Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

cámara

Respectar os consensos

Máis de 30.000 firmas avalan unha proposición de lei para defender os dereitos lingüísticos que tramitará o BNG recollendo o contido da ILP de Queremos Galego

EUROPA PRESS . SANTIAGO   | 19.10.2010 
A- A+

Carlos Callón, falando na última manifestación de Queremos Galego, da que se acaba de cumprir un ano

Máis de 30.000 firmas servirán de aval para unha proposición de lei para defender os dereitos lingüísticos dos galegofalantes que tramitará o Grupo do BNG, e na que se recollen os preceptos da iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola plataforma Queremos Galego e que foi rexeitada no seu día pola Mesa do Parlamento con base nun informe xurídico dos servizos da Cámara.

A iniciativa popular tomará forma de proposición de lei pola que os nacionalistas, segundo explicaron, pretenden darlle voz a este colectivo (do que forman parte) na Cámara unha vez que foi rexeitada a súa tramitación pola anterior vía. O informe xurídico aludía a unha "imposibilidade de tramitación" por afectar a unha lei de desenvolvemento básico do Estatuto de autonomía, pero na opinión da plataforma o que pasou é que o PPdeG quixo "impedir" que seguise o seu curso.

Os membros da plataforma iniciaron unha recollida de firmas simbólica para facer valer o sentir "dos galegos" en favor do "dereito a vivir" no seu idioma propio. "Non queremos que se lle quiten dereitos a ninguén, senón que se respecten os dos galegofalantes", manifestou o presidente da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, tras presentar no rexistro do Parlamento as 30.000 rúbricas acompañado do galeguista Avelino Pousa Antelo e a escritora Yolanda Castaño.

"Fronte a outros que presentan firmas para quitar dereitos, nós seguiremos buscando apoios", manifestou Callón, quen anunciou que este mesmo luns recibiran máis firmas que non chegaron ó rexistro, pero que se incorporarán. Para tramitar unha iniciativa lexislativa popular, son necesarias 15.000 rúbricas de cidadáns maiores de idade.

Carlos Callón insistiu en que "o único obxectivo é defender a aplicación dos distintos "consensos" lingüísticos, como son -dixo- o Plan xeral de normalización da lingua galega ou a lei de normalización. Os socialistas, segundo manifestou o propio Callón, aseguráronlle á plataforma que votarán a favor da súa tramitación na Cámara.

DATOS

10 por cento en infantil

Como mostra do que chamou "calamitoso" cumprimento do novo decreto, a plataforma Queremos Galego advirte de que en educación infantil non se supera o 10 por cento de aulas en galego.

PSDEG

"Pachi": "Feijóo é un quedabén"

O secretario xeral do PSdeG, Manuel "Pachi" Vázquez, lamentou que o PP utilice a lingua "en clave electoral". En alusión á información publicada en Xornal de Galicia, que recorda que o PP sostiña no ano 1997 que o uso de "La Coruña" era "unha aberración lingüística", Pachi Vázquez criticou que o presidente da Xunta e xefe do PP, Alberto Núñez Feijóo, "é o que se coñece como un quedabén", xa que "un día di unha cousa e, ó outro, a contraria". Para rematar, censurou que "nin os sectores máis rancios do PP en Valencia ou Cataluña atacaron a súa lingua".

Un curso "tranquilo"

O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, defendeu o bautizado pola Xunta como "decreto do plurilingüismo" no ensino, asegurando que se ·está "cumprindo" coa excepción dalgún "caso illado". Nunha rolda de prensa celebrada non Parlamento, Ruiz Rivas destacou que o inicio do actual curso foi "tranquilo e sosegado" malia que "algúns chegaron a chamar á rebelión" -en referencia ao BNG- contra esta norma.

Por outra banda, eludiu afondar nas críticas vertidas por Carlos Callón.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS