Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

figuras

Revolución en forma e en fondo

Rosalía ou a vontade para facerse escritora profesional

MARÉ . SANTIAGO   | 11.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Rosalía de Castro, subliñou Francisco Rodríguez, tomou conciencia de Galicia en Madrid
FOTO: AXENCIAS

Francisco Rodríguez, un dos investigadores que máis se ocupou da figura de Rosalía, presenta o próximo martes día 15 na Coruña a súa nova achega, Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (A obra e a persoa de onte a hoxe), libro editado pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG). A autora de Follas novas foi tamén o eixe da conferencia que o investigador e destacado membro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) impartiu na Casa de Galicia en Madrid, organizada pola Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro.

A autora foi, en palabras de Francisco Rodríguez, unha persoa dunha gran cultura que intentou vivir como escritora profesional a Literatura e é autora de novelas novidosas e revolucionarias tanto dende o punto de vista da intención como da estrutura, que viaxou a Madrid con intención de triunfar no mundo artístico e que antepuxo a súa profesión á maternidade.

Segundo Rodríguez, foi en Madrid onde Rosalía de Castro "tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi discriminada no Estado español que estaba en construción" e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra "vertente reivindicativa, para xente culta", en lingua galega.

O conferenciante referiuse tamén ás relacións sociais da escritora galega e ao seu matrimonio con Manuel Murguía, do que dixo que se baseou na complementariedade intelectual e social. O marido, explicou, apoiaba a súa creación literaria e procuráballe editoriais e xornais nos que escribir. Tamén houbo complementariedade sentimental e afectiva, polo menos durante os dez primeiros anos, mantivo.

Chamou a atención sobre o feito de que despois de casar embarazada, en 1858, non tivo máis que ese fillo ata 1868 e cando declinou profesionalmente e o matrimonio empezaba a ter problemas. Daquela, rexistrou ata sete embarazos, en períodos de dous anos entre un e outro, co que o conferenciante concluíu que Rosalía antepuxo a súa vocación literaria á maternidade.

Por último, Rodríguez referiuse ás características da xeración rosaliana, as súas relacións, como vendían os seus libros, por subscrición e a súa relación con Compostela. Este punto desenvolveuno coa proxección dun documental, "Compostela baixo a mirada de Rosalía", que presenta unha visión artística e cultural de Compostela que o conferenciante ofreceu como unha alternativa turística á da peregrinación.

O PERFIL

Discípulo de Dámaso Alonso

Francisco Rodríguez foi presentado pola presidenta da asociación, Elena Veiguela, que estivo acompañada polo coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez. Entre os numerosos asistentes había deputados galegos de distintas formacións políticas como Olaia Fernández Dávila, Francisco Jorquera, Celso Delgado, Ceferino Díaz, Francisco Javier Carro e Carmen Marón. Na presentación, Veiguela recordou que o conferenciante é licenciado e doutor en Filoloxía Románica e catedrático de Literatura en instituto e que foi discípulo e colaborador de Dámaso Alonso. Tamén que é militante do nacionalismo galego e que foi deputado no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS