Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

mio

Retallos do vivido

Ramón Nieto Otero poetiza experiencias do cotián como o seu achegamento ás culturas asiáticas no seu libro "A estación única dunha illa"

M. DOPICO . SANTIAGO   | 22.11.2009 
A- A+

Ramón Nieto é da Illa da Arousa e vive en Bruxelas desde hai uns anos

"Un poemario só pode ser un cartafol de retallos do vivido. Para min, unicamente se algo foi vivido, ten sentido facelo poema. O obxectivo só pode ser darlle sentido ao vivido, ao que se está a vivir e ao que se espera vivir". Son palabras de Ramón Nieto Otero, (Illa de Arousa, 1975), o poeta que, co seu primeiro libro, A estación única dunha illa, gañou a XXII edición do Pérez Parallé.

Onte recolleu o seu galardón, que supón para el, segundo explicou nunha entrevista, "unha gran ledicia e unha honra. Este certame está organizado con moita seriedade - chega con botarlle unha ollada ao blog do premio para decatarse diso - por xente que está moi motivada por traballar pola lingua e a literatura galega". Espiral Maior publicará o poemario.

A estación única dunha illa procura unha conxunción entre as visións europea e asiática da espiritualidade. "A cuestión asiática non é un tema literario ou un proceso puramente intelectual, é parte da miña vida cotiá dende hai anos; e polo tanto, algo moi integrado en min e na miña escritura. Coido que é preferíbel que ninguén se achegue a este poemario pensando encontrar moitas referencias directas a filosofías asiáticas ou, por exemplo, poemas en forma de haiku ou tanka, que non hai, polo menos neste volume. Son retallos da miña experiencia que teñen que ver con certas culturas xa que por alí me levou a vida. Mais unha vez que eu o asimilo na miña poética non sei se se deixa ver de maneira moi aparente", salienta.

"A estación única pode ser o mundo interior do creador, afastándose, para crear, da experiencia que desencadeou a propia creatividade. É unha estación, tamén, coma nunha viaxe, evocando a experiencia vital. E única porque ao afondar nela nos limita, e nos deixa sós, diante do espello, mais tamén é o que nos fai ser únicos, xa que, de certa maneira, nos construímos a través deseamesma creatividade", indicou.

O proceso creativo foi, segundo el mesmo o define, "unha travesía polo deserto. Pasei por moitos momentos de dúbida e mesmo deixei de escribir en galego durante uns anos, pasándome ao francés até que fun retomando o galego dende unha óptica máis obxectiva e pousada". O autor é licenciado en filoloxía inglesa, e reside en Bruxelas desde que marchou a esta cidade para estudar o último ano de carreira. "Teño un poemario inédito en francés", e "un certo material poético bastante desenvolvido que enlazaría co final de A estación única dunha illa", comenta.

O poemario está estruturado en sete partes, e combina a prosa co verso. "Penso que hai unha verdadeira evolución que desemboca no poema final (que é o único que compón a sétima sección da obra). O feito de que algúns poemas estean en verso ou en prosa depende que como vai saíndo o poema dende as primeiras fases do proceso creativo. Xa segundo van abrollando as primeiras liñas, hai algo na propia xénese do texto que sinala o camiño cara a onde o poema se debe dirixir", asegura.

Nieto ten estudos de música clásica e jazz. "A verdade é que penso moito en termos musicais. Procuro estruturas cíclicas, como en moitas composicións musicais, tento atopar unha certa música, tanto no poema en prosa como na versificación. Ás veces escribo poemas pensando na estrutura dun tema de jazz: expoño o tema, improviso, retomo o tema, e conclúo. Só dou un poema por rematado cando ao lelo en voz alta estou satisfeito de como soa", conta.

INFLUENCIAS

Galiza, "en cada verba en galego"

Ramón Nieto é afeccionado tamén á cultura mariñeira, -practica en Arousa a navegación en dorna-, ás linguas, -traballa de profesor de inglés-..., leva anos vivindo fóra de Galiza... Todo iso inflúe na súa creación, porque "foi vivido, sentido, pensado e converteuse na experiencia cotiá que desencadea a palabra poética", segundo afirma.

Galiza "está no peso de cada verba que se escriba en galego, ben sexa na terra ou calquera outra parte do mundo", cre. "O que aínda estou tentado sopesar é a influencia que outras linguas tiveron no meu xeito de entender a escritura en galego. Mais penso que foi positiva, deulle unha certa lixeireza, outra maneira de respirar", reflexiona.

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé convócase dende hai 22 anos para homenaxear a figura do poeta ferrolán. Foi creado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene en 1987.

Na actualidade está orientado a libros de poesía en galego de autores que non tivesen obra individual previamente publicada. O ano pasado gañouno Susana Sánchez Aríns co poemario (de)construçom.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS