Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 01.24

"Vinte e unha escritoras e escritores galegos, coa máxima diversidade en canto a sexo e xeración, xénero literario e ata zona xeográfica. Homes e mozas, rapaces, señoras, da aldea, na cidade, na costa, do interior. Son algunhas das máis representativas e puxantes voces das nosas letras actuais. Autoras de ensaio e de literatura dramática, narradores, poetas, cultivadores de literatura infantil e xuvenil. Unha variada riqueza a través de ollos multiplicados, a través de perspectivas o suficientemente plurais". Son palabras da poeta Yolanda Castaño, coordinadora dun singular volume, Cociñando ao pé da letra, que por primeira vez repara no vencello que hai entre dous procesos tan complexos e ricaces como son o da escrita e o da cociña.
A propia Castaño o di no limiar deste volume, coeditado por Galaxia e Gadis para a súa distribución nos supermercados galegos o día 16 co gallo do Día das Letras Galegas: "Fálase cada vez máis de receita propia do autor ou autora, de doses, de condimentos, de cociña literaria".
E é así, textos, prosa ou verso, que se traballan co mesmo agarimo co que se prepara unha empanada; prebes que saian ou fan rabear unha prosa ou un guiso; e todo fica neste volume, redactadas as receitas por man propia dos seus autores e autoras. Algúns converteron os sabores en poemas, outros en conversa teatral.
O espírito de cada prato e a personalidade dos autores
Pero todas e todas participaron ademais nas sesións fotográficas nas que Andrea Costas logrou cifrar non só o espírito da elaboración de cada prato senón a personalidade de cada un dos participantes, ben nun baño de patacas como Helena Villar ou rodeada das verduras para unha crema de cenoiras como Anxos Sumai. "Durante catro meses -sinala Yolanda Castaño- polo verán de 2009, ela e mais eu tivemos a fortuna de sermos recibidas nos fogares destes 21 escritores e escritoras galegos. Abríronnos de par en par os seus espazos propios, convidáronnos xenerosos a sentármonos ás súas mesas". Un percorrido por todo o país coa guía desta obra literaria/receitario de cociña que leva os lectores até a cociña onde se cocen os bos xantares e a boa literatura galega.
