Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

homenaxe

"A redención da patria"

Cesáreo Sánchez: "A Xunta está a destruír o tecido industrial da cultura galega, coa desaparición da promoción da cultura de base"

V. OLIVEIRA/A. NOVA . PADRÓN/SANTIAGO   | 25.02.2011 
A- A+

fernando blanco
Cesáreo Sánchez, á esquerda, onte lendo o manifesto dos escritores galegos no Panteón de Galegos Ilustres en Compostela
FOTO: fernando blanco

"Estase a destruír programática e estruturalmente o xa creado -e aínda mínimo- tecido industrial na cultura galega, canto á necesaria profesionalización na mesma, desaparecendo de facto a promoción da cultura de base que é, na realidade, a seiva nutricia de todo o tecido cultural galego, sendo este de feito quen crea, promove, demanda e goza da cultura galega". Así o denunciou onte o poeta Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), no manifesto que leu no Panteón de Galegos Ilustres, dentro do acto co que homenaxearon a Rosalía, no 147 aniversario do seu nacemento.

"Denunciamos a regresión na política de investimento en todos os sectores da cultura por parte do Goberno da Xunta, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e por toda a sociedade galega", engadiu o presidente da AELG. Os escritores galegos volveron onte esixir a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres -que alberga os restos de autores como Rosalía, Castelaou ou Alfredo Brañas- pois, na súa opinión, "ten a lexitimidade da historia e o respecto da tradición como símbolo colectivo". A AELG reclamou así como "irrenunciábel" que o Panteón sexa de "titularidade pública e de uso laico e público" .

 

"Contra o novo estatus do galego no ensino"

Os escritores reafirmaron a súa posición "contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado na escola, ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía".

Ao tempo, mostraron o seu apoio ao profesorado que "ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua". Por iso, reclamaron á Consellaría de Educación que "recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como Día de Rosalía, co obxectivo de recuperaren os centros educativos para a práctica docente regular a organización de actividades conmemorativas sobre a vida, obra e pensamento da nosa escritora".

Unha proposta -a de declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía- que tamén rexistrou onte no Parlamento a portavoz de Educación do BNG, Carme Adán. O grupo nacionalista pide nesta iniciativa que o "Día de Rosalía" sexa recollido no calendario escolar oficial anual e se organicen, nos centros de ensino, actividades conmemorativas da súa vida, obra e pensamento, "significativamente válidos e presentes onte e hoxe".

A través de actos celebrados simultaneamente en varias cidades galegas -Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense ou Betanzos, entre outras-, os escritores galegos reivindicaron a vixencia da mensaxe de Rosalía de Castro -"a redención da patria galega"- e da súa obra - "a que asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento". A AELG concluiu onte o seu acto en Compostela cun recitado de poemas de Rosalía e unha ofrenda floral na que tamén participou Anxo Louzao, secretario da CIG-Ensino ou Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura.

NA CASA DA MATANZA

Os nenos celebran o seu 174 aniversario

"Quero que vaiades aprendidos de que Rosalía nunca tivo casa, pero agora estamos todos na súa casa, facéndolle unha homenaxe polo seu cumpreanos". Esas foron onte as palabras de Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro no marco do acto polo 174 aniversario de Rosalía de Castro que se celebrou como vén sendo habitual cada 24 de febreiro na casa-museo da Matanza, en Padrón.

Máis de 160 alumnos dos colexios Rosalía de Castro de Padrón e o CEIP de Touro participaron onte por primeira vez na homenaxe polo nacemento da escritora galega, un acto que lles permitiu achegarse dun xeito especial á figura da inmortal escritora, ós seus poemas e ó seu contorno. Os escolares puideron ver a curta de animación O tesouro do moucho que lles mostrou a historia e biografía rosaliana, as súas distintas residencias así como todas as súas relacións con movementos culturais da súa época e a influencia posterior da súa obra.

Posteriormente foron os cativos os protagonistas no escenario cun recital de poesías no que tomaron a Adiós ríos, Adiós fontes, como símbolo dunha mañá que rematou cunha torta de cumpreanos. Os máis cativos recibiron unha biografía de Rosalía, realizada por Helena Villar Janeiro. Mentres que os maiores se lles agasallou cunha colección de contos imaxinarios, Quen casa ten de seu na que colaboraron autores como Marilar Alexandre, Fina Casalderrey, Xose A. Neira Cruz, Helena Villar Janeiro, ou Miro Villar, con ilustracións de David Pintor, Ramón Marcos, Miguelanxo Prado, Iván Suárez ou Fausto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS