Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

Receitas para Thermomix

"Temos un mercado editorial moi limitado, sen apenas apoio institucional e cunha parte da cidadanía pasando de todo o que recenda a galego"

FRANCISCO CASTRO   | 27.10.2010 
A- A+

Foi Theodor Adorno (1903-1969), un dos grandes pensadores da Escola de Francfort, e probablemente quen máis en serio se tomou o da reflexión sobre a Estética, un dos primeiros que se puxo a falar con fundamento arredor desa expresión xa tan familiar, aínda que non sempre teñamos moi claro que é o que significa, de industria cultural. E comezo falando de Adorno (e penso que hai apelidos proféticos: un tipo que se apelidaba Adorno á forza tiña que centrarse na reflexión filosófica arredor da Beleza) porque a pesar do xa afastadas no tempo que son as súas palabras, o certo é que se nos aparecen como absolutamente modernas. Concretamente estoume a referir a cando escribiu sobre a situación do artista na era da industria cultural, para sinalar que a día de hoxe (xa daquela) a ninguén lle interesa a perfección na arte, porque a época na que vivimos considera que a arte debe de ser pasatempo. Desta maneira, di Adorno, o artista mellor considerado pola masa será aquel que máis achegado lle resulte a esa masa, aquel que lles sexa máis doado de recoñecer e co que máis doadamente se identifiquen, aquel que lles baixe mellor e lles supoña menos esforzo.

A reflexión, a nada que a analicemos con coidado, é demoledora e brutal. Hai unha industria cultural e, xa que logo, hai un mercado da cultura que debe de producir produtos (non é redundante, é a mantenta que o escriba así o de producir produtos) que sexan consumidos, canto máis en masa mellor. Daquela, produciríase o triunfo da mediocridade, a apoteose da medianía. Porque a masa, belenestebanizada, volveuse mediocre e mediana.

O debate hai ben de tempo que está aberto en todas as frontes da industria cultural. E os termos da discusión serían máis ou menos estes: que clase de libros deben quitar as editoriais, que clase de grupos musicais debemos promocionar, que clase de programas de televisión facer, aqueles que sabemos seguro que se han ler-escoitar-ver, ou debemos apostar, sempre, pola, por exemplo, para centrarnos no noso, alta literatura aínda sabendo que probablemente tanta altura vai obter rendas comerciais propias da máis baixa baixura? Digo que os termos do debate serían eses, e dígoo en cursiva e en condicional porque, en realidade, ese debate, agás en intres moi puntuais e, digamos, casuais, polo xeral é un debate que no noso país non existe.

Oxalá que existise.

Porque iso querería dicir que o noso é un país normal.

Quero dicir: eu son quen de imaxinarme a un axente literario estadounidense, ou incluso español (aínda que a un nivel moi básico, que ninguén imaxine outra cousa), falándolle máis ou menos así a un dos seus autores representados: "mira, ti o que tes que facer é escribir unha historia de intriga na que un experto en calquera cousa antiga vai e descubre nun cadro de, eu que sei, por exemplo, de Tiziano, un enigma oculto, e te inventas que o Tiziano ese era masón, ou muller, ou unha monxa travestida, calquera cousa, e que o Vaticano está mortiño de medo porque algo así se rebele e tal e tumba. E tes un bestseller". E si, amigos e amigas, aí hai un bestseller, é dicir, o que poderiamos dicir baixa literatura (que ninguén se me confunda, hai bestsellers que son literatura da boa) pero que vende a esgalla. E esa fórmula, por eses mundos de Deus, funciona. Collede a publicidade dos grandes grupos editoriais españois, revisádea e veredes que hai moitos libros-fórmula dese estilo que se publican ao ano e que contentan, xa que logo, ás masas, por suposto, aos seus editores e, polo tanto, a fortalecer a industria editorial correspondente.

Pero en Galicia estas angueiras non as temos.

Nós temos unha industria cultural. Claro que si. Non vou frivolizar con iso, pero a nosa é unha industria cultural en galego. E aí é onde radica a diferenza fundamental. Aí é, paradoxalmente, onde temos o mellor e o peor do que é propiamente noso. O peor, porque temos que traballar nun mercado moi limitado, con case que nulo apoio institucional, cunha crise que se leva por diante case que todo e, fundamentalmente, cunha parte da cidadanía pasando, incluso con desprezo, de todo o que recenda a galego. Iso é un dato obxectivamente malo. Para a industria cultural, para o país, para ti e para min. Incluso é unha actitude mala para quen a mantén. Pero xa sabedes: a ignorancia é ousada.

Mais esa realidade é a que temos e é a realidade coa que nos temos que manexar dende o optimismo e o convencemento de que o sol vai saír igual todos os días e que, de feito, que brilla para nós. Pero, como dicía, velaí temos tamén a nosa beizón. Porque a industria cultural galega sabe, dende sempre, que non está no negocio senón que está na cultura, que o que importa é, por suposto, chegar a fin de mes, pero, sobre todo, que o noso é un traballo posto ao servizo dun país, dunha causa, dunha idea de Galicia. Soa como pretensioso pero é que é así de pretensiosamente real. Os que escribimos en galego, como os que cantan en galego ou desenvolven calquera outra actividade dentro disto que chamamos a industria cultural, sabemos que estamos, primeiro de todo, por sermos galegos, preocupados polo galego (a lingua e o singularmente noso) e por todo o que teña que ver con este país. É o que nos pasa aos escritores. Que ninguén dubide que, en cuestión de dereitos de autor viviriamos infinitamente mellor de escribir en castelán, lingua que, por obvios motivos, podería ser tamén a nosa lingua literaria. Pero non o é. Optamos polo galego antes que pola literatura. Optamos polo galego antes que por unha hipotética condición de escritores profesionais. Daquela, podemos sentirnos ceibos para escribir o que nos pete, concentrados na literatura e na beleza.

Remato, falando da Thermomix. Xa sabedes o que é. Un trebello marabilloso para os que non sabemos cociñar nin temos talento para a cociña. Sen embargo, eu fágolles uns pratos impresionantes e unhas sobremesas dignas do mellor cociñeiro da Guía Michelín grazas ao Invento Fantástico. E fálolles da Thermomix porque hai pouco escoitelle á poeta Dores Tembrás unha acertada cita de George Sand que me fixo pensar moito sobre todas estas cousas de Adorno e as industrias culturais e Nós: "é máis difícil facer un biscoito que escribir unha novela". Eu, como xa deduciron, os biscoitos fágollos na Thermomix. Pero as novelas non. As novelas vanlles a lume manso, teño que amasar a man, e sobre todo, pasar moitísimo tempo preocupado por se levedan ou non a torta ou as madalenas.

E pensarán vostedes por que lles conto isto. Pois porque a nosa produción cultural, a pesar do que diga Adorno, é excepcional (a palabra vai aquí xa non tanto no senso de fantástica, que tamén, senón de excepción). Para a nosa desgraza. Ou o que é o mesmo: que oxalá puideramos ter unha literatura, ou música ou teatro, de thermomix, e daquela, se nos fixese máis doado escribir as novelas que facer os biscoitos.

O que no fondo quere dicir: oxalá os galegos e as galegas quixesen, amasen, consumisen tanto produto cultural galego que puideramos, os creadores, só concentrarnos en darlle ao público o que quere e escribirlles as novelas coa Thermomix.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS