Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

APOio

Saír da precariedade

Os deputados galegos conseguen emendar os Orzamentos Xerais do Estado para que inclúan unha partida de 800.000 euros para a RAG

MARÉ . SANTIAGO   | 27.10.2010 
A- A+

AXENCIAS
O presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, denunciou a precariedade económica da institución
FOTO: AXENCIAS

Os deputados galegos conseguiron introducir un paquete de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que suporán, entre outras cuestións, que a Real Academia Galega(RAG) dispoña de 800.000 euros para o 2011. Así, a partida prevista inicialmente -200.000 euros-, incrementouse de xeito que queda máis preto do que recibirán as súas homólogas, o Institut d"Estudis Catalans-976.000- euros, e o Euskaltzaindia -1.137.000- ou a Real Academia Española -que recibiu 3.700.000 euros no 2010-.

As emendas foron presentadas polos deputados socialistas galegos, e os nacionalistas, que pediron que aos 200.000 euros iniciais se engadisen outros 800.000, ata chegar ao millón. Tamén os deputados populares demandaran máis fondos para a institución galega.

O Grupo Parlamentario Popular presentara unha proposición non de lei na que instaba a Xunta gobernada polo seu propio partido para incrementar as súas partidas económicas á RAG.

O BNG presentou en marzo unha pregunta en Pleno ao Goberno estatal sobre a "discriminación" da Academia Galega e unha moción na que propoñía a inclusión dunha partida estábel nos Orzamentos Xerais do Estado para financiar a Real Academia Galega. En realidade, xa fora aprobada no 2005, no Congreso dos Deputados, unha moción neste sentido, que ata agora fora incumprida.

O pasado mes de marzo, os deputados socialistas rexistraron no Congreso unha Proposición non de Lei do deputado por Pontevedra Domingo Tabuyo para que a Real Academia Galega, do mesmo xeito que a vasca e a catalá, tivese unha partida anual nos Orzamentos Xerais do Estado e, en setembro, o Congreso aprobou unha transaccional neste sentido. Así, os Orzamentos Xerais do Estado 2011 incluíron unha partida de 200.000 euros para a Real Academia Galega -sendo a primeira vez que esta institución recibe unha achega do Ministerio de Educación- e agora esta partida increméntase ata 800.000 euros.

Para a Real Academia Galega supuña unha enorme dificultade a obtención de recursos, tal como denunciou en diversas ocasións o seu presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín. Por exemplo, o ano pasado obtivo, por concorrencia competitiva, 169.000 euros. A diferenza é que agora se fixa unha partida orzamentaria estatal.

A Real Academia Galega recibirá tamén, para o 2011, unha partida de 135.390 euros dos orzamentos da Xunta de Galicia para Política Lingüística. A transferencia aumentou, así, neste concepto, moito desde o 2010, ano no que a cantidade asignada foi de 60.102 euros. E, tras facerse pública a situación de total precariedade que vivía a institución, que non podía nin reparar o tellado, a Xunta aumentou en 45.000 euros o orzamento de 200.000 que a RAG recibira dos orzamentos de Cultura no 2009.

A CLAVE

Lembranza de Nós

Salón Nobre da Deputación Provincial de Ourense acollerá o vindeiro 30 de outubro unha sesión extraordinaria da Real Academia Galega enmarcada nos actos de homenaxe do Día de Nós, informa a Fundación Risco.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS