Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

O pai, a nai e dous fillos

Recuperan a historia de Juana Capdevielle, fusilada en Rábade

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica desenterrará o 22 de agosto unha familia de catro membros nas Pontes e, despois, un home en Portomarín

MARÉ . SANTIAGO   | 17.08.2006 
A- A+

GH
A bibliotecaria Juana Capdevielle faleceu ‘paseada’ o 18 de agosto de 1936, fai mañá 70 anos
FOTO: GH

Pai, nai e dous fillos. Unha familia enteira asasinada o 22 de agosto de 1936 nas Pontes será desenterrada coincindo coa data na que se cumpren 70 anos de seren fusilados nos primeiros anos da Guerra Civil. O vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, Santiago Macías, anunciou onte que se desprazarán ás Pontes (A Coruña) e Portomarín (Lugo) para sacar á luz os restos de cinco corpos.

Unha vez remate a exhumación da familia, que, segundo Macías, lles levará "un par de días", a Asociación trasladarase a Portomarín onde, por encargo duns familiares arxentinos, desenterrarán o cadávere dun home localizado na parroquia de Río.

Santiago Macías lembrou que en Galicia comezaron coas exhumacións en 2003, a dun "guerrilleiro andaluz", mentres que, fóra da comunidade, en Loentia (León), desenterraron os cadáveres de tres homes, un berciano e dous galegos. Así, coas exhumacións que emprenderán a próxima semana, a Asociación calcula que se recuperaron en Galicia unha ducia de cadáveres, fronte aos 600 exhumados no resto do Estado.

Ademais, Macías precisou que as condicións en Galicia melloraron, "dun ano a esta parte" dados os problemas con que se encontraba a asociación en anos anteriores, coa oposición dalgún alcalde.

O ano pasado exhumáronse dúas persoas no Vicedo e outra máis en Portomarín, neste último caso, o alcalde de Loentia (Castro de Rei), Severino Rivas Barja. Foi este o primeiro desenterro en Galicia dun dos republicanos galegos asasinados polos golpistas en 1936. Antes, saíran á luz Ramiro Franco e Carlos López "El coruñés", pero apareceron no Bierzo.

A expedición da Asociación que desenterrará a vindeira semana á familia das Pontes e ó cadáver de Portomarín está encabezada polo seu vicepresidente, Santiago Macías e o coordinador de escavacións, Javier Ortiz.

DATOS DOUS CORPOS NO VICEDO

A escavación da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica no Vicedo deixou á luz os restos de Emilio Ríos e José Fernández Rolle, ambos os dous paseados en 1936.

DATOS CATRO SOCIALISTAS DA CAÑIZA

A comezos de agosto celebrouse na praza Maior da Cañiza (Pontevedra) unha homenaxe aos catro membros do partido socialista fusilados en Vigo o 31 de outubro do 36. Antonio Mojón e Jesús Eugenio Pérez, mestres, Justo Moure, tenente alcalde e Tirso Gómez, industrial, foron condenados a morte nun consello de guerra. No mesmo xuízo tamén se condenou a morte a María Gómez, alcaldesa da Cañiza, a única muller alcalde na II República en Galicia.

Á ESPERA DUN MAPA DE FOSAS

A futura lei da memoria deixa en mans das comunidades autónomas e os concellos a localización das fosas comúns xa que obriga no seu artigo 14 a elaborar "mapas en que consten os terreos en que se localicen os restos". A norma prevé que o Goberno elabore outro mapa de todo o territorio español no que se incorporen os datos nos que se fixen estas fosas. Os lugares onde se localicen os enterramentos serán, segundo o anteproxecto, obxecto "de especial preservación por parte dos seus titulares".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS