Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.07.2019 Actualizado 12:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

cinema

Quen foi Sofía Casanova?

Saga TV presenta o vindeiro día 28 en Compostela unha longametraxe que indaga, a través de testemuñas, na traxectoria dunha muller "á que a Historia non recoñeceu como merece"

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 17.06.2011 
A- A+

saga tv
A película inclúe animacións e recreacións de ambientes históricos da vida de Sofía Casanova
FOTO: saga tv

Quen coñece a Sofía Casanova? Perdeuse a verdade sobre quen foi? Son preguntas que formula A Maleta de Sofía, unha longametraxe que indaga na traxectoria desta correspondente nas dúas guerras mundiais e escritora á que "non se lle recoñeceu o papel que lle corresponde na Historia", segundo explica o director da película, Marcos Gallego. Concibida baixo o xénero do falso documental, a peza, realizada por Servizos Audiovisuais Galegos, SAGA TV, estrearase o vindeiro día 28 ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago.

Distintas testemuñas, e persoas que dun ou otro xeito tiveron relación coa súa obra, reconstrúen, así, a vida de Sofía Casanova, no ano no que se cumpren o 150 aniversario do seu nacemento. "Falamos con Rosario Martínez, a súa biógrafa, que foi realmente quen comezou a recuperar o material esquecido sobre Sofía; con Margarita Ledo, Perfecto Conde, Ramón Villares, con familiares dela... O obxectivo era sacar unha serie de perfís distintos, para abordar desde distintos ángulos as facianas desta muller", explicou o director.

O proxecto xurdiu no 2001. "Estabamos traballando noutra película, A outra Galicia, sobre a Galicia polaca, que era parte do imperio austro-húngaro. E así demos con ela", indicou. Sofía Casanova naceu na Coruña. Casou co escritor polaco Wincenty Lutoslawski, e a Primeira Guerra Mundial colleuna en Polonia. Traballou para a Cruz Vermella en Varsovia e, tras ser arrasada esta cidade polos alemáns, marchou a Moscova e despois a San Petesburgo. Foi tamén testemuña da ocupación de Polonia polos nazis na Segunda Guerra Mundial.

"Foi unha muller moi culta para a súa época. Sufriu moito, e a historia non a tratou como merecía porque era politicamente incorrecta. Na guerra civil española foi traída polo bando golpista, e fixo traballos propagandísticos, é certo. Despois, cando viu como os nazis invadían Polonia, non calou, porque non podía aceptar aquilo. E por iso no xornal ABC decidiron prescindir dos seus servizos. A súa ética xornalística era dunha altura incrible: ela contaba o que vía, como cronista que era. E iso é parte da súa grandeza", asegurou o director.

O proceso de preparación da longametraxe foi complexo. "Documentámonos moito, pero o que fixemos foi máis ben un traballo de desenvolvemento de guión, que escribimos Gonzalo Velasco e eu. A de Sofía é unha historia complexa, que esixiu un traballo profundo e exhaustivo, e un proceso de postproducción moi complicado. O que propoñemos non é un documental clásico, biográfico, senón máis ben unha película que xoga con distintos ingredientes, cunhas tramas a medio camiño entre a narración documental e a ficción", sinalou.

Sendo unha peza de época, supuxo un intenso traballo de recreación de ambientes históricos, con moita animación, recreación de fotografías e imaxes de arquivo..."Foi difícil encontrar, seleccionar e negociar o acceso ó material", lembrou.O punto de partida é, así, a maleta de Sofía. "Suponse que a súa casa de Varsovia ardeu, con todas as súas pertenzas dentro. Pero ela levaba sempre consigo un maletín, no que podía gardar os seus documentos. E esa idea é coa que xogamos, para tentar formular quen era, quen sabe quen foi Sofía Casanova", salientou Marcos Gallego.

DATOS

"O 5% nunca se fixo realidade"

Comba Campoy e Marcelo Martínez encargáronse da adaptación, Mon Moares das animacións, e Margarita Fernández fai de intérprete na película. Na ficha técnica figura tamén a intervención de Rosario Martínez, Perfecto Conde, Margarita Ledo, María do Cebreiro, Marta Pérez, Xosé R. F. Figueiredo, Ramón Villares, Ramón Barreiro, Karol Meissner., Sofía Markinek, Jacek Jawoski e Viktoria Grygierzec. A película foi rodada en galego, e Saga TV tentará dobrala ou subtitulala para distribuíla tamén fóra de Galicia. "É moi difícil porque non temos apoio ningún. Non hai intención de mercar dereitos por parte da TVG. O 5% para a produción independente nunca se fixo realidade, nin con este goberno nin co anterior", lembrou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS