Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

acto

A RGT leva o I premio Fegatea

Entregarase o 12 de decembro na gala do X aniversario da Federación

MARÉ . SANTIAGO   | 10.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Socorro García cos representantes de Fegatea, onte na rolda de prensa
FOTO: AXENCIAS

O vindeiro 12 de decembro culminarán os actos que ao longo deste ano conmemoraron o X Aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegate) cunha gala que acollerá o Teatro Principal de Santiago ás 20.00 horas, na que ademais se fará entrega do I Premio Fegatea á Revista Galega de Teatro, publicación á que a Xunta de Galicia lle acaba de retirar o seu apoio.

O director desta revista, Antón Lamapereira, recibirá o galardón da man da concelleira de Cultura de Santiago, Socorro García Conde, nun acto que contará cunha actuación musical a cargo de Litanai.

Fegatea foi creada no ano 2001 por sete grupos de teatro, entre eles Ditea, que está a celebrar os seus cincuenta anos de andaina. A Federación promoveu no 2002 a mostra de teatro afeccionado Agustín Magán, que se celebrará este ano a partir do día seguinte da gala, do 13 ao 16 de decembro no Teatro Principal. Acollerá catro espectáculos. O día 13, Ditea interpretará Aquí cheira a morto! ás 20.00 horas. Os seguintes son, ás 21.00 horas, a Asociación Teatral Paso de Valverde, coa obra Drammatico, o día 14; NNC Teatro con Peza para dous actores o día 15 e o último día, 16, o grupo O Aturuxo de Melpómene interpretará Non todos os ladróns veñen por mal.

Socorro García presentou onte en rolda de prensa o IX Festival Agustín Magán e a gala de Fegatea, acompañada de dous representantes da Federación, Manuel Dasilva e Xosé León, ademais do director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Os actos do aniversario de Fegatea comezaron no mes de xuño en Noia, inaugurando unha exposición que fai un percorrido por estes dez anos de existencia e amosa as actividades que foi levando a cabo Fegatea nestes anos. Logo continuou na Mostra Internacional de Cangas do Morrazo, na de Ribadavia, en varios ciclos de teatro afeccionado, na Escola Superior de Arte Dramática, en Palas de Rei e agora chegan a Compostela como final da celebración.

A Federación traballa na actualidade, segundo indica na súa páxina web, nas tarefas máis "urxentes" para a normalización do teatro amador: un circuíto de exhibición estable, a creación de novos festivais, a programación de cursos de formación e a organización de xornadas e congresos.

Fegatea foi logrando aumentar a súa presenza ante as administracións e principais foros de debate. O labor do teatro afeccionado foi dando os seus froitos, na creación de públicos, sobre todo nas localidades máis pequenas e na formación de profesionais. A concelleira de Cultura salientou onte, precisamente, a importancia do teatro afeccionado como canteira.

DATOS

Grupos e asociacións

Manuel Dasilva, de Teatro Escoitade, e Xosé León, de Carfax Teatro, forman parte da directiva de Fegatea. A federación está integrada por grupos de teatro, escolas e asociacións culturais que realizan actividade teatral. A súa páxina web é www.fegatea.org.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS