Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 20.11.2019 Actualizado 20:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Sen sorpresas

Os pesos pesados das letras galegas -Manuel Rivas, Ana Romaní ou Manuel Lourenzo- fanse cos galardóns que conceden os escritores do país

MARÉ . SANTIAGO   | 02.05.2011 
A- A+

De izquierda a derecha y de arriba a abajo: Manuel Rivas, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, Marga do Val, Pilar García Negro e Marcos Calveiro

Non houbo sorpresas. Os grandes nomes da literatura galega volveron facerse cos máximos galardóns que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Manuel Rivas e Ana Romaní resultaron gañadores dos premios á mellor novela e o mellor poemario editado en 2010, decisión que se fixo pública este sábado na tradicional Cea das Letras que os autores celebran anualmente.

Así, a novela Todo é silencio, de Manuel Rivas, foi recoñecida como a mellor obra en narrativa, mentres que Estremas, de Ana Romaní, foi galardoada como o mellor poemario en galego de 2010. Sen dúbida, dous representantes da potencia creativa destes dous xéneros literarios no país, nos que figuraban como finalistas Marilar Aleixandre, Antón Lopo, Iolanda Zúñiga, Marcos Calveiro e Vicente Araguas na categoría de narrativa; mais Francisco X. Fernández Naval e Antía Otero, en poesía.

Na categoría de literatura infanto-xuvenil, resultou gañador Marcos Calveiro, polo seu libro O pintor do sombreiro de malvas, que se fixo co premio sobre Pinto Chinto, Francisco Castro e Francisco X. Fernández Naval.

No apartado de ensaio, o premio foi para Pilar García Negro, pola súa obra O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, que competía con A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro e Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

O dramaturgo Manuel Lourenzo fíxose co galardón na categoría de teatro pola súa obra Flores de Dunsinane, ao que tamén optaban Canibalismo, de Marcos Abalde e Cínicas, de Teresa Moure. Marga do Val gañou o galardón a mellor tradución ao galego por Randea do Alento de Herta Müller, superando ós traballos de Isaac Xubín e Isabel Soto.

No que respecta á mellor traxectoria en periodismo cultural, este ano o elixido foi Ramón Nicolás, nunha categoría na que tamén eran finalistas Anxo Tarrío, Daniel Salgado, Fran P. Lorenzo e Iago Martínez. Na categoría de mellor blog literario, Alfredo Ferreiro foi recoñecido polo seu labor en El levantador de minas.

Ademais tamén se entregou o premio Institución Cultural, que este ano foi para a Fundación Penzol; e o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado a Antonio Gamoneda.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS