Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

As voces galegas do cine

Só sete empresas se adican á dobraxe en lingua galega

Só sete empresas se dedican á dobraxe ao galego de filmes, unha tarefa que lles esixe aos seus profesionais talento como actores e capacidade de sincronización

E.S.. SANTIAGO   | 08.05.2006 
A- A+

AGN
O actor de dobraxe José Antonio de la Fuente, da produtora CTV, que defende o nivel dos profesionais galegos deste sector
FOTO: AGN

Menos dunha decena de empresas se dedican á dobraxe en Galicia. Un laborioso proceso, a través do cal tradutores, lingüistas, técnicos e actores permiten ó espectador coñecer personaxes máis próximos, capaces de expresar a realidade e os sentimentos coas súas mesmas palabras. Cando Clint Eastwood, Robert de Niro ou Nicole Kidman falan galego, estamos a oír a Fermín Encinar, Luis Iglesia e a Bea García, respectivamente. Pero a súa profesionalidade e boa interpretación trasladan os ídolos cinematográficos a un contorno máis familiar .

Interpretación e sincronía son os principais requirimentos que debe reunir un profesional da dobraxe, ademais, claro está, dunha boa dicción e dominio do idioma.

Galicia conta cun importante colectivo de actores que traballan neste ámbito. Polo xeral, trátase de profesionais que proveñen doutras áreas do mundo escénico e audiovisual, especialmente do teatro e a radio. Porén, a chegada de voces novas tamén se valora e, en especial, de voces mozas. Os cursos que se organizan cada ano permiten a quen reúna as características apropiadas introducirse nun mundo tan descoñecido como apaixonante.

Esta actividade naceu en Galicia como unha necesidade ante a carencia de voces capaces de dobrar ó galego as producións televisivas e cinematográficas. Hoxe en día, segundo o rexistro do Centro Galego de Artes da Imaxe, un total de sete empresas dedícanse a este sector. Trátase de Area 5.1 Factoría Audiovisual, situada en Oleiros; Studio XXI Producións e Un TV, na Coruña; CTV e Dime que si, en Santiago; e Cinema Iberolusa e Sodinor, en Vigo.

Con este abano empresarial, o mercado galego, no que a Televisión de Galicia é practicamente o único cliente, está xa abastecido. Por este motivo, fíxose preciso abrirse ás posibilidades que ofrecen as televisións privadas e de ámbito local que están a xurdir en todo o Estado español. Segundo afirma José Antonio de la Fuente, da produtora e empresa de dobraxe CTV, o nivel deste sector en Galicia compite con calquera autonomía. De feito, resulta máis doado encontrar bos dobradores en castelán que en galego.

A dobraxe dunha cinta representa un laborioso proceso no que participan tradutores, lingüistas, técnicos e actores. O primeiro paso, unha vez recibido o material, é a tradución. Non se trata simplemente de cambiar as frases de idioma, xa que hai que adaptalas ós movementos da boca. Hai que buscar a expresión que, respectando o significado orixinal, se axuste mellor ó tempo verbal do personaxe. Os tradutores traballan baixo a coordinación dun lingüista que revisa e unifica estilos.

Posteriormente, realízase a segmentación da produción en "takes", e o director de dobraxe, tras se introducir nas características de cada personaxe, realiza unha convocatoria de elenco. Como sinala José Antonio de la Fuente, existe a norma de respectar certas voces para os actores máis coñecidos. Así, Fermín Encinar é Clint Eastwood; Luis Iglesia ponlle voz a Robert de Niro; Bea García, a Nicole Kidman; e Ana Lemos, a Jodie Foster, entre outros moitos. A convocatoria debe axustarse á dispoñibilidade dos actores e actrices, moitas veces inmersos noutros proxectos, polo que se realizan as dobraxes por separado e móntanse con posterioridade. Finalmente, na sala de mesturas únense todos os elementos sonoros que compoñen o produto: voces, música e efectos, para despois inserilos na película ou serie.

DATOS

Interpretación máis formación

Son profesionais do propio colectivo, co apoio dun lingüista, os encargados de formar novas voces para a dobraxe, tal e como explica o actor e director de dobraxe Nacho Castaño. Castaño, quen tamén imparte formación , coñece moi ben un sector no que se introduciu con só 13 anos, dándolles voz a Matthew McConaughey e a Joaquín Phoenix.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS