Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 16.10.2019 Actualizado 13:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galardón

Sen "entrar no político"

Manuel Fraga é escollido, a proposta de Rafael Louzán, gañador do premio Otero Pedrayo pola súa "achega á cultura galega"

MARÉ . SANTIAGO   | 20.10.2010 
A- A+

Manuel Fraga, –nunha foto de arquivo na súa casa de Perbes–, é autor de varios libros sobre Galicia

O ex presidente da Xunta e senador, Manuel Fraga Iribarne, foi elixido, por unanimidade do xurado, gañador do premio Otero Pedrayo, pola súa "achega a Galicia". O xurado estivo formado por representantes das catro deputacións galegas, das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, do Institututo Padre Sarmiento e da Real Academia Galega. Por proposta do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán elixiuse "a figura e a traxectoria" de Manuel Fraga. "É unha proposta sorprendente que pode ter moitas lecturas", asegurou Louzán. En todo caso, matizou que "o pensamento dos membros do xurado destacou a achega á cultura de Galicia que traspasou todas as fronteiras". "Non entramos no tema político", sinalou.

"O labor de Fraga é indiscutible", opinou Louzán, quen destacou que "Galicia sempre estivo no centro da súa vida e obra con múltiples traballos publicados e exhaustivos estudos".

Da súa extensa obra o xurado salientou aqueles títulos dedicados a Galicia como son De Santiago a Filipinas, pasando por Europa (1988), Galicia onte, hoxe, mañá (1989), Galicia en España e en Europa(1990), A cultura galega, pasado, presente e futuro (1990), Alvaro Cunqueiro: dous discursos (1991), Galicia no concerto rexional europeo (1991), A Galiza e Portugal no marco europeo (1991) ou De Galicia a Europa (1991). O presidente da Deputación de Pontevedra engadiu a primeira Lei de Normalización Liguística, a recuperación e potenciación mundial do Camiño de Santiago.

O premio Otero Pedrayo, que o ano pasado gañou o historiador e colaborador de GALICIA HOXE Marcos Valcárcel, está dotado con 30.000 euros. Manuel Fraga Iribarne presidiu a Xunta de Galicia entre 1990 e 2005.

Ademais foi ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969 durante o franquismo, así como vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación despois da morte de Francisco Franco, baixo a presidencia de Carlos Arias Navarro. Fundador do partido Reforma Democrática, xermolo de Alianza Popular e á súa vez do Partido Popular, foi un dos pais da actual Constitución Española de 1978.

O premio Otero Pedrayo comezou a súa andaina no ano 1983. Forman o xurado representantes das catro deputacións -os deputados de Cultura-, as tres universidades, a Real Academia Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. A organización é rotatoria, entre as deputacións. Perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora dos seus homes e institucións son os obxectivos do premio.

BASES

Os posibles candidatos

Poden ser candidatas ao premio as persoas naturais, grupos de traballo ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e polo mantemento da cultura galega, segundo as bases do premio.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS