Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 30.04.2017 Actualizado 18:10
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

A serenidade vixiante

O escritor Fran Alonso publica en Xerais o libro "O meu gato é un poeta", que inclúe CD e clave de acceso a web, para darlle un novo enfoque á poesía infantoxuvenil

LUPE GÓMEZ   | 16.04.2011 
A- A+

AXENCIAS
Fran Alonso é tamén o responsable de edicións de Xerais
FOTO: AXENCIAS

É autor de libros como O brillo dos elefantes ou Males de cabeza. A súa escrita sempre está alerta ante a realidade, como se Fran Alonso fose un gato de mirada magnética. El cre que a poesía debería estar en todas as partes: nos autobuses, nos supermercados, nos bocadillos de papel, nos globos azuis que ascenden no aire...Con O meu gato é un poeta consegue chegar aos rapaces e rapazas cun enfoque divertido, ameno, interactivo. El pensa que "a poesía acompaña o ser humano dende as cavernas, e seguirá acompañándoo porque é consubstancial a el. Outra cousa é que as súas formas vaian cambiando e, nese sentido, eu intúo os cambios máis radicais nun futuro próximo." Fran Alonso é un xardineiro que coida moi ben do xardín das palabras, con serenidadade vixiante.

De onde veñen o teu nome e os teus apelidos? Por que te chamas Fran Alonso? Que importancia cres que teñen os nomes? Daríache igual chamarte doutra maneira?

Evidentemente, as persoas non escollemos o noso nome. Pero afacémonos a como nos chaman na casa, a como nos chaman familiarmente. A min sempre me chamaron Fran, desde neno. É curioso, porque cando publiquei os meus primeiros libros había xente á que lle daba por chamarme Paco, en vez de Fran. É un apócope coma outro calquera, pero eu nunca me identifiquei con el; soábame estraño, alleo a min. Foi daquela cando decidín empregar Fran Alonso como nome literario. Ademais, singualizaba a miña identidade pública. Se cadra, se chego a facer esa reflexión antes de publicar, optaba por un nome literario moi diferente. Entre outras cousas, porque me gusta separar a miña vida privada da pública. Nese sentido, son pudoroso.

Como recordas aquel Vigo da túa infancia? A que xogabas cando eras un neno? Lembras os teus compañeiros e compañeiras de xogos?

A miña primeira infancia non transcorreu en Vigo senón na aldea de meu pai, que era en Crecente. Leváronme para Vigo para escolarizarme definitivamente, aos seis anos, e lémbroo como un choque asfixiante, de falta de espazo, de aire, de liberdade. Estaba afeito a saír da casa e desaparecer, sen renderlle contas a ninguén. En Vigo iso non era posible. O primeiro día de clase, miña nai dixérame que non cruzase a rúa se non era da man dalgún profesor. Á saída, o autobús estaba do outro lado da rúa, e como ninguén me deu a man, non crucei. Quedei alí, vendo marchar o autobús, ata que, varias horas despois, deron comigo. Claro que lembro, e moito, os meus compañeiros de xogos. Os xogos aínda eran estacionais, e iso era fantástico. Todo tiña o seu tempo, desde xogar ó trompo.

Ti realmente tes ou tiveches algunha vez un gato? Era un animal poeta con ollos bonitos e moita imaxinación? Por que os ollos dos gatos nos dan un pouco de medo pero ao mesmo tempo resultan máxicos?

A miña casa é unha especie de cruce de camiños de todos os gatos do barrio, que entran e saen sixiliosamente, ao seu xeito. Entre eles, hai varios gatos poetas, pero especialmente un, de ollos brillantes e imantados. Ese é o que me dita os versos. Os gatos son animais máxicos, enigmáticos, con moita tradición literaria. Eu mesmo, xa botei man deles en Males de cabeza e A casa da duna. Gústame deles a súa radical independencia e a súa serenidade vixiante.

O traballo de editar libros é bonito e interesante como facer traxes para as palabras? Un editor é dalgun xeito un costureiro?

O editor ten moito de costureiro ou, se cadra, de xardineiro. Coida as árbores máis fermosas do xardín para que luzan e arrecendan. O editor tamén é un mediador, pero un mediador que intervén sobre o libro, sobre o seu resultado final, e sobre a creación dun estandar socioliterario. Creo que o do editor é un papel fundamental, que hoxe por hoxe está en perigo debido á voracidade do mercado, e que debe ser reforzado máis ca nunca. Ademais, esa revolución fabulosa que supón a rede e o libro electrónico tamén supón, por desgraza, unha desvalorización do seu rol. Se queremos apostar por unha literatura de calidade, é necesario reivindicalo.

O libro "O meu gato é un poeta" lévanos a unha páxina web. Esa é a mellor forma de achegarse aos rapaces e rapazas de hoxe en día? É como se o libro tivese distintos camiños, e así resulta máis dinámico e está "máis vivo". Resulta interactivo, e o lector-a tamén participa no libro.

Non sei se é a mellor, pero si unha forma moi próxima á súa sensibilidade e ás súas inquedanzas. A web de O meu gato é un poeta posibilita que os nenos participen activamente: poden opinar, poden votar, pode escoitar os poemas en mp3, poden navegar ao seu xeito. Paréceme importante darlle un papel preponderante ao lector. Eu non quería que o libro rematase no papel; quería que continuase máis alá, para sentir a poesía a través doutras propostas, ben sexa na web ou no disco, e que os nenos puidesen percibir os poemas a través de todos os sentidos posibles. Ademais, no futuro a poesía acabará trasladándose á web, e non tardará moito.

Como definirías a sensibilidade? Ti dis que a escrita é unha forma

de estar no mundo, moi ligada á infancia. A sensibilidade é un valor precioso e ás veces non lle damos toda a importancia que ten?

Eu creo que a sensibilidade é unha actitude, en boa medida connatural, de apertura fronte ao mundo, fronte aos demais e fronte á creación artística. A min paréceme fundamental á hora de enfrontarme ao papel en branco.

É certo que a poesía ten propiedades terapéuticas e diuréticas? Non debemos perder de vista a capacidade subversiva da literatura?

Eu creo que a poesía ten propiedades terapéuticas porque permite recoñecernos nela, salvarnos a través dela ou compartir, tamén a través dela, a nosa soidade. E, se cadra por iso, tamén é subversiva, porque converte o individual en colectivo, o persoal en social. E potencia o poder da palabra. E é diurética porque a súa lectura alivia profundamente.

Xurxo Souto acompaña coa súa música o teu recitado de poemas no CD que acompaña ao teu libro. Resultouche fácil entenderte e traballar con el? A súa música anima extraordinariamente os teus poemas.

Desde que coñezo a Xurxo Souto, hai moitos anos, sei que é moi doado entenderse con el. Xurxo é unha persoa con talento e moi xenerosa.

Evidentemente, nos ensaios el podía máis ca min, porque ten esa insuperable resistencia dos músicos enriba do escenario. A música que compuxo para o disco de O meu gato é un poeta é sensacional e deume a oportunidade de poder levar o libro a unha nova dimensión, fascinante, excitante, na que eu me recoñezo grazas ao traballo de Xurxo. E aos nenos encántanlles os poemas con música!

Por que comparas a poesía cun globo azul que incha e voa e desaparece no aire?

Poucas cousas hai máis fermosas para un cativo que ver como un globo desa-parece no aire, sempre que non sexa o seu, claro. Para falar da poesía, no libro eu comparo as palabras cun globo, porque na poesía as palabras hai que inchalas moito, para que signifiquen moitas cousas, máis do que significan normalmente. Así constrúense os poemas: hai que soprar moito para inchar as palabras, que son como globos, e logo esas palabras son libres para expresar o que precisen expresar. Desa imaxe da poesía como un globo tamén procede un recital-espectáculo de poesía infantil galega que levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas e aos nenos encántalles. Esa experiencia foi fundamental para min á hora de escribir O meu gato é un poeta.

Cres que debemos reivindicar que os políticos lean poesía? Se lesen poesía, os seus discursos serían máis intelixentes, máis divertidos e máis profundos?

A política, hoxe por hoxe, está deteriorada, ensimesmada, cegada, lixada, endeusada. A súa práctica necesita ser destruída para reinventala, porque as reformas xa non valen. Precisa do poder da imaxinación, da liberdade. O exercicio da política, que ten que garantir as liberdades, non é libre. A lectura de poesía por parte dos políticos axudaría a reinventala, a devolverlle a capacidade creativa, a entrega, a intelixencia, a profundidade, o matiz, liberdade, a oportunidade da discrepancia. Sería facela máis crible, máis digna, máis orixinal e divertida. Que os políticos lean poesía non debe ser un consello, debería ser unha esixencia da cidadanía, o lema dunha pancarta: esiximos que os políticos lean poesía.

Por que escribir un poema de amor é tan difícil?

Escribir un bo poema de amor é dificilísimo porque o amor é o sentimento máis universal e ten tanta forza que cega o poema.Unha das maiores virtudes da poesía é que a súa palabra é a liberdade absoluta. Pero hai que transmitirlle á xente esa verdade, de xeito que a sintan próxima. É necesario que os nenos saiban que a poesía vale para todo: para namorar, para merendala nun bocadillo de papel, e parar berrar a palabra liberdade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS