Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

disco

"Punteiros de azucre"

Guillerme Fernández: "A idea de "Arrolos de salitre" é que os nenos teñan contacto coa música en galego desde o berce, desde o principio das súas vidas"

M. DOPICO . SANTIAGO   | 29.12.2010 
A- A+

Álvaro Díaz
Xabier Díaz e Guillerme Fernández presentaron o disco na Coruña nun colexio
FOTO: Álvaro Díaz

"Gaiteiros de vainilla,/ bufa que bufa,/ en punteiros de azucre/ para que durmas". Así comeza unha das once cancións de berce que contén Arrolos de salitre, o quinto disco do selo creado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Melodías suaves e sinxelas, nas que predominan o son da guitarra e do acordeón, acompañan nestre traballo a letras tradicionais ou de autor. Guillerme fálanos do proxecto.

Moitas pezas parten de recollas realizadas en distintos lugares do país. Como foi o proceso?

Xabier Díaz dedicou moitos anos a facer traballo de campo, gravar cancións que están recollidas no que chamamos Arquivo de Salitre. Dese arquivo botamos man para rebuscar e seleccionar as melodías que mellor podían adaptarse a este proxecto. No caso dos temas tradicionais, arranxamos as melodías. E tamén hai no disco temas de composición propia, que tentamos que gardasen relación co substrato tradicional, que houbese unha coherencia estilística.

Nove voces emerxentes participan no disco. Só o último tema é cantado por Xabier. Era un xeito de darlle variedade ó disco? Os xeitos de cantar son diferentes, aínda que as melodías sexan máis semellantes.

O obxectivo era darlle variedade ó disco, si, con voces de distintas procedencias: non todos veñen da música tradicional... E, por outra banda, dar a coñecer novas voces.

Cada vez hai máis discos en galego para nenos e nenas. Pero non é tan común facer un disco para bebés...

Un pouco era esa a intención, para que os nenos, desde o berce, se acheguen á música en galego, teñan contacto coa música na lingua propia desde o principio das súas vidas.

Nas melodías o que máis se oe é a túa guitarra e o acordeón de Xabier, e un pouco de percusión...

Tamén era a idea. Facer algo distinto doutros formatos dos que participamos como Berrogüetto, no que hai moitos instrumentos e cada persoa toca varios. Aquí queriamos facer algo máis sinxelo, tamén para adaptarnos ó público ó que o disco vai dirixido. Cancións fáciles de lembrar, de cantaruxar, sen moita variación tímbrica e de instrumentos, con só o acordeón, a guitarra e a percusión que facemos entre os dous. Nun tema colabora con nós tamén Quim Farinha, e noutro Pedro Lamas e Suso Iglesias.

No medio do folletiño das letras aparece un relato da escritora e xornalista Lupe Gómez. Como foi?

Queriamos botar man de alguén que expresase con palabras o proxecto. Pensamos os dous en Lupe, polo seu xeito de escribir, tan ligado ó mundo infantil. É como unha nena eterna... Escribiu un conto moi bonito.

É o quinto disco de Músicas de Salitre, tras proxectos como "Espido", "Coplas para Icía" ou "Benzón", que membros de Berrogüetto fixestes de xeito paralelo. É unha maneira de refrescarse despois de tantos anos? De onde vén o nome?

O nome é porque tanto Xabier como eu nacemos e vivimos en vilas costeiras. Os proxectos de "Músicas de Salitre" son complementarios con respecto a Berrogüetto. En "Espido" queriamos facer algo só con guitarra e voz... Unha formación é máis axeitada para un proxecto e outra para outro... E tamén é unha vía de escape, si.

Como é arranxar melodías recollidas hai anos, transmitidas por persoas que ó mellor xa nin viven?

Pois faise con respecto, tratando de non desvirtuala pero achegándoa á contemporaneidade. En realidade afróntala como outra melodía, tratando de manter a súa esencia...

DATOS

"É un hábito que se está perdendo"

Gustoume moito "Gaiteiros de vainilla"...

A letra é dun poema de Carlos Rivero, un autor de Ponteareas. Atopámola no seu libro Catavento ao Norde, e tentamos lozalizar o autor pero non o conseguimos.

Como foi traballar para bebés? Fixestes algunha proba con nenos e nenas pequenos?

Eu pensei que ía ser máis complicado, pero ó final non foi tanto. Si que nos deixamos aconsellar por amigos que son pais.

A vós cantábanvos arrolos? Eu creo que é algo que xa non se fai moito. E tamén é parte do noso patrimonio musical...

Unha avoa si que me cantaba algo. Desde logo antes cantábanse moito máis, como demostra o arquivo. É un hábito que se está case perdendo, si.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS