Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Escritora e investigadora

Rosa Méndez: “Ou loitamos polo noso idioma ou quedaremos exentos de significado”

Unha sente certa fatiga ao andar reivindicando e defendendo a nosa lingua como se fose unha peza de museo

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 07.06.2010 
A- A+

Rosa Méndez cultivou sobre todo a poesía, se ben publicou tamén varias novelas

Rosa Méndez Fonte (Ferrol, 1957), é especialista en Patrimonio e Sociedade, e doutora pola Universidade da Coruña. Tras anos dedicada exclusivamente á investigación, os dous
últimos na Universidade Fernando Pessoa (Porto), no momento actual compaxina esta coa docencia en Educación Secundaria (IES Ollos Grandes-Lugo). Os seus traballos profundan no patrimonio (histórico, artístico, etnolóxico e da memoria) e a súa relación coa sociedade, do mesmo modo que presta tamén especial atención ao desenvolvemento da historia do patrimonio arquitectónico de Galicia. É autora de varios libros, coordinadora doutros e posúe tamén numerosos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas. Proximamente, presentará a obra A conservación dos monumentos arquitectónicos en Galicia (1840-1940), que obtivo o "Premio Humanidades da Real Academia de Doutores e o Concepción Arenal" de Humanidades-2009, convocado pola Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol.No eido literario, publicou os libros Poemas anobelados no tempo (Espiral Maior, 2000) e O Raio Verde (Espiral Maior, 2005), do mismo modo que foi compiladora de Poemas e Mar de Fondo (Universidade da Coruña, 2004). Habitualmente, colabora en revistas e publicacións colectivas como: A Coruña á luz das letras. Trifolium-AELG, 2008; Uxío Novoneyra. Amastra-n Gallar, n. 7, 2004; Negra Sombra. Intervención poética contra a marea negra. Espiral Maior–Federación de Libreiros–Xerais, 2003 e Botella ao mar. Asociación Galega de Artistas Visuais, 2003. En narrativa, publicou a novela Las horas guardan sombras (1993), que recibiu o Premio Galiana, convocado polo Concello de Toledo. Do mesmo modo que no ano 1994 quedou entre as finalistas ao Premio Asturias de Novela con De un tiempo atrás.

 

Rosa, a recente aprobación do novo Decreto polo goberno do PP, substituíndo o anterior de Normalización Lingüística, nunca chegou a aplicarse na súa totalidade pola reticencia de moitos docentes e pola desgana xeral da administración. Así, o idioma propio e natural da nación galega chegou a situacións de alarma vermella, co castelán instalado en todos os medios de comunicación, provocando unha diglosia maldita, auto-odio, etc. Agora coa aprobación deste disparate, a situación do galego empeora. Na miña opinión, o máis, o máis normal e sensato, non é outra cousa, e dada a situación dramática e a perda de falantes do noso idioma sería a descrinación positiva a favor do noso idioma. Calquera lingüista ou sociolingüista que se teña por tal así debe entendelo, o demais son contos de trepas e lingüicidas enmascarados. Cal é, Rosa, a túa reflexión a propósito desta miña non curta pregunta exposición?

Existe unha realidade cultural na que a lingua conforma algúns dos seus principais significados, e quen –a estas alturas!– non o entende así está a amosar unha grande e profunda ignorancia. Se un territorio, una historia común e unha lingua son os piares fundamentais sobre os que se asenta unha cultura, o feito de remoer calquera deles pode levar consigo un desequilibrio de difícil solución a medio prazo. Por outra banda, unha sente certa fatiga ao andar reivindicando e defendendo a nosa lingua, coma se fose unha peza de museo ou un obxecto valioso –que o é– ao que hai que protexer de mans inexpertas ou interesadas que puideran vir destruílo. Aínda que si, no fondo, o problema esta aí, ante nós, e ou loitamos polo noso ou podemos quedar exentos do que máis nos significa. En canto ao problema educativo –que non hai tal, xa que son os menos os que amosan reticencias–, atopámonos ante dúas realidades ben diferenciadas, dependendo da área territorial á que nos refiramos: rapaces que falan e escriben o galego con total normalidade e outros que só se achegan a el nos centros de ensino. E en ambos os casos compétenos a nós, os docentes, guialos cara á corrección linguística. Fóra das aulas serán seran eles mesmos os que, libremente, utilicen ou non o galego. Mais, en modo algún, debemos detraerlles a oportunidade de coñecelo e poder elixir. Todo isto sen tensións –que non existen– nin crispacións estrañas, produto, ás máis das veces, de formulacións ideolóxicas nos que a carga política ocupa lugares fundamentais. En síntese, estou falando de normalizar o que xa debería ser normal: o coñecemento e estudo do galego, en Galicia.

 

Segundo as estadísticas que cheguei a ler, aumentou o número de lectores/lectoras, pero estraña e curiosamente descende o número de falantes. Como se pode entender isto?

É difícil de argumentar, si, aínda que non tanto de comprender. Penso que, no fondo, existe un convencemento xeneralizado de que estamos ante unha lingua que nos define e estanos a dotar dunha calidade identitaria ben diferenciada. É dicir, galegos e galegas sentímonos orgullosos da nosa lingua e de canto esta supón para a nosa cultura, mais, por outra banda, a nosa realidade é a que é: un mundo grandemente castelanizado por causa, fundamentalmente, dos medios de comunicación. O fenómeno da globalización non nos é alleo, e a primeira sombra que nos proxecta vén da man do castelán. Non somos unha illa, e a nosa situación con respecto a ese idioma é moi feble; outra cousa é o nivel de compromiso que poidamos ter con este o noso "mundo esencial", ou dito doutro modo, coa nosa primeira e primordial identidade. Certamente, se nos deixamos levar pola presión que nos arrodea e non poñemos nada da nosa parte, polo menos quen teña conciencia do problema no que estamos inmersos, non é difícil que en dúas xeracións a nosa lingua remate nunha vitrina sonora do Museo do Pobo Galego. Cousa nada desexable, agardo, para ninguén.

 

Non só o idioma sofre as turradas da barbarie do imperio, do capitalismo, senón que os recursos naturais da nación galega mesmo como a paisaxe ou terminoloxía ambiental é sistemáticamente espoliada e destruída en ben do capital. Establece a túa opinión respecto desta miña breve exposición?

Dicía nun principio que o territorio era unha parte fundamental da cultura; recorda como reaccionou Galicia cando o Prestige. A terra doe, sen dúbida, e cando é espoliada ou aldraxada o pobo sae ás rúas, de xeito natural, na súa defensa. Por outra banda, somos o que nos arrodea. Un medio deteriorado é a mostra palpable dunha cultura deteriorada. Non basta cunha vivenda axeitada ás nosas preferencias; as rúas, o eido rural, o litoral... son tamén a nosa grande vivenda, e o seu aspecto debe correr parello con esa calidade que buscamos nese outro espazo máis íntimo. Por outra banda, Galicia non se pode permitir, de ningún modo, un medio deteriorado, nin tampouco poñérllelo en bandexa ós especuladores, que os hai tamén aquí, como en todas as partes. E aí deben estar as diferentes administracións, tanto poñendo en marcha unha férrea lexislación como prestándolle minuciosa atención ao cumprimento desta. Nisto hai que ser radical e as medidas para tomar exemplificantes e disuasorias, co fin de protexer o que é un patrimonio común.

 

Hai persoas que non dubidan en afirmar que a literatura galega en xeral vive no momento máis esplendoroso da súa historia, outros/outras son menos optimistas… Cal é a túa visión como poeta, como narradora…?

A literatura galega vive un momento de especial creación, edición e difusión. As canles para chegar ao público son moito máis amplas que décadas atrás. Isto non quere dicir que o nivel de calidade corra parello co de cantidade. Hai boa literatura, sempre a houbo en Galicia; outra cousa é que fose difundida, coñecida e respectada máis alá das nosas fronteiras.

 

É Rosa, a poesía o xénero que máis e mellor habitas?

A poesía é o xenero que mellor está a habitarme. Mais non porque o dese-
xe especialmente, nin moito menos o busque; pola contra, é ela quen me atopa a min, sen preavisos. Entendo que a poesía só existe –xusto-xusto– no intre da súa escrita; nese tempo estraño que apenas é algo máis que unha paréntese no decorrer dos días. Aparece de súpeto, e de súpeto marcha. Non son poeta, nin me sinto poeta; de feito, sorpréndenme, ás veces, poemas que teño escrito. É algo así como unha segunda personalidade, unha esquizofrenia da que non me podo escapulir. Os poemas deixan de pertencerme no momento en que son impresos; son textos perdidos e resignificados tantas veces como persoas se están a achegar a eles. Outra cousa é o "oficio", que vai sumando coñecementos e lixeireza, e que ás veces me serve para petar nas conciencias e contribuír con claridade en situacións inxustas. Ese é para min o compromiso fundamental dos que somos chamados escritores. O poeta, a poeta, debería ser unha referencia esencial na sociedade, pola súa capacidade de facer agromar a palabra exacta en baleiros alleos á liberdade ou ao compromiso. É por isto que se un poeta non é temido e respectado polos poderosos... algo está a pasar. Aínda que si, a poesía de salón ten tamén a súa cabida neste ámbito literario, e eu nada teño que dicirlle a quen asume esta opción, tan ahegada ao espectáculo, sempre e cando saiba o que fai, e non tente desvirtuar o seu perfil auténtico.

 

O ensaio nunca te tentou?

Téntanme moitas cousas, pero sei que o día ten vinte e catro horas e, de momento, apenas me sobran algúns que outros minutos.

 

Soñas ou ves Galicia dona do seu destino e como unha República Socialista, internacionalista e solidaria?

Soño cunha Galicia democrática, en liberdade, dona de decidir no seu, con calidade de vida e na que habiten persoas responsables e felices.

 

A democracia, calquera que for, é a antítese da monarquía, así se intitule esta de parlamentar, pódese explicar isto?

Non é sinxelo de explicar, non. Aínda que tamén é certo que as monarquías presentes nos actuais sistemas democráticos carecen do seu verdadeiro significado, até o punto de estar completamente desvirtuadas.

 

Nun Estado federal ou confederal, as cousas serían máis levadeiras que hoxe en día?

Non teño unha bóla de cristal na que poder ver o futuro, e penso ademais que non podemos pasar a vida pensando o que podemos ser e non somos. Neste sentido, creo máis na loita diaria por acadar obxectivos de carácter social, ben definidos, posibles e a curto prazo. Aínda que si, dáme medo a crecente globalización económica, sempre tan negativa para os máis pobres. Aí temos ante nós unha
crise galopante que provén duns sectores económicos que se fan fortes nesa poalla que os dilúe, por iso entendo que son cruciais as relacións internacionais entre gobernos progresistas. Preocúpame ese estreito diálogo entre neoliberais, conservadores e poderes económicos, e a súa negativa influencia de cara a desprestixiar gobernos e proxectos de esquerdas.

 

Con palabras Rosa, poderías retratar unha imaxe do significado e significante do tempo?

Fasme recordar os tempos de facultade e o estruturalismo de Saussure! Pero si, podo retratalo nidiamente: os meus fillos e a satisfacción interior que me produce o seu continuo descubrimento como persoas.

 

Tes algún libro de cabeceira ao que sempre regresas?

Teño ducias! Tantos, que non quero dicir ningún título, por non esquecer os outros. É un dos meus defectos, gusto de demasiadas
cousas á vez.

 

Di Gamoneda que en Galicia se escribe a mellor poesía do Estado español…Concordas?

Tento fuxir das comparacións. O que hoxe é así, mañá pode resultar todo o contrario. A boa poesía ten ás e non sabe de fronteiras.

 

O de nacionalidade histórica diche algo, ou é un sintagma que a estas alturas non ten sentido, un eufemismo para negar ou agochar a realidade?

Cal é a realidade? Para min non existe outra que a suma de todas elas. E a miña dime que somos una nación que posúe unha cultura, unha lingua e unha historia de seu, se isto nos fai ademais unha "nacionalidade histórica"... non o vexo descamiñado.

 

Que libro aínda non escribiches e che gustaría escribir?

Supoño que estás a referirte ao eido literario, e se é así, non sei cales son eses libros que non escribín aínda, porque nunca escribín nada previsto máis alá de cinco minutos antes de telo feito. Consecuentemente, se hubese algo que me gustase escribir xa estaría escrito. Ademais, tendo en conta que o feito da escrita vén, as máis das veces, acompañado dun fondo sentimento límite –e non sempre positivo- case prefiro non ter nada previsto nestes momentos.

 

O independentismo entra dentro das túas arelas ou proxectos a propósito de Galicia como nación?

Galicia é unha nación, chámese histórica ou como se queira, e dicía antes que estou máis pola loita do día a día, polos obxectivos a curto prazo, e polo desexo último de acadar unha sociedade onde primen os principios de liberdade, solidaridade, igualdade e xustiza social. Dáme certo temor esgotar esforzos en tentar abranguer grandes metas e esquecer o arredor cotián, o presente e as persoas próximas ou afastadas. Mais se me pides que sintetice esta proposta, diríache que quedo co utilitarismo: o mellor ben para o maior número de seres humanos; un principio de utilidade que persegue, de modo esencial, a felicidade das persoas e que pode servir como instrumento de reforma política e social, dentro dun marco socialista que atenda ao devir dos cidadáns, contemplados dun xeito global á vez que personalizado.

 

Da historia máis recente, refírome ao franquismo e a súa acción criminal en Galicia, aínda falta moito por contar?

Hai moito contado xa nesta última década, pero aínda así, queda outro tanto; e hai que darse présa en facelo, porque aínda temos entre nós moitas persoas que conservan fresca a memoria e poden achegar as súas vivencias. Nos arquivos atópanse moitos documentos fundamentais para escribir esa historia, pero é un luxo convivir cos que a viviron de preto. Non podemos desperdiciar as súas achegas. Galicia leva sobre as súas costas moitas mortes, moitas bagoas derramadas, moitas inxustizas... O mínimo que lles podemos ofrecer aos represaliados é a nosa atención, o noso respecto e o noso recoñecemento.

 

É necesaria unha nova división administrativa de Galicia que substitúa as actuais provincias?

Galicia ten moitas divisións administrativas, aínda que non amosen o mesmo recoñecemento "oficial"; é o caso das comarcas e das parroquias, que funcionan axeitadamente no día a día. Non sei se precisa algunha división nova, penso que xa ten dabondo.

 

As deputacións provinciais que papel xogan… Non cres que son entidades clientelistas e decimonónicas?

Nunca entendín ben o papel das deputacións, como tampouco entendo o do Senado español. Penso que se ambas as dúas institucións desaparecesen non se notaría a súa ausencia; consecuentemente, semellan ser algo inútil para o correcto funcionamento da Administración. Por outra banda, se ademais supoñen unhas dotacións económicas considerables... o mellor sería, si, prescindir delas.

 

Traballas agora nalgún libro en concreto?

Nestes momentos teño xa corrixidas as probas dun libro de poesía conxunto, con Jorge Letría (poeta portugués): Xemelgos das mareas. Un segundo, Ondatrasonda, anda polo Porto, tamén a piques de se publicar. Noutra liña, penso que o mes que vén poderei presentar: A conservación dos monumentos arquitectónicos en Galicia (1840-1940), cincocentas páxinas nas que se reflicte o drama patrimonial que sufriu o noso país neses anos terribles para a historia do patrimonio.

Como vai o Patrimonio e a Sociedade galega, da cal ti es especialista?

Para responder a esta pregunta precisaría de moito máis espazo do que me resta, así que me permite que o faga dun xeito curto, pero ben transparente: Vai indo... l

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS