Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Maré

Receitan non utilizar as mensaxes apocalípticas para a defensa do galego

30.08.2010  Expertos reflexionan sobre a necesidade de renovar o discurso de defensa do galego, actualizándoo sen renunciar ó obxectivo da plena normalización da lingua propia

5.0/5 [19 Voto/s]

4
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

Imaxe da presentación en Compostela do libro ‘55 mentiras sobre a lingua galega’
Imaxe da presentación en Compostela do libro ‘55 mentiras sobre a lingua galega’

Precisa o movemento normalizador anovar o seu discurso? No proceso de creación de novas plataformas e iniciativas en favor do idioma esta reflexión formulouse desde distintas perspectivas. Por exemplo, GalegoLab constituíuse co obxecto de sumar esforzos para desenvolver accións concretas, "en positivo", "cun enfoque de abaixo-arriba, con incidencia na vida cotiá", concibidas especialmente para os mozos e mozas e aproveitando as novas tecnoloxías. No mesmo sentido, o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) chamou, nas xornadas Ecolingua, a deixar as "mensaxes apocalípticas" e apostar por unha estratexia de"sedución e información".

Prolingua incidiu tamén na necesidade de renovar o discurso. O escritor Agustín Fernández Paz, membro desta plataforma, sinala que "a sociedade mudou moito nas últimas décadas. E o discurso, sen perder a súa esencia, hai que actualizalo, facelo máis atractivo, e lograr romper tópicos como o que identifica o galego co nacionalismo, -sen negar que historicamente foi o movemento nacionalista o que fixo bandeira da súa defensa-, ou o da liberdade. Non hai liberdade de elección se non temos competencias nas dúas linguas".

En realidade, ninguén se opón a que o discurso se actualice. "A estratexia que temos segue sendo válida. E dentro dela podemos aumentar, anovar... Pero a cuestión é que nunca houbo unha aplicación máis que cativa da lexislación que xa existe. Daquela, o primeiro é aplicala e avaliar os resultados", opina a filóloga Pilar García Negro. -Tamén Prolingua ten entre os eixes principais do seu discurso a reivindicación do cumprimento do marco legal-.

 

O argumentario está feito, pero falta aplicalo

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, conflúe con García Negro ó subliñar que "non é argumentario o que nos falta. Xa temos plans, documentos. Falta aplicalos. Iso non quita que vaiamos adaptándonos ás mudanzas da sociedade". E advirte de que por veces "o discurso da renovación funciona como unha fuxida cara a adiante para evitar actuar no día a día".

García Negro apunta, ao fío disto, outra cuestión. "Quen propoña esa renovación ten que explicala. Se hai conceptos que xa non serven, teñen que demostralo. Porque, de que serve apelar ó bilinguïsmo, por exemplo? Se bilingüismo é que en Galicia hai dúas linguas, non estamos máis que dicindo unha obviedade. A cuestión é que entre esas dúas linguas hai un desequilibrio brutal, creado historicamente. E o que non serve é salvar a cara declarándose partidarios da normalización do galego e contemporanizar coa situación actual".

O ex presidente da Mesa e profesor Xosé Manuel Sarille cre, pola contra, que o discurso está "esgotado. É un discurso de resistencia. A realidade actual está moi transformada. Hai que manter o monolingüismo social como obxectivo, como di a UPG? Ou pode ser o bilingüismo, como din outros sectores do galeguismo? Non serve o discurso ruralista, mitificador do pasado. Nin chega con discursos anxelicais de facer atractivo o galego para a xente nova".

O filólogo e membro da RAG Henrique Monteagudo é dos que máis teñen defendido a creación dun discurso "positivo e alentador" ademais de protestar, denunciar ou esixir, tal como recolle no seu libro As razóns do galego. É un dos fundadores de GalegoLab e asinante do manifesto Galego, Patrimonio da Humanidade.

 

O suposto "exclusivismo" por parte do nacionalismo

Monteagudo afirma neste libro que "o talante exclusivista, o afán aleccionador e os modais sectarios teñen efectos nefastos para a imaxe social do idioma". O sociólogo Fermín Bouza suxire que, se cadra, "houbo algunhas actitudes autoritarias. O importante é que o rexeitamento do galego é minoritario: os datos indican que é só un 20-25% da poboación. Temos que dar imaxe de exemplo de modernidade e democracia; o galego é útil, pero moita xente non o sabe. E desancorar o galego de opcións políticas".

García Negro ironiza sobre o que chama o "mito da equidistancia" no libro Lingua e futuro (Laiovento). Lembra como xa a finais do franquismo se propugnou unha sorte de trilingüismo, entendido como dominio do español como lingua oficial, común e obrigatoria; aprendizaxe dunha lingua estranxeira e "cultivo optativo" das linguas "rexionais". Daquela, afirma, xurdiu o "mito da equidistancia" entre os "radicais". Iso implicaba non "politizar" o galego, deixar que seguise sendo a lingua minorizada, "riquiña" e "simpática" que non dese problemas nos espazos "serios" reservados ó castelán: a xustiza, a administración... Ao seu ver, este mito restáurase agora. O nacionalismo, di, nunca quixo patrimonializar o galego.

 

Monolingüismo, bilingüismo, diglosia e manipulación

Monteagudo aproba a práctica do monolingüismo defensivo por parte dos galegofalantes -o mantemento do galego en todos os contextos-, pero ve como unha "quimera" o monolingüismo social como finalidade da política lingüística. Defende, así, a posibilidade de superar o bilingüismo "desigual e conflitivo" para avanzar cara a un bilingüismo "equitativo", no que o galego estea plenamente normalizado, tendo o conxunto da poboación un "dominio aceptable de ambas as linguas". Aínda que identifica "monolingüismo social" con establecer o galego como única lingua de uso público e oficial do país, -proposta de Nós-UP, por exemplo, que non defende o conxunto do nacionalismo actual, que máis ben avoga pola normalización no sentido de fin da diglosia e de reintegración no galego polos castelánfalantes monolingües-.

Deste xeito, ás veces prodúcense falsos debates por desacordos ou mesmo manipulacións a nivel de conceptos. O presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, Nel Vidal, achega algún exemplo. "Todos queremos o plurilingüismo" -no sentido de que cada individuo aprenda varias linguas-, "pero o primeiro, a lingua de partida, ten que ser a lingua propia do país. Máis que renovar o discurso, hai que fortalecelo, adaptalo a novos perfís e ámbitos".

O nacionalismo denunciou sempre a filosofía do "bilingüismo harmónico" do PP de Fraga por perpetuar a diglosia -a lingua dominante e de prestixio é o castelán e a lingua subalterna é o galego, que queda relegado ós ámbitos informais-. Hoxe ninguén nega que haxa diglosia en usos e persoas concretas -por exemplo, na xustiza ou na sanidade-, pero hai filólogos que din que xa non hai diglosia a nivel xeral. "Hoxe non é razoable falar dunha situación diglósica porque o sentido queda desvirtuado. A diglosia conleva estabilidade e distribución funcional dos códigos", subliñaba Fernando Ramallo nunha entrevista con este xornal. Hoxe, de feito, hai xa xente nova e urbana que perdeu o contacto co galego. A situación é máis complexa.

 

A anovación se cadra non é tan novidosa como se cre

Cando se fala de "renovar" o discurso, ás veces apélase a introducirlle elementos que se cadra non son tan novidosos. Como defender a diversidade lingüística contra a uniformización cultural da globalización, nun discurso confluínte co do ecoloxismo. Ou considerar o galego como parte do noso patrimonio, e polo tanto dereito colectivo, como o medio ambiente. Ou cuestionar se o peso da normalización debe recaer tanto no ensino -os centros sociais autoxestionados ou o asociacionismo cultural son exemplo de estratexias para levar o galego ao ámbito do lecer e á xente nova-. Ou incidir na potencialidade do galego no mundo da economía, como marca de calidade, como fai o profesor Francisco Sanjiao. Ou denunciar o incumprimento por parte do Estado da lexislación internacional como a profesora Alba Nogueira.

Un destes argumentos que non son novos pero se están refortalecendo é o do portugués como oportunidade. O reintegracionismo defende apoiarse no portugués non só para mellorar a calidade do galego e así o seu prestixio, senón para aproveitar a "vantaxe competitiva" que supón o dominio do galego e o castelán. Pois o galego-portugués é falado por 250 millóns de persoas en todo o planeta. "Se só ligamos o galego á identidade, non avanzamos", sostén Valentim Fagim, presidente da Agal. Sarille defende esta mesma estratexia.

"Hai un espazo cultural e lingüístico común, e para min é fundamental aproveitalo. Pero, se ó final o que vale é o número de falantes, o castelán e o inglés teñen máis. Para min, defender o galego é unha cuestión de xustiza social tamén. Podemos compartir estratexias por exemplo co feminismo...", pensa Nel Vidal. Tense apuntado, respecto disto, o compoñente de clase que hai detrás do debate da lingua. Se o castelán é a lingua de prestixio, tamén o é de clases privilexiadas que queren conservar a actual xerarquía das linguas, e por iso reaccionan cando o galego avanza -Fernando Ramallo defende esta tese-. Sería o caso das clases medias e altas urbanas nas que se apoia Galicia Bilingüe . Na revista Terra e Tempo, Robert Neal avoga por defender o galego "aínda que non fose unha lingua internacional", por ser o noso principal sinal de identidade, polo seu valor en si.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS