Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

A sedución de Marful

Considerados como os máximos expoñentes en Galicia da ‘música vintage’, Marful presenta mañá no Teatro Colón da Coruña o seu último disco, ‘Manual de sedución’, un traballo realizado desde o humor e a ironía que caracteriza esta formación, liderada por Ugia Pedreira. Unha cocteleira tímbrica co azucre do realismo máxico galego.

REDACCIÓN   | 15.09.2010 
A- A+

AXENCIAS
Marful propón no seu último disco unha viaxe polas claves da música popular do mundo sempre peneirado polo realismo máxico galego
FOTO: AXENCIAS

Marful, o grupo galego por execelencia da música vintage, chega mañá ao teatro Colón da Coruña para presentar Manual de sedución nun concerto que onte presentaron a líder da formación,Ugía Pedreira, o acordeonista e produtor do disco Pedro Pascual, o seu padriño Xurxo Souto e Ramón Barros, xerente do Colón Caixa Galicia.

Manual de sedución mantén, en palabras dos membros do grupo, a natureza da formación, cargado de humor e de ironía. "Trátase dun disco que seduce en sosego, fai preguntas e acepta a contradición. Porque a sedución non é explícita, é maxín: o lugar onde se crían as cores e as mans asexan posibilidades", asegurou Ugía Pedreira.

O traballo vén inspirado pola música popular galega, cubana, portuguesa, italiana, xitana, dos mundos, por viaxes e amizades, polas voltas da música ambulante, das varietés e as chiscadelas do music-hall. O resultado é un son club, vintage e cool co selo do realismo máxico galego-portugués e con altas doses de retranca.

Manual de Sedución gravouse nos Estudios Savik Sound co técnico José Trincado nos meses da primavera 2010 e acompañáronos nesta viaxe os seus amigos e colaboradores habituais como Xacobe Martínez (contrabaixo) e LAR Legido (batería e percusións) de Sumrá.

Marful propón unha cocteleira tímbrica instrumental para danzar twist, slow, swing, pasodobres, xotas e mambos. O grupo proponse ensinar a súa cara impresionista, as letras surrealistas, mesmo patafísicas, con arranxos e letras que, din, non deixan a ninguén impasible.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS