Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Xavier Campos traballa no ámbito privado da xestión cultural FOTO: AXENCIAS |
Xavier Campos, profesional da xestión cultural no ámbito privado, acaba de ser elixido novo presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, unha entidade creada en 2008 que reúne medio cento de profesionais do sector. Ampliar o número de socios, procurar o recoñecemento laboral e social do seu traballo e mediar coas Administracións públicas para redefinir as políticas culturais son os obxectivos que a asociación se formula nos vindeiros meses nos que agardan ser recibidos pola Xunta para avaliar a "situación crítica" que atravesa o sector. A nova directiva inclúe á anterior presidenta da asociación, a técnica de cultura de Foz, Pilar López, e tamén a Marta Núñez, Olga Nogueira, Belén Bermejo e Alberto García.
A que se debe esta renovación?
A asociación leva dous anos funcionando dende 2008. Nesta primeira etapa, o reto principal foi poñela en marcha e vertebrar un sector que estaba moi desarticulado. Conseguido iso, entendiamos que neste momento era necesario darlle un novo impulso e orientar a asociación cara a fóra, cara ás persoas que poden estar interesadas na xestión cultural en Galicia. Tocaba renovación de directiva e un grupo de persoas da asociación presentamos unha candidatura única que foi apoiada unanimemente.
Un dos obxectivos principais que definen é procurar o recoñecemento laboral e social do seu traballo. Non está conseguido?
Non, a verdade é que o recoñecemento laboral do sector é un dos principais obxectivos e un dos motivos polos que se creou a asociación. O mundo da xestión cultural en Galicia, especialmente no ámbito público, está moi por cohesionar e vertebrar. Durante a década dos oitenta e noventa, os profesionais que xa levan anos traballando neste ámbito, chegaron a el da forma máis heteroxénea: persoas que estudaron Filoloxía, Historia da Arte, Educación Social... e acabaron sendo técnicos de cultura ou programadores. No ámbito privado, pasou case o mesmo. Esa heteroxeneidade debeuse a que non existía unha formación previa común para todos, e iso fai que por parte das Administracións exista certa confusión e non existan boas prácticas á hora de convocar as prazas nos concellos ou buscar os perfís profesionais máis adecuados para traballar na xestión cultural municipal. Buscamos incidir conxuntamente coa Consellería de Cultura, de Traballo, coa Federación Galega de Municipios e Provincias, para regularizar e normalizar o sector. A pesar de que xa van alá máis de 25 anos no ámbito da xestión cultural municipal en Galicia, a profesión aínda non está asentada. Entendemos que este é un dos principais retos.
Como lle está a afectar a crise aos xestores culturais? Está a medrar a precariedade laboral?
Si, afecta moito e de forma diferente no ámbito público e privado. No público, nótase no feito de que os orzamentos diminuíron considerablemente, sobre todo, neste 2011, e polo tanto a programación cultural que se vai desenvolver dende os concellos será significativamente menos que noutros anos. Os técnicos de cultura nos concellos terán que facer un traballo diferente do que viñan facendo nos últimos anos. Iso abre novas posibilidades e pode servir para ter que reflexionar todos sobre que tipo de cultura é necesario facer nos concellos. No sector privado, a situación da maior parte das empresas que traballan no ámbito da cultura é crítica e nótase a crise nas conversas entre nós. É derivado tamén da rebaixa dos orzamentos públicos, que deriva nunha menor capacidade de levar proxectos adiante por parte das empresas.
Tiveron algún tipo de contacto coa Xunta para avaliar esta situación?
Aínda non tivemos un contacto oficial, pero queremos telo. Agardamos a que se producise esta renovación da directiva para empezar coa interlocución directa cos axentes da administración pública. A cultura é un dos primeiros ámbitos que paga o pato da crise. Nós entendemos que é un erro porque parte dunha asociación equivocada entre cultura e oferta de espectáculos, cando a cultura realmente é máis ampla e vencellada á vida das persoas. Ademais, esta crise é profundamente cultural, dun determinado modelo de valores, dun estilo e maneira de ver o papel dos cidadáns na vida diaria. É o momento de expor novas alternativas dende a cultura. Entendemos que a asociación que se fai entre cultura e industrias culturais é algo reducionistas porque é un sector importante porque vive e xera riqueza e emprego. Pero a cultura é máis amplo. A crise obríganos a reflexionar de que maneira temos que traballar hoxe en cultura, dende unha realidade difícil e complexa como a galega. Aí a cultura de base e a sociocultura, o contacto directo cos cidadáns é un campo no que hai que poñer máis acento hoxe en día.
Debería de reformularse o concepto do que se propiciou como cultura dende o ámbito público?
Nós facemos un convite para reflexionar conxuntamente. A cuestión é que cultura é moito máis que programación cultural, máis que contratar macroeventos que teñen unha lóxica pero non sempre son interesantes dende o punto de vista social nin sempre repercuten cara aos cidadáns tendo en conta os orzamentos que supoñen. Nós convidamos a reflexionar sobre se non é necesario volver a un traballo cultural máis directo coa cidadanía, que as persoas se sintan parte e protagonistas, e non só espectadores pasivos. Hai que apostar por proxectos máis sostibles, que teñan en conta a realidade comarcal de Galicia, que traballen en rede. Trátase máis que nada de pensar noutras dinámicas e maneiras de traballar. Sería bo analizar esta realidade e aproveitar a crise para reflexionar se convén ou non modificar a forma na que se entende a cultura nos últimos anos.
Que actividades teñen programadas para os próximos meses? Van celebrar algún encontro para abordar a situación do sector?
O primeiro que queremos facer é unha especie de xornadas sobre a xestión cultural en Galicia, nas que convidariamos a diferentes administracións e axentes culturais do país, para ver o mapa da xestión cultural. É unha actividade que se fará nos próximos meses. Pero para nós o central é a elaboración dun plan formativo orientado á formación dos xestores culturais, anual, que comezaría en 2011, e que recolla a remuda do Interea que se facía na provincia da Cultura e o programa Via Cultura que desenvolvera a anterior Consellería de Cultura. Agora non existe nin un nin outro, non existe un programa formativo orientado aos xestores culturais. Iniciaremos un diálogo coas administracións para conseguir cubrir este déficit. Pensamos que tamén sería importante retomar a formación académica específica, xa que en Galicia tampouco existe. É preciso un posgrao en xestión cultural orientado á realidade galega.
"Non existe ningún tipo de formación"
Hoxe non existe ningún tipo de programa formativo para os xestores culturais en Galicia?
Non. Existiron durante moitos anos o Interea, que só era para os técnicos de cultura da provincia da Coruña, e funcionou ben durante anos. A pasada Consellería de Cultura tamén creou o Via Cultura. Tanto un como outro no 2009 deixaron de funcionar e non existe ningún agora mesmo. Segue sendo necesario actividades formativas orientadas e os nosos socios é o que nos piden que sexa que lles formulemos ás administracións.
Enviarán algunha petición de entrevista coa Xunta?
Agora estamos elaborando un plan de traballo. Con iso, pensamos exporlles algo ás consellerías, para que entendan a importancia dos xestores culturais.
Cantos socios son?
Agora mesmo somos ao redor de 50 socios. Entendemos que o número de socios ten que medrar. Calcúlase que hai máis de 300 persoas traballando no ámbito público e no privado, moitas máis.
