Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Escritor

Rafael Lema: “A educación debe amosar que rico é un cando sabe de onde vén”

“O galego é un xeito de sangue inmaterial, de adn, pero tamén un tesouro”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 07.02.2011 
A- A+

Rafael Lema recibiu galardóns como o Espiral Maior, o Concello de Carral e o accésit do Esquío

Rafael Lema, nacido en Ponte do Porto-Camariñas en 1967. É presidente do grupo ecoloxista PX da Costa da Morte e directivo do grupo de acción costeira GAC 3 Costa da Morte. Diplomado en Imaxe e Son, é filólogo e empresario. Como poeta foi premiado co Espiral Maior, o Concello de Carral e por dúas veces co accésit do Esquío. A súa novela U-49 foi finalista do Martín Sarmiento en 2008 tras Agustín Fernández Paz, e é finalista en 2010 do mesmo premio por O tesouro da corsaria. Tamén obtivo distintos premios de investigación por traballos relacionados co patrimonio submarino. Actualmente está traballando no censo de barcos afundidos en Galicia.Ten publicado obras como Mareas Negras (2003), Capitán Araña (2004), O club do corvo mariño (2005), El Camino Secreto de Santiago (2008) ou Crónicas corsarias (2009).

 

A condición indiscutíbel de nación, a dignidade, a fala, as arelas de liberdade fóronse esluíndo ou esvaecendo de tal e non definitiva maneira, que por quendas ben sinaladas, semella que o galeguismo, para aquí e para alá de todo o que representa, non é máis ca unha estación de mediados do século XVIII onde os viaxeiros quedaron petrificados, mortos. Agora, de por parte dalgúns e dalgunhas reprodúcense determinadas postas en escena, cuns dramatis personae de repartimento, que resultan máis patéticos que esperpentos valle-inclanescos, ata o punto que o delirium da estulticia mesmo tende a negar a nación de nós con todo o que iso implica. Panorama negro, si, pero onde cabo de todo albiscamos algunhas non furtivas esperanzas? Cal é, xa que logo, Rafael, a reflexión posíbel para ti despois desta miña non breve introdución?

A resposta está nas persoas, nos cidadáns, o século XXI ten que ser dos cidadáns por enriba de todo, e cando digo todo é todo. Bandeiras, patrias, ideas. Un mundo novo precisa novos moldes, apertura os demais, os diferentes. Para este camiño ser galego é unha marca, un carisma, temos detrás de nos un país que ven dos construtores de dolmes, identificado, noso,
unhas raíces. Iso non o pode dicir un desleigado materialista dunha gran cidade, un cidadán do mundo, ou sexa de ningures. Valle Inclán precisamente, ou Tarkovski, os nihilistas rusos falaban cun século de adianto, noutra fala, non os entenderon. Temos que vivir no mundo pero coa forza que nos dá ser galegos, ter unha cultura milenaria onde a fala é todo. Nas nosas circunstancias sen fala non hai país, pero isto non é unha premisa universal, no feito galego si.

 

Considerar que o galego, como idioma, non propia da súa cerna, senón que provocada por elementos fascistas e fondamente ignorantes, que non verían con malos ollos, senón a desaparición total do noso idioma, si unha reserva de circo ou museo metafísico indescritíbel?

A resposta anterior vale. Sen galego non hai Galicia, porque cando empezou a democracia era o único que nos facía diferentes doutros territorios que teñen tanta ou máis historia, dábanos unha marca de nación. Se cando eu falo se sabe que son da Costa da Morte, é algo o que non debo renunciar, a min dáme moita pena ver xente desleigada, que non sabe de onde vén, quen é, eses tipos das novelas de Paul Auster, da novela negra nórdica, sen metas sen referentes. Nós temos un país ás costas. O galego é un xeito de sangue inmaterial, de adn, pero tamén un tesouro. Eu odio impoñer nada, e dar discursos, cada un que faga o que lle pete, pero a educación debe basearse en demostrar que rico é un cando sabe de onde vén, e a maxia da sua herdanza, do que os ingleses chaman o heritage, o que nos deixaron e debemos conservar.

 

Que teñen de partidos nitidamente galegos o PP, o PSOE, e a deriva ao meu ver social-democrática e neoliberal dunha parte non despreciábel cuantitativamente do BNG?

Todos partidos que teñen galegos son galegos. Eu son incapaz de odiar a ninguén, un home é un accidente biolóxico, unha vida merece o máximo respecto, e creo que todos nos seus choios queren facer o mellor. Valle inclán e Torrente tamén eran galegos. Mataron a alguén? Eu non son quen de comparar partidos, non son político. Creo que a relixión e a ideas son cousas privadas e persoais e canto máis lonxe mellor. Non me importan as estruturas de ningún partido nin esas gaitas, eu creo nas persoas pero ten que haber partidos e votacións, e mítines, e bolseiras porque a outra alternativa xa sabemos cal é. Eu si creo nas pequenas cousas, son un activista comprometido e activo na Costa da Morte, nunca me apuntei a nada, sempre me viñeron buscar á casa pero é difícil que diga que non a unha causa que creo que é xusta. Que beizón unha sociedade dun millón de ideas e dun millón de propostas. Nunca me encontraredes pedindo a cabeza de alguén ou ir a un sitio para atacar a outro. Si para crear e facer, para construír.

 

Monarquía parlamentar e democracia. Podes facer unha pequena reflexión desta situación de ‘facto’ ao meu ver tan disparatada?

Son republicano e nacionalista, pero non son de esquerdas nin de dereitas, síntoo. Nin creo nesas parvadas. No século XXI as ideas non deben machacar as persoas, xa fixeron demasiadas mortes e queimas no outro século. Impórtanme tres pitos esas dúas propostas, pero si que a xente poida estar en partidos, comprometerse, votar, que teña ese dereito. E aprezo moito as persoas que queren facer cousas pola sociedade, que se comprometen, que se involucran. Pero as chorradas de bos e malos, non son para min. Para iso xa tedes as series de TVE. Amo moito a historia e non soporto as mentiras, iso si que non. A liberdade para facer o que nos pete. Iso si. Por iso temos que loitar, por que cada un diga o que queira e pense en alto. Nas circunstancias actuais Galicia esté dentro dunha realidade histórica chamada España e doutra máis artificial chamada Europa. E hai unha monarquía. Eu hoxe non vexo outra cousa mellor, para a convivencia, non para a miña querencia persoal. Pero as cousas cambian, nada é inamovible e ninguen é imprescindible.

 

Bilingüismo harmónico, trilingüismo moderno, bilingüismo restitutivo, exaltación do disparate? Ao meu ver, Rafael, só cabe a inmersión lingüística, que propuña co moi bo xuízo o noso vello amigo e coñecido profesor Blecua, que como ti ben sabes, é hoxe en día presidente da RAE. Calquera outra acción para –seguir mentindo– restituír o galego, éuscaro, ou catalá a uns mínimos de normalidade, resulta pois, falaz. Concordas coa miña opinión?

É verdade pero hai un problema de forma e de actitudes. Ou sexa, os políticos, todos, impórtalles tres pitos, só queren votos. Eu creo no futuro do galego, porque gaña en prestixio e dignidade. E aínda que perda falantes de uso, pola urbanización da sociedade, gaña en xente que o sabe falar e escribir, en cultura e imaxe. Vivo nunha ría case monolingue, en Camariñas, aquí hai moita xente que na súa vida falou outra cousa, e cando foron de emigrantes falaban alemán, francés e galego, nin hoxe saben castelán. O noso idioma é o galego, e estamos nun estado que ten unha fala nacional. Eu aprezo o castelán, sérveme para saber máis, ter máis cultura, coñecer, pero non é a miña fala. A realidade nas cidades non é a mesma que nas aldeas. Como facer que onde non se fala galego lle teñen cariño a lingua e esta medre? Pois con respecto, cedendo e compartindo espazos, sen renunciar ninguén. E pódese facer, pero non hai acordos nin "educacion". Menos política e máis cultura. Sobre as movidas políticas é todo unha farsa, pero a mi nnon me enganan. O ministro de xustiza que foi ás manifestacións do galego en Cee vai boa de desprezalo. E os fillos dos políticos van aprender inglés a colexios privados ou a fóra. Por que non van ter dereito a saber máis os fillos do pobo en escolas públicas?

 

Un estado federal ou confederal non sería o mellor que nos podería acontecer no principio do camiño cara a unha Galicia Independente, socialista, internacionalista e solidaria cos demais pobos do planeta?

Galicia como nación debeu constituírse en reino e logo en república. Podemos acabar con esa eiva histórica? Pero chegamos o seculo XXI e a cultura dos agrupamentos trasnacionais, dos blocos, da política común, de Europa imponse, neste marco, a día de hoxe e coa que está caendo hai obxectivos primordiais, o traballo, a xente.
Nunha España cainita e miserable onde a xente se mata por un trapo enriba dun pao e tan bo é xan como pericán, dáme medo cambiar o marco. Non vexo cambios no sistema español en 20 anos. Por suposto, mellor sería ser libres, nunha confederación ibérica, o estilo Castelao. Pero tamén é mellor unir concellos e sacar as deputacións. Por que non empezamos por abaixo en vez de falar do sexo dos anxos? Non somos capaces de unir Camariñas, Vimianzo e Zas e falamos de confederación. Iso non é compromiso iso é conformismo. Nós politicamente non somos nada.

 

Podemos considerar que a longa experiencia vivida baixo a férrea bota do capitalismo é un absoluto fracaso ao cal hai que lle poñer fin, malia que lles pese a moitos, comezando por eles/elas mesmos?

Eu son autónomo de quinta xeración. Meu avó xa tiña unha fonda hai un século. Son fillo e neto de emigrantes. O home ten que buscar a vida, e facer por ter, a condición humana leva a loitar e esforzarse iso é o que hai que premiar o esforzo e a valía, non os carnés. Non quero o comunismo nin o fascismo, mataron mentiron e acabaron con pobos. O capitalismo implica un materialismo atroz e opresor, que se pode respostar nun marco de liberdades con dúas armas: a xustiza social e a independencia da xustiza. Creo no home, na santa liberdade e na dignidade, e que cada un faga o que lle pete co seu tempo, co seu traballo e cos seus cartos. Que nos deixen libres para vivir e traballar e canto menos estado mellor.

 

Cal é a idea e mesmo a imaxe do tempo que Rafael Lema Mouzo pode describir cunha sintaxe que transcenda ao formalismo burgués, e reivindique a polisemia, a lóxica, a razón como fundamento?

O tempo é só un, o noso, non hai antes nin despois. Eu creo no cambio das xeiras, dos tempos, en que estamos espertando dun sono con pesadelos no presente, creo nun novo século cunha nova arte, poesía, narrativa. E sei que está aí, que se fai, que facemos, pero aínda non ten o seu tempo, só se da a coñecer en anacos, como eses lucus , altares no medio dos bosques galaicos e celtas. A edición e a visualización da nova creación é escasa, vivimos onde vivimos e non hai posibilidades de saír á luz con propostas de risco, agás en certos aspectos, máis ligados ao comercial. Pero por outra parte é a mellor época para a cultura galega, vivimos a nosa idade de ouro, somos os primeiros en gozar de dereitos, de mercado, de certa dignidade. Non todo é choro. Tamén hai marcos para facer cousas.

 

Narrativa e poesía son os
dous eixes talvez esenciais da túa obra, porén, en cal dos
dous mares ou ríos estás máis no propio de ti?

Hai dous campos para min, a prosa e a lírica. Separados. E está nacendo
unha linguaxe do futuro que vai máis alá dos xéneros vinculado a tecnoloxía. Para min a poesía é unha maxia, algo dado a uns poucos no aspecto creativo pero para moitos porque está dentro do ser, é unha necesidade. Por iso creo nunha fala poética propia. Dicía Ezra Pound que hai que cargar de significado os versos e que se queremos dicir algo non perdamos a ocasión de facelo en boa prosa. Facer unha poesía críptica, simbólica, sensitiva. De careixas verbais, evocacións. E a carón do texto unha poética que permita ter a chave para abrir a caixa de segredos que encerran os versos. En canto a novela, creo na verosimilitude e na consigna cervantina de instruír deleitando. Encántame a nosa historia, sobre todo a naval, sacar das sombras persoeiros reais pero que pasaron pola vida como un lóstrego, dos que só sabemos unha anédocta, unha frase, unhas liñas tortas no mar dos acontecementos históricos, e arredor del recrear unha sociedade, un mundo, unhas xentes que foron os nosos avós, bisavós. Pero outro aspecto é o contemporáneo, sobre todo, con persoeiros novos, xente de aquí e de agora cos problemas e conflitos que vivimos. Creo na narrativa áxil e comunicadora, na aventura, no disfrute por ler. Empecei poeta e iso marca, acabar un poema é un xeito de aclarar as tebras, diría Proust; pero creo que a novela é a catedral da literatura, un complexo mecanismo de xente, de vidas, un universo máxico, embaucador,

 

Sen exclusión de ningún xénero, cal é a túa reflexión sobre a literatura galega actual?

Temos que pensar que conviven as xeracións con mais e mellores títulos da literatura galega, e iso debe ser un caso único en Europa, porque hai trinta anos apenas había referentes. E as grandes obras clásicas, que son poucas pero hainas, apenas se coñecen, e se se citan non se len. Porque O mesón dos ermos, ou todo Cunqueiro, parecen feitos nunha época de ouro, e naceron nun deserto, nunha época terrible. Teño confianza no futuro porque o galego medrou en dignidade, en lectores e en escritores, e as novas tecnoloxías alimentan e fomentan a comunicación, a creación e o achegamento de todos a todo. En poesía e en literatura xuvenil podemos competir sen medo en calquera feira. A poesía está pasando un momento difícil e é algo necesario, debemos ter un canle de visualización do moito e bo que se fai. E non hai campo tampouco para as novelas grandes, esas que lle dan prestixio as linguas. De todos xeitos empezamos unha nova revolución virtual e técnica e creo que temos moito que dicir no aspecto creativo.

 

Cal é o prezo a pagar pola liberdade?

Ningún. A liberdade é individual, e podo entender que se perda de feito circunstancial, renunciar a moitas cousas por conseguir outras, por un reto, pero por un tempo. Non podería vivir nun país sen liberdade, nin facer o que non me sae de dentro. Vida só hai unha e non podemos desprezala nin estragar o tempo, iso si que é pecado.

 

De todos libros cantos levas escrito, cal é o teu predilecto?

O primeiro, Cemiterio das gaivotas, premio Espiral Maior de poesía, permitiume coñecer os meuss mestres na poesía en galego e bos amigos. A primeira novela Flores negras, abriume a un campo novo, e é tan dura como humana. Pero acabei unha o ano pasado que é a favorita, pero é longa, haberá que partila.

 

É habitual en ti a relectura?

Si, sobre todo dos clásicos, e ás veces dos novelistas do mar por ver certas referencias, buscar os seus rumbos e mundos, cun afán de estudo despois do placer da lectura. Las pasiones esbozan nuestros libros, el reposo de los intervalos los escribe, dixo Proust. Pero son moitos os libros que leo e releo, citalos sería prolixo.

 

Marxismo e leninismo? Cal é para ti a súa validez, a súa vixencia?

Ningunha, non me merecen nin o máis mínimo respecto as ideoloxías que matan xente e fomentan a incultura. Queiman libros e poetas. Son fracasos do século pasado. Amén. O século XXI tería que enterrar os extremismos dos dous bandos e máis nun país coma este que por culpa de catro chupóns xa pasou abondo. En vez de Mao prefiro o Tao. "Marchar ben é marchar sen deixar pegadas", dixo Lao Tse.

 

A democracia burguesa non é despois de todo un engano para manter o status quo da barbarie capitalista?

Habería que cambiar a sociedade pero desde a falta de ideoloxía, ou sexa desde a anarquía. Que non é mesmo que a estrema esquerda nin o terrorismo, o problema é que xa se perderon esas verbas ou nunca se entenderon: nihilismo, anarquía.

 

O mar e o río non deixan de ser dúas metáforas da vida e da morte?

Os galegos inventamos as rías, non hai nada mellor, eu nacín e vivo nunha, é a metáfora da condición humana. A ría, o femenino e masculino, o sol e a lúa, os ríos que baixan do seu berce do este cara á tumba do paraíso occidental.

 

Amor e beleza, podes conxugar?

Do modelo amado só temos fotografías defectuosas, móvese demasiado.

 

O mundo está en proceso de cambio, sometido as leis da usura dos mercados?

Ese si que é un problema, Pound condenou a usura. En Roma houbo revoltas cando pasou do tres por cento. Canto menos regulación, impostos e trabas, mellor. Axudar a que ten ganas de traballar e de emprender. Pero cada vez somos máis escravos.

 

Cal será a próxima novela?

Unha novela sobre o fillo dun dos capitáns irmandiños, Crónica de Roi, o último cabaleiro andante de Castela, un dos mellores guerreiros de torneos do seu tempo, e músico de viola que logo foi conde de Altamira porque o seu tío conde que era obeso e homosexual ficou sen descendencia. Xa ves. Este mes presento O tesouro da corsaria, de mulleres piratas e corsarios galegos, editado por Edelvives, é finalista do Martín Sarmiento.

 

E en ensaio e poesía?

Acabei onte un libro sobre os naufraxios na Costa da Morte, unha actualización do censo dos accidentes marítimos na fisterra e un canto contra a lenda negra dos raqueiros. Tamén fixen a segunda parte de El camino secreto de Santiago, pero non sei se será publicable, fala de cousas demasiado heterodoxas do camiño. En Italia algúns capítulos estanos traducindo. En poesía teño un libro de hai dous anos, sen repasar, ando moi metido na narrativa. l

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS