Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idiomas

O PSOE dá luz verde ao debate sobre o uso do galego no Senado

Carmela Silva critica o PP por "nin sequera formular" a proposta de ampliar o emprego das linguas cooficiais na Cámara Alta

E.P.   | 22.04.2010 
A- A+

AXENCIAS
Carmela Silva
FOTO: AXENCIAS

A voceira socialista no Senado, Carmela Silva, anunciou onte que o seu grupo votará a próxima semana a favor de tramitar a iniciativa presentada por 34 senadores para xeneralizar o uso das linguas autonómicas na Cámara, pero advertiu de que, durante o debate que se produza tras a aprobación no Pleno desta toma en consideración, formulará "límites" para o seu uso.

Silva explicou que o PSOE apoiará debater a proposta e que, polo tanto, non está a dicir que si ao que nela se propón. De feito, considerou que calquera reforma do regulamento do Senado debe facerse con "consenso", para o cal asegurou que intentará que o Grupo Popular se una ao debate.

Non obstante, avisou de que se non se logra este consenso, o Grupo Socialista non admitirá o veto do PP, ao que criticou por "nin sequera se formular" a proposta de ampliar o uso das linguas cooficiais. "É pouco entendible negarse a avanzar. Non entendo a negativa total e absoluta de usar linguas que son patrimonio de todos os españois", engadiu. En calquera caso, e aínda que non puxo prazos para a negociación da iniciativa que se aprobará o mércores que vén, a voceira socialista asegurou que "hai tempo para seguir intentando que todos os grupos se unan". Así, asegurou que hai senadores do PP que ven "con simpatía" a apertura deste debate, polo que espera que estes convenzan o resto do grupo para que cambie a súa postura e vote á tramitación da proposta.

A pesar de non querer desvelar a posición final que adoptarán os socialistas na negociación porque iso "impediría aspirar á unanimidade", Silva deixou claro que a proposta dos 34 senadores "non ten nada que ver con sentir do Grupo Socialista", o cal, no momento oportuno, formulará "os límites ao uso das linguas nesta Cámara".

 

Os socialistas non queren desvelar a súa postura

De feito, Silva explicou que, dende que se rexistrou a iniciativa o pasado mes de xaneiro, os grupos foron mantendo contactos ao respecto, polo que o resto de senadores coñecen xa a posición do Grupo Socialista. Será no prazo de presentación de emendas e no debate posterior cando o PSOE fixe oficialmente a súa postura. Segundo se estima na memoria económica que acompaña ao proxecto dos 34 senadores, o feito de que os parlamentarios poidan expresarse en éuscaro, castelán, catalán ou valenciano tería un custo anual de 120.000 euros.

REACCIÓNS

"Un mínimo nos plenos", di o BNG

O BNG felicitouse onte porque vaia ser posible a tramitación dunha iniciativa para ampliar o uso das linguas cooficiais no Senado, pero advertiu de que esixirá "como mínimo" que se permita recorrer ao galego, ao éuscaro, ao catalán ou ao valenciano nos plenos e no debate co presidente e cos ministros nas sesións de control ao Goberno e no das mocións. Así o explicou o senador do Bloque Xosé Manuel Pérez Bouza que censurou a posición do PP. "Aloumiñamos o Grupo Parlamentario Popular para que estivesen neste consenso, pero ven as linguas máis como un problema que como unha oportunidade".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS