houbo un altísimo nivel. A verdade é que afortunadamente xa non se pode ler todo o que se publica como si se podía hai un tempo, que podías ler o que se publicaba en galego. Coñezo algunha da xente nova que está a escribir literatura infantil e xuvenil que son magníficos e magníficas. Agora hai unha presenza moitísimo maior de escritoras que o fan marabillosamente ben. Antes, eran poucas as mulleres ás que lles editaban. Hoxe estamos ao nivel de calquera outra literatura, de calquera outro lugar e de calquera outra lingua.

Foi un dos asinantes do manifesto dos Premios Nacionais galegos que pedía o cesamento inmediato do conselleiro de Cultura. Cambiou algo a política cultural do país?

Non sei. Se algo muda é para peor. Porque realmente temos unhas persoas que non sei se por ignorancia ou mala fe ou porque os teñen convencidos e lles lavan o cerebro... pero é xente que non é galega no sentido real da palabra. Mandan en Galicia, porque nós decidimos que mandasen, os que menos sentido da galeguidade teñen. O malo xa non é que non colaboren senón que poñen atrancos no camiño, que é peor. Creo que isto non se dá en ningunha cultura: que a xente dun país teña que loitar contra os seus para que se teña en conta o que deben ser.

A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi...

Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas...

Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?

Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei... Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.

Como contrarrestar iso?

Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.

GALARDÓN

"O carballo é a miña árbore da infancia"

Por que decidiu plantar un carballo, que significa esta árbore?

Eu son dun barrio de Lugo. Cando eu era neno, que hai disto unha chea de anos, ser do barrio era ser da aldea. A miña nai dicía ir a Lugo como se fose a cidade, o lugar de asfalto. A miña infancia paseina xogando polas carballeiras de Fingoi e nas ribeiras do río. Entón, o carballo tiña para min de fermoso que eu, cando xogaba a facer de Tarzán, brincaba nas carballeiras que había e moitas xa desapareceron comidas polo asfalto e as urbanizacións. A xente do meu barrio tiña detrás da súa casa unha pequena corte onde criaban un porquiño que se mataba. Eu teño ido ás carballeiras de neno recoller landras para manter o porco. Quérolle moi ben ao carballo porque é a árbore da miña infancia.

É outra forma recoñecelo como veciño de Lugo.

Eu a verdade é que se me chufaba era de ser de Lugo. Ser desta cidade nos meus tempos era un tanto pintoresco. Se ías a Valencia ou Sevilla e cadrabas cun grupo de rapaces e che preguntaban de onde eras e dicías que de Lugo resultáballes estrañísimo. Ás veces servía mesmo para ligar porque a rapaza podíase chufar de ser de Lugo. Sentíame máis importante por ser diferente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS