Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

colectivos

O ronsel da poesía social

A Porta Verde do Sétimo Andar edita o seu segundo libro

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 19.08.2010 
A- A+

Roberto Alonso
Imaxe da ilustración da portada do libro, que A Porta Verde presentará a partir de setembro
FOTO: Roberto Alonso

O mar, a morte. O poder, a dominación, a mentira, a manipulación. A destrución do patrimonio: panificadora de Vigo, porto de Massó... A especulación, a corrupción. A sociedade adurmiñada polo culto ó diñeiro, ós obxectos. A opresión do traballador, das mulleres. O imperialismo, o capitalismo depredador. As outras crises. A matria roubada, a lingua. Galiza, os seus lugares. A utopía. A memoria. O amor. A poesía. A resistencia. Son alicerces de Sétimo andar, poesía alén, o segundo libro do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar.

Rosa Enríquez, Alberte Momán, Miguel Ángel Alonso, Ana Cibeira, Alfonso Láuzara, Alba Méndez, María N. Soutelo, Manolo Pipas e Ramiro Vidal asinan os poemas deste volume, que presentarán a partir de setembro.

Textos heteroxéneos, mais con puntos en común. A defensa da cultura e a lingua galegas é un dos eixes de acción de A Porta Verde, un dos xa non moitos colectivos poéticos que manteñen a súa actividade en Galicia, como as Redes Escarlata ou o Clube d@s poetas viv@s. Espazos de confluencia de escrita para, nunha medida maior ou menor, a intervención social desde a base. Un dos vieiros, se cadra, de evolución da poesía social anterior ós 90.

"Máis que un colectivo, ou un grupo de poetas, o noso é un espazo de coincidencia. Un espazo creativo, galego e galeguista. Temos un blog no que publicamos textos, fotos, vídeos, imaxes de pinturas... obras da xente que se vai achegando, parte dela persoas que viven en Madrid, Barcelona, Portugal... Organizamos recitais no café Uf de Vigo, participamos en filo cafés e outros actos, festivais... Comezamos hai cinco anos. E cando levabamos dous publicamos o primeiro libro. Este é o segundo", explicou Alfonso Láuzara, voceiro da Porta Verde do Sétimo Andar.

Os libros son como "o resumo dunha andaina", un reflexo do "espazo físico e virtual, que ten tamén un componente de relación e amizade", engade. E un xeito de visibilizar os poetas, seguindo o ronsel nisto, se cadra, de proxectos que deixaron unha fonda pegada na nosa literatura, como Ronseltz nos 80, Letras da Cal ou o Batallón Literario nos 90.

"Non temos grandes pretensións. Só que o libro quede aí, aínda que non vaia ter moita demanda. A poesía é minoritaria...", reflexiona Láuzara. "Unha distribuidora repartirá uns cantos exemplares, co cal estará nas librarías a partir de setembro. Cando o libro en papel estea rodado, tamén o poñeremos no blog en pdf, para que se poida descargar. Tamén e pode pedir a través do blog", clarexou.

Internet é unha ferramenta fundamental de encontro para os membros A Porta Verde, como o é para outros proxectos culturais como Corporación Semiótica Galega ou Alg-a. Ou o foi para Aduaneiros sen Fronteiras. "A rede permite difundir os eventos, conectar a xente que está moi lonxe... Temos relación con colectivos como Arditura, co Clube d@s poetas viv@s, coas Redes Escarlata, nas que está Elvira Riveiro, que publicou poemas no noso primeiro libro...", salientou.

Sétimo andar, poesía alén é un libro heteroxéneo. "Cada un de nós ten o seu estilo, a súa personalidade, a súa procedencia xeográfica: non somos todos de Vigo, o seu xeito de pensar...", subliña Láuzara.

"Pipas,Momán e mais eu xa escribiramos no primeiro libro. Os outros autores mudaron. Desta volta puxémonos un límite de dez páxinas por persoa, e cada unha escribiu con liberdade. Por iso os textos son tan dispares. Pero diso se trata. Manolo fai unha poesía moi popular, directa, de raíz oral. Alberte e Mariola fixeron un texto un pouco narrativo, cohesionado, e outros poemas máis autónomos...", comentou.

SENTIDOS

"Unha balea que non parimos, pero que alimentamos"

Alberte Momán inclúe neste libro a obra coa que gañou o premio de poesía Aurelio Aguirre. Antes conseguira outros galardóns como o Francisco Añón, o Illas Sisargas ou o Narrativas Quentes. Rosa Enríquez é autora do poemario Vestíbulo da devastación (Espiral Maior) e da novela Unicrom (Sotelo Blanco). "Os outros somos autores máis discretos" -no sentido de menos coñecidos-. A maioría naceron a finais dos 60 ou nos 70, agás Alba e María, que son dos 80.

"Algúns somos nacionalistas, algúns independentistas... O tema da lingua está no libro, claro. Creo que máis que unha postura anticapitalista, que pode estar clara nalgúns autores, o que define os textos é o compromiso: social, ambiental... A sensibilidade poética é outro dos puntos en común... Tamén nos interesan outros xeitos de expresión, como a pintura, a fotografía, o vídeo... ", indicou.

"Na escuridade deste mundo aínda hai un recuncho no que as gorxas loitan contra o silencio que ameaza con volvernos a tod@s mud@s, tol@s, ceg@s, como vellos naufraxios sen espírito, durmid@s no interios dunha balea que non parimos, pero que alimentamos co noso covarde ollar indiferente", di o libro na contraportada.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS