Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.12.2017 Actualizado 20:02
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

O radar da vangarda

O xornalista Xosé Manuel Pereiro pensa que o seu irmán Lois era "esencialmente poeta", un roqueiro amante das palabras, unha persoa calada e con moito sentido do humor

LUPE GÓMEZ   | 18.09.2010 
A- A+

Xosé Manuel Pereiro, esquerda, é o presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia. Á dereita Lois Pereiro, Letras Galegas 2011

"Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano", dicía Lois Pereiro no manifesto incluído no libro Poemas para unha loia (Espiral Maior). Falar co seu irmán Xosé Manuel e recordar a Lois é unha forma de medrar tres ou catro metros. Lois tiña o radar para detectar a vangarda. Tamén tiña o radar para comprender, e debuxar, a elegancia. Escribiu versos feridos, sufriu enfermidades, viviu amores e nunca perdeu "esa necesidade de sentirme molesto e radical." Xosé Manuel e mais Lois andaban sempre pegados un ao outro. Viviron, case sempre, xuntos. En Santa Cristina do Viso está o berce do poeta que será homenaxeado co día das Letras Galegas. Xosé Manuel e mais Lois ían xuntos ao colexio e o único que vían era a néboa que cubría Monforte. Cando eran nenos vestían igual e sempre se perdían cando ían da aldea do seu pai á aldea da súa nai.

 

De onde veñen os vosos nomes e os vosos apelidos?

No carné de identidade el era Luis Ángel Sánchez Pereiro. Eu son José Manuel Carlos. Era ese costume dos anos 50-60 de poñer nomes compostos. No colexio había moitos José Manuel, José Antonio, José Luis... E había nomes exóticos como Federico. O meu avó quixo poñerme Carlos e fíxome desgrazado para toda a vida. Meu pai e miña nai eran de aldeas que estaban a dous ou tres quilómetros de distancia unha da outra. En Santa Cristina do Viso case todos os da aldea se apelidaban Pereiro. Era un alto dende o que se vía un castro rodeado de ríos e cheo de castiñeiros. Víase toda unha devesa. Era unha paisaxe como Canadá. A casa dos meus avós maternos era unha casa grande, con libros, cun tío cura. Tanto meu pai como miña nai foron os primeiros con estudos superiores da aldea. Miña nai foi mestra e meu pai licenciouse en Dereito e tivo unha cristalería toda a vida, na que tamén traballou Lois.

 

Como afecta a néboa de Monforte ao carácter dos monfortinos?

Lois Pereiro, nun poema, dicía que a néboa era "fumadora de opio". Son experiencias persoais e depende de se che gusta a néboa ou non. Gústanme os climas fríos e a el tamén. El falaba da estética centroeuropea, e a néboa para el era importante. Vivir en Monforte é duro porque tiras ao mellor quince días sen que asome o sol. Vas a Escairón e ves a néboa, como se foses nun avión mirando as nubes. Baixo a néboa hai unha cidade. Monforte é un barrio, unha estación de tren. Cando es novo, a néboa é moi evocadora. Sentiamos os pitidos do tren. Lois e mais eu iamos sós ao colexio e non viamos nada coa néboa. Os veráns pasabámolos nas aldeas. Atravesando un bosque iamos á aldea da miña nai, guiados por Emilia, a señora que nos coidaba. Sempre nos perdiamos cando iamos dunha aldea a outra. Lembro as sombras dos castiñeiros e os contos da xente.

 

Galicia, para Lois, era "poesía, patria, paixón". No seu guión televisivo el tamén falaba do perigo de extinción desta terra húmida.

A súa afección pola vangarda está lexitimada por ter unha militancia na lingua. Na nosa xeración ou tiñas o futuro de ser gamberro ata que teu pai te colocase nun banco, ou eras nacionalista porque era un mundo prohibido. Lois era un anarco-galeguista. Empezamos a firmar como Lois e Xosé Manuel antes de rematar o Bacharelato. En Monforte había librarías especializadas en todo tipo de literatura. Nos anos 70, co hippismo, en Monforte escoitabamos unha música que non se escoitaba en Madrid. Lou Reed, David Bowie, Brian Eno... Esa música circulaba en pandilla e ao ser un sitio pequeno calquera moda ou tendencia espallábase máis. Sempre que iamos a Lugo pediamos un libro. Tivemos unha infancia moi lectora. Lois era un devorador de libros, música e cine.

 

Nalgún poema fala de Thomas Bernhard como se fose o seu irmán. Por que se identificaba tanto con el?

Identificábase coa estética centroeuropea. Era un xermanófilo. Eu era e son "británico profesional". Thomas Bernhard tiña esa literatura descarnada, acerada e estaba fóra dos barroquismos meridionais. Vives na néboa e paréceche máis exótico un libro como La colmena que Kafka. Tamén lle gustaban autores franceses e no manifesto de Poemas para unha loia aparece unha relación das súas referencias literarias.

 

En Madrid fíxose amigo de persoas como Manolo Rivas, Menchu Lamas ou Antón Patiño. Como era a súa vida nesa cidade?

El foi facer Socioloxía. Eu fixen Xornalismo. Manolo Rivas e mais eu recoñecémonos polo acento na facultade. Con Antón Patiño e Menchu Lamas decidimos facer a revista Loia. Cando Lois veu para Madrid xa había nesa cidade bastante xente de Monforte, como Piedad Cabo. Collemos un piso e el empezou Socioloxía na Universidade León XIII, que era da Igrexa. Fixo o primeiro curso e deixouno. Volveu a Monforte e estudou Idiomas. Despois foi vivir con Piedad Cabo nun piso da rúa Extremadura e foi cando compraron o aceite da colza.

 

Era un bon recitador? Como lembras a súa voz nos recitais?

El era moi conversador e moi escoitador. Sempre estaba rodeado de mulleres e frikis. Era moi pausado. Tiña un carácter moi británico, cun sentido do humor moi irónico, socarrón. Era difícil de alterar. Era un home de carisma. Daquela levábase o poeta performer-ambulante e se eras poeta tiñas que demostralo. Lois non exercía de poeta, non recitaba poemas estando borracho. A única etapa que tivo de literato foi cando se xuntou co colectivo De amor e desamor porque facían moitos recitais. El para os frikis e para os colgados era como un imán. Nunca tivo habilidades sociais. Sentíase ben entre a súa xente, pero non entre a xente.

 

Tiña unha forte presenza física, unha intensidade especial, como se formase parte do mundo dos vivos e do mundo dos mortos.

Era calado e de poucas palabras. Era máis de escoitar. Non era nada estentóreo e si que era estrito na forma. Máis que poeta punk era un poeta dandi, pre-gótico. Maqueábase moito para saír. Poñía o seu fular, a súa bufanda, o seu abrigo. Ía comprar roupa vella ao rastro. Daquela non había tendas de roupa "enrollada". Non había "chupas" de coiro. El colleu unha de motorista no rastro e eu tiven que ir por ela a Ámsterndam. El tiña aspecto decadente, e tiña gusto pola decadencia.

 

Parecía algo áspero ou serio, pero tamén era xeneroso e moi amigo dos seus amigos.

Era bastante sentencioso e ocorrente. Impresionaba a xente porque se esperan intercambios neses golpes sociais de tres minutos. El neses tres minutos estaba calado. Non ía facendo amigos por aí. Eu sempre digo que detrás do personaxe está o creador. Era como "o roqueiro que sabe escribir". O seu cerne era a poesía. El era esencialmente poeta. Nunca pensou en ter unha carreira literaria aínda que estaba moi contento co premio O Facho e amolado porque non lle deron o premio da Crítica.

Escribiu o seu mellor libro, "Poesía última de amor e enfermidade", partindo da dor e do sufrimento que sentía. El sabía que o que tiña era unha prórroga, que tarde ou cedo morrería e que vivía de prestado. Iso fixo que puxese as pilas, que encontrara o tema e que fixera o libro para o que se estivo preparando durante 36 anos. Hai xente que se vai construíndo como autor a medida que vai publicando. El non. Parece incongruente coa pouca produción que tiña. El estaba roendo sempre nos poemas. Corrixía e puía constantemente. Sempre estaba nos bares escribindo e fedellando. Os bares foron a nosa conquista. Lois ía moito ao Borrazás, na Coruña. Estaba coas súas libretiñas e coa súa letra pequeniña. Como bo galego era unha persoa moi curiosa, moi coidadosa, moi ordenada. Case era maniático da orde. Facía o seu dossier de prensa.

 

Publicou os seus poemarios nunha editorial underground como Positivas, e Paco Macías foi o seu editor.

El non tiña habilidades para presentar os seus libros ás editoriais. Nunca dicía que non cando lle pedían unha colaboración para revistas ou para calquera cousa. Como di Manolo Rivas, tiña un radar para detectar a vangarda. Ía por diante de todos nós, e ti ías detrás como podías. O seu primeiro poemario foi o primeiro libro de Positivas e o seu último libro ía editalo en Xerais pero falou primeiro con Paco Macías e sacouno en Positivas. Grazas a iso publicouno estando vivo. Poesía última de amor e enfermidade saíu en decembro do 95 e Lois morreu en maio do 96.

 

Lois era moi namoradizo? O amor é un dos seus grandes temas.

El só tivo unha moza en toda a súa vida, dende os 17 aos 35 anos. Penso que non era namoradizo, pero poucas veces vin a alguén tan desfeito por amor como cando a súa moza e máis el deixaron a relación. El entendía o amor como algo absoluto. Non era un ligón. Sempre tivo relacións intensas, e de moita complicidade, coas mulleres. Namorábase de libros, películas.

 

Dende a súa tumba Lois Pereiro segue lanzándonos unha mensaxe de vida e de furia necesaria?

Sempre tivo unha actitude moi radical. Na vida foi sempre moi libre porque non soportaba un horario de traballo. Era pensionista por ser vítima da colza e facía traballos de dobraxe para a televisión. Era antinormativista como Novoneyra. Nunca se considerou a si mesmo como maldito. Mantivo sempre o seu espírito rabudo, inconformista. Era unha persoa moi educada pero ía a contracorrente do pensamento dominante. El dixo: "Escribo para que me queiran máis".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS