Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 26.03.2019 Actualizado 12:29
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

malestar

Semanas "horribilis"

Todos os sectores profesionais se rebelan contra a política cultural da Xunta, marcada polas liñas mestras que tracexa Núñez Feijóo e a exeución aleatoria de Roberto Varela

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 22.04.2011 
A- A+

Roberto Varela e Núñez Feijóo coa directora de Espazo Atlántico nunha visita á feira, que resultou un estrepitoso fracaso

Desde o último ano, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, vive nun continuo tránsito de cuestionamentos, pero o certo é que estas dúas últimas semanas converteron abril no "mes horribilis" da súa xestión. Xa non se trata daquelas frases de dubidosa orientación que o fixeron célebre nas primeiras entrevistas -relativas ao galego ou á necesidade de dotar de feminismo a Literatura galega- ou dos problemas que lle deron os tradutores con Desván de los Monjes: agora, Roberto Varela, o conselleiro menos comprometido ideoloxicamente do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, enfróntase ao malestar xeral de todos -absolutamente todos- os sectores implicados na Cultura galega.

O pasado día quince, por exemplo, Roberto Varela acudiu a un almorzo informativo do Forum Europa e volveu provocar un sismo, como lle ocorrera na súa comparecencia anterior. Daquela, na Coruña, preguntáronlle polas escavacións arqueolóxicas do Parrote, pendente dun expediente da Consellería de Cultura. El, nun dos seus habituais arrinques de sinceridade -outros prefiren falar de "ignorancia"-, confesou que non sabía que no Parrote houbese escavacións depedentes do seu departamento, nin sabía sequera que houbese algún tipo de escavación, pero prometeu informarse.

Desta volta, preguntáronlle se vía no Centro Niemeyer de Avilés e o no Guggenheim de Bilbao unha competencia para Cidade da Cultura. E Varela, sen pensalo dúas veces, propuxo unha "ruta das grandes infraestruturas culturais" do norte de España agrupando estes tres espazos. A idea debeu ser espontánea xa que, ao parecer, o seu departamento non deseñou ningunha liña de traballo nesa dirección e el mesmo engadiu que nun tempo indeterminado se desprazaría ao centro de Avilés e ao de Bilbao para "ver que cousas se poden facer en común". Pero a bolboreta lanzada ao vento foi cazada polo xornal Deia, en Euscadi, que dous días despois publicou un artigo sobre a extravagante proposta: "Se o Centro Niemeyer parece que está abocado ao éxito, a Cidade da Cultura de Galicia é todo o contrario. Demasiado cara, demasiado grande e carente de contidos". Unha publicidade estupenda para o Gaiás no País Vasco...

Pero estes son grolos comparados coas ametencias que lle caeron enriba a Varela na entrega dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual. Ou, mellor dito, el puxo a súa presenza -todo un xesto de diplomacia- e aturou as continuas referencias á inacción de Feijóo por parte dun sector abatido co desbaraxuste da política audiovisual da Xunta. Os profesionais levaban tempo queixándose, non só polas rebaixas orzamentarias senón tamén porque neste goberno do Partido Popular (PP), tras dous anos na presidencia, aínda non saben a quen dirixirse para expresar as súas ideas ou as súas necesidades.

O malestar esténdese aos organizadores de festivais, desorientados entre a Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (Agadic), a Consellería de Cultura, a Dirección Xeral de Medios e o Consorcio Audiovisual, todos eles con petiscos de responsabilidade no ámbito. A situación chega a un punto en que os principais festivais do país -algúns con renome internacional- corren o risco de desaparecer o ano próximo por falta de apoios. Ata o propio PP tivo que unirse esta semana no Parlamento ao BNG e aos socialistas para apoiar unha iniciativa que insta a Xunta para rescatar o modelo de axudas aos festivais do bipartito, desmontado polo Goberno de Feijóo.

As relacións do conselleiro co teatro pasaron, desde o primeiro momento, por tensións e as compañías emprenderon varias mobilizacións para reclamar políticas activas e "imaxinativas". Roberto Varela, ao visto, teno claro: el rexeita incentivar a produción -un sistema que lle parece a consecuencia máis nefasta das subvencións- e aposta por primar a publicidade e a distribución.

Aínda máis "horribilis" foron as demostracións de indignación dos bibliotecarios a través da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais e de Anabad, que agrupa os traballadores dos servizos de arquivos, bibliotecas e centros de documentación de Galicia. A paciencia deste sector parece que chegou ao límite cando, a primeiros de abril, a Dirección Xeral do Libro lles remtiu unha circular rabelando "dramaticamente" -din- o orzamento do programa Letras Vivas, principal fonte de dinamización e animación á lectura. A circular chegaba coa programación xa completada a estas alturas de ano -non houbo aviso previo de cambios- e ademais estipulábase que as actividades -no canto de cubrir todo o ano- se cinguirían a abril e maio, co cal os técnicos tampouco tiñan tempo para reconcibir o programa. O presuposto para as 133 públicas do país reduciuse a 50.000 euros.

Anabad lamentaba, ao mesmo tempo, que o departamento de Varela abandonase o coofinanciamento -que "significou un grande incremento dos fondos documentais nos últimos anos", apuntaban- e que se eliminase o programa de formación dos profesionais das bibliotecas. O colectivo considera que se está producindo un "abandono" dos servizos públicos de bibliotecas.

Por se faltase algún detalle, o mécores saíu á luz un manifesto de Danesga -Asociación de Profesionais da Danza Escénica Galega- onde se criticaba o atraso no prometido Plan do Centro Coreográfico Galego, a "falta de rigor e transparencia" das audicións nesa institución e a orientación das subvencións convocadas por Agadic.

No medio desta paisaxe de ruínas, Varela céntrase na súa propia aposta -o Ano da Música- e na do presidente: a Cidade da Cultura.

 

O fracaso de Espazo Atlántico, que ía ser ARCO
Este ano, a feira de arte contemporánea de Vigo, Espazo Atlán- tico, resultou un fracaso aínda máis estrepitoso que a súa primeira edición, e iso que Roberto Varela, cando a presentou, anunciou que aspiraban a ser unha competencia para ARCO, a feira madrileña.

Espazo Atlántico, que reúne a galerías de Galicia e Portugal, foi polémica mesmo antes de que abrise as súas portas, xa que a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo e candidata do PP á Alcaldía da cidade, Corina Poro, fixo unha especie de inauguración que os socialistas denunciaron como unha vulneración da lei que prohibe actos inaugurais en vésperas da campaña electorais. Aínda así, Porro tamén asistiu á inauguración xeral do evento pero tanto ela como Feijóo mantiveron discretas distancias. O peor na feira non foi a calidade e o esforzo dos galeristas -que resultaba evidente nun paseo polos expositores- senón a falta de visitantes, que a organización cifrou en máis de vinte mil e os galeristas calcuraron nuns tres mil. A frustración dos profesionais púxoos en pé e protestaron contra unha estratexia que parece concibida máis por programas electorais e fotos que por obxectivos de eficacia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS