![]() Manuel María, nunha foto de arquivo do ano 2002
FOTO: AXENCIAS |
"Manuel María non é unha figura só literaria. A súa desaparición foi tamén a dun xeito de ver o mundo, unha Galicia, unha valoración ética e estética de Galicia". Así o di o poeta e profesor de Lingua e Literatura Galegas Miguel A. Mato Fondo, autor do ensaio Señardade da luz, (A obra poética de Manuel María), que acaba de editar a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A obra inicia ademais a andaina como editora desta asociación, que presentou onte o libro no seu local.
O ensaio é o resultado dun proceso de varios anos, non si?
Si, comecei nos anos 90, e fun pouco a pouco, facendo polo medio outras cousas. A Manuel María gustoulle moito o título... Como o ensaio non se publica moito, tardou moito, claro.
Xa ó principio do libro afirmas que tanto a visión labrega, como a etnográfica ou a política da obra de Manuel María, son reducionistas, pois o poeta era todo a un tempo e moito máis...
Na literatura galega houbo moitas veces opinións moi mediatizadas politicamente. E tamén hai unha tendencia a explicar a obra de Manuel María, como lle pasou a Ánxel Fole, desde unha perspectiva etnográfica, ruralista... Toda definición vai ser reducionista. É poeta da terra, si, pero tamén amosa unha elevación estética, unha vontade de estilo. Tamén é político, non só ruralista... Pero eu non creo no tópico do poeta da patria: era un bo poeta, e iso é o máis importante.
Si amosaba unha identificación e unha afectividade cara ó mundo rural, a paisaxe natural... Pero a súa é unha paisaxe humanizada, sinalas no libro...
A nosa é unha paisaxe profundamente modificada pola acción humana: os camiños, os regos..., e a literatura galega reflicte isto. Hai nisto tamén unha tradición literaria que arranca xa con Rosalía de Castro...
A casa, a auga e a luz son os tres símbolos máis importantes, segundo salientas, no relativo á paisaxe. Que significan?
A casa é o centro do seu universo. Despois están a lareira, a xente, a terra, a tribo local: así é como expande o significado. A casa tamén é a nai, a tribo, a paisaxe que a rodea, a memoria dos que non están, os poemas..., o seu espazo íntimo. Os significados son múltiples: a luz resucitada, os ríos da Terra Chá... o seu xeito de estar no mundo.
Subliñas "Terra Chá" como un libro innovador. Por que?
Manuel María e Uxío Novoneyra leran e descubriran xuntos os poetas de Lugo: Aquilino Iglesia... E despois trataron de innovar con respecto a esa tradición. Manuel utiliza un estilo moi directo, nada grandilocuente, ten unha visión da terra moi interiorizada...
"Da poesía de tebra á de compromiso social e político". Dunha estética existencial, á identificación coa esquerda nacionalista... Así foi a súa evolución, segundo indicas tamén no libro.
Si, o paso é do conflito do individuo consigo mesmo ó conflito social. Dunha protesta íntima ante o mundo, a un compromiso político e social que implica a comunicación cos outros... E dentro da súa visión social hai varios rexistros: do mítico ó épico, ó máis panfletario... Eu non desprezo o panfletario, que moitas veces é moi innovador, é como un berro, un ruído, que reclama a nosa atención. Unha poesía suxa, pouco estilizada... Sexa o rexistro que sexa, el denuncia as atrocidades do pasado e do presente.
A viaxe, o camiño, é outro dos eixes da súa obra. Por que?
O mito de Cristo e o mito de Ulises influíron moito na literatura occidental. Itaca está dentro dun, é a viaxe na busca de ti mesmo... Manuel María era un gran viaxeiro. Dicía que, se tivese que escoller unha segunda cidade, sería Florencia.
O pesimismo era nel unha actitude vital e estética, apuntas. A angustia do mundo, o desacougo... Pero por outro lado celebraba a natureza, as pequenas cousas... e niso amosaba un vitalismo contraditorio con ese fatalismo...
Todos somos contraditorios. O pesimismo de Manuel María ten que ver coa súa biografía: perdeu a seu pai de novo... Despois foi o desacougo ante o que estaba a pasar en Galicia... Manuel María pertence a unha xeración que agardaba uns cambios que non se produciron. Por iso o sentimento de desencanto... Tamén miraba a espiritualidade das cousas, dos obxectos pequenos, contemplaba a marabilla dos pequenos obxectos... A súa era unha visión cósmica, panteísta.
Relacionas a Manuel María con outros poetas, sobre todo Ferrín, Bernardino Graña e Celso Emilio. Que abriron camiños cos seus primeiros libros, aseguras, para a poesía dos 70...
Si, esa xeración amosa cousas en común. Aínda que en Manuel María tamén hai influencias de autores da preguerra. Ferrín e Braña son máis internacionalistas e teñen unha estética máis moderna que a de Manuel María.
Creo que non o agradaba moito o "culturalismo" dos 80, aínda que este é un tópico que se está aínda a revisar. Que cres ti?
A verdade é que eu nunca lle escoitei diatribas sobre iso. Si, claro, el era un poeta comprometido, que cría na función social da literatura. E tamén era unha persoa culta... Dixo Cáccamo que o culturalismo só pode molestar os incultos. Ademais, eu creo que todo vai unido, o culturalismo e unha visión do mundo...
Salientas, por outra banda, a súa poesía amorosa, que segundo dis está presente en toda a obra, mesmo na socialrealista.
Si, ten poesía amorosa, arredor do amor concreto a unha muller, Saleta. E tamén hai na súa poesía erotismo e sexualidade. Desde unha perspectiva menos íntima, as mulleres son símbolo da terra, a casa. Saleta é tamén a casa, a muller fundadora.
Nunca se esqueceu a Manuel María, e agora parece ademais que está máis presente, a través de iniciativas como a de rehabilitar a súa casa e musealizala...
Si, a Fundación está facendo un traballo moi importante. Manuel María está chamado a ser un poeta institucionalizado, nese sentido. Aínda que o máis importante para un escritor é sempre ter lectores. Ademais, a súa obra non é só poética, tamén é moi importante o seu posicionamento sobre a cultura, a súa labor xornalística...