Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

A palabra sempre por diante

A Real Academia Galega e Amancio Prada reciben o Premio Xarmenta

Con estes galardóns recoñécese o traballo en defensa e apoio da lingua galega na comarca do Bierzo

MARÉ . SANTIAGO .   | 15.12.2006 
A- A+

Ramón Escuredo
A RAG celebrou este ano en Sada o Día das Letras, en homenaxe a Lorenzo Varela
FOTO: Ramón Escuredo

A Real Academia Galega (RAG) e o cantautor berciano Amancio Prada foron os galardoados coa segunda edición dos Premios Xarmenta, que entrega a homónima asociación do Bierzo. Os premios déronse a coñecer simultaneamente o mércores na galería Sargadelos do Barco de Valdeorras e mais no Hotel AC de Ponferrada.

Tanto a Real Academia Galega, que este ano celebra o centenario da súa fundación, como Amancio Prada foron escollidos por unanimidade e como recoñecemento ao seu compromiso coa lingua galega do Bierzo. Estas distincións chegan á súa segunda edición e son outorgadas pola Asociación Berciana da Lingua Xarmenta a institucións e personalidades que máis se significan na promoción da lingua galega no Bierzo.

O presidente de Xarmenta presidiu o xurado do que tamén forman parte o Consello Comarcal do Bierzo, galardoado con este premio na súa primeira edición; o Concello de Cacabelos, o Concello da Ponte de Domingo Flórez, a Comisión Cultural Martín Sarmiento, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e actuando como secretario dos premios o secretario de Xarmenta.

No premio concedido á institución académica, o xurado recoñece o seu compromiso coa galeguidade lingüística do Bierzo no artigo 4.º dos seus estatutos, onde se subliña que se entende "por idioma galego o propio de Galicia, así coma as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)". Asemade destácase que no ano 2002 se lle dedicase o Día das Letras Galegas ao vilafranquino Padre Sarmiento e que no 2004 se nomease un académico correspondente da RAG no Bierzo.

De Amancio Prada sublíñase que, como bo galegofalante berciano, leva a lingua galega por todo o mundo coa súa música onde a literatura en lingua galega ten un importante papel.

O galardón, consistente nunha figura de Sargadelos, que se entregará no transcurso dunha gala prevista para o Teatro Bérgidum de Ponferrada, o mércores 24 de xaneiro de 2007.

Nesa gala actuarán Uxía, Sirma, Rapabestas, o cantautor berciano Amancio Prada ademais do grupo de teatro Vagalume. Os premios serán entregados pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e mais o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Luís Bará, así como por representantes do Consello Comarcal do Bierzo e a Junta de Castela e Léon.

 

POR ESCRITO

Novo número da revista

Durante a roda de prensa para dar o coñecer os galardóns, a asaociación que os organiza presentou a revista Xarmenta , escrita en galego, e que recolle artigos de académicos da RAG, unha entrevista a Amancio Prada e mostras da creación literaria en galego realizada no Bierzo, ademais de repasar as actividades que a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta vén realizando no Bierzo na defensa da lingua galega no último ano. Ao longo destes doce meses, este organismo desenvolve un intenso labor cultural, non só na organziación de actos, senón no activismo de defensa do galego dentro do Bierzo, que forma parte administrativamente de León, pero historicamente se vincula a Galicia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS