Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

filme

Retranca de tasca

Helena Villares e Pilar Faxil buscan as conexións de regueifeiros e rapeiros galegos no documental que abre a Mostra de Cinema Etnográfico

Pilar Faxil, pola dereita, e Helena Villares onte no Museo do Pobo Galego antes da proxección do seu documental ‘Da regueifa ao rap’
Pilar Faxil, pola dereita, e Helena Villares onte no Museo do Pobo Galego antes da proxección do seu documental ‘Da regueifa ao rap’

V. OLIVEIRA . COMPOSTELA   | 01.11.2008 
A- A+

Retranca de "tasca". Letras de denuncia. Espectáculo de escarnio. Poesía do inmediato. Son formas de definir o poder da palabra que ferve á mesma temperatura en regueifeiros e rapeiros galegos. Pero, ¿existe algunha conexión nas orixes destas expresións artísticas? A isto intentan dar resposta Pilar Faxil e Helena Villares no documental Da regueifa ao rap co que onte se inaugurou no compostelán Museo do Pobo Galego a III Mostra de Cinema Etnográfico que se celebra até o 6 de novembro.

"Sorprendeunos comprobar que regueifeiros e rapeiros, malia xurdiren en momentos históricos diferentes e ser moi distintos, teñen moito que ver e recoñécense os uns nos outros", asegura Pilar Faxil que dirixe xunto a Helena Villares a produtora Nemedón. Os protagonistas do documental como Luís Caruncho, Pinto de Herbón ou os hiphopeiros Dios Ke Te Crew víronse onte retratados no filme por primeira vez e deron unha "clase práctica" das súas especialidades.

"Quixemos romper barreiras entre o local e o universal xa que a regueifa, por exemplo, está en todo o mundo pero en Galicia, como o propio, tendemos a infravalorala", comenta Faxil, filóloga de galego namorada do xénero documental. "Os rapeiros de Dios ke te crew empezaron a facer rap con só 17 anos en Ordes polos músicos americanos, non sabían nada da regueifa pero despois déronse de conta que había xente maior que facía algo moi parecido ao seu", conta Faxil.

Para que poñelos en relación, a filóloga considera "moi importante" o traballo do Certame Internacional de Improvisación Oral de Valladares e da súa asociacion cultural que impulsou a creación de obradoiros de regueifas que Luís O Caruncho e Pinto de Herbón levan por institutos de toda Galicia e Faxil e Villares recollen no documental. "Gustounos ver como xente tan nova como Pinto e Luís lle daban outra volta á regueifa. Era sorprendente ver como os rapaces aos que lles propoñían facer rimas se lanzaban", comenta Faxil. Ademais, o filme recolle a testemuña de Antonio Ribeira de Louzarela (Courel), o último "brindeiro" de Galicia, unha modalidade de regueifa máis poética coa que se poñía o peche a unha celebración.

Tanto regueifeiros como rapeiros comparten a defensa da lingua. "Mozos como Dios ke te crew téñeno moi claro: rapean en galego porque é o noso idioma e para eles é o normal pero tamén o entenden como un feito reivindicativo. Dalgún xeito, recollen dos regueifeiros a poesía e a expresión na súa lingua", explica Faxil. Ademais, os regueifeiros fan "cantigas de escarnio contra políticos ou curas" do mesmo xeito que os rapeiros "denuncian e arremeten contra o sistema establecido".

Porén, os problemas de regueifeiros e rapeiros difiren. Mentres os primeiros se enfrontan á ausencia dunha remuda xeracional, os segundos quéixanse da falta de locais de ensaio ou "de que na televisión pública non haxa un bo programa de música co que se sintan identificados". Coñecer os protagonistas do documental foi para Faxil "o máis gratificante".

PROGRAMACIÓN

Hoxe, unha ollada á emigración

A Mostra de Cinema Etnográfico inclúe unha sección cos documentais premiados na Mostra de Cine Documental Etnográfico Espiello de Sobrarbe (Huesca) e outra denominada Carlos Velo, con producións galegas. Hoxe, ás seis da tarde, proxectarase Guinea en patués de José María Mur, sobre a emigración dos habitantes do Val de Benasque a Guinea para traballar no cacao e no café. Na sección Carlos Velo, ás sete, poderase ver Ciclo combinado de Sabela Pernas e Nuria Castro, gañadoras do certame GZ Crea 2007, no que analizan a situación socioeconómica das Pontes antes e despois da chegada da central térmica. E logo, tamén se proxectará Un deserto de flores de Manuel Iglesias, sobre os campamentos de refuxiados saharauís.

O luns ás seis poderase ver Ainielle tiene memoria de Miguel Ángel Viñas, que percorre os pobos abandonados do Estado e, ás sete, Pic-Nic, de Eloy Enciso, unha ollada diferente sobre o tempo de lecer nas praias do Mediterráneo. El sueño de la tierra, de Eva Abad e Pablo García Cabrera, sobre a historia da localidade sevillana de Marinaleda, e A terceira póla, de Rubén Pardiñas, son os filmes previstos para o martes.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS