Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Sinais dun tsunami

Nun só ano, a edición en galego afúndese en máis do 21% mentres o castelán, en circunstancia de crise, logra medrar o catro por cento

A.R. LÓPEZ. SANTIAGO   | 30.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Ata o mes de xuño, o sector galego non coñecerá os efectos económicos da vertixinosa baixada
FOTO: AXENCIAS

A edición en galego baixou un 21,6% o pasado ano, unha caída dramática -a maior do Estado- que amosa xa os dentes do que pode ser o balanzo máis catastrófico da industria cultural do país. Mentres a edición en castelán medraba algo máis do catro por cento, o resto das linguas cooficiais rexistran retroceso, se ben non nunha vertixe semellante ao do galego: o éuscaro perdeu 15,3%, e o catalán o 5,8% .

Os datos despréndese da recente Estatística de Produción Editorial, publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e neles tamén se amosa que, en xeral, a produción editorial de Galicia descende nun 12,6 por cento con respecto a 2009, exercicio no que se publicaron 3.180 títulos, o que supón 402 menos en 2010.

Para o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manolo Bragado, estes datos son un mal agoiro para a evaluación comercial do sector, que non estará concluída até primeiros de xuño. En calquera caso, non lle sorprende: é a consecuencia da crise económica, do trásito do modelo dixital e da desorientación na maneira de entender a edición cultural. O que máis lle preocupa é o impacto nas empresas: aínda que carece de cáculos fiables, non desbota unha rebaixa na facturación próxima ao oito por cento nos ingresos, o que supoñería non chegar aos vinte millóns de euros, unha cifra propia de hai vinte anos.

Ao retroceso editorial galego, engade, non é alleo o efecto do Decreto do Plurilingüismo, que afectou de maneira especial á editorial galega, obrigada pola Xunta a perder un cincuenta por cento da cota do libro educativo en beneficio das editoriais que publican en castelán.

"Levo advertindo desde hai un tempo", subliña, "que a pesar da miña confianza no sector, estamos vivindo momentos moi difíciles... Este é un tema complexo que estou seguro obedece a diversas razóns e ata que teña os datos do comercio interior, esa diminución do 21% non sabemos aínda como afecta aos distintos ámbitos: literario, ensino, infantil e xuvenil, ou edición de referencia".

Con todo, Bragado matiza que os datos do INE contrastan cos que posúen do ISBN e que el manexou hai un mes: no ISBN "daban un aumento da produción editorial do 20 por cento e de títulos en galego do 10%, xa que neles se incorpora a edición electrónica, que o ano pasado en Galicia foi moi elevada".

A XEOGRAFÍA

Signos positivos só en Madrid

As comunidades autónomas con maior produción editorial durante o ano 2010 foron de Madrid (con 24.999 títulos editados, un 4,3% máis que o ano anterior) e Cataluña (con 20.533, un 1,6% menos). Estas dúas comunidades acapararon o 59,8% do total de títulos. Por detrás situáronse Andalucía (con 9.303 títulos), Comunitat Valenciana (4.509), Galicia (2.778), Castela-León (2.744) e País Vasco (2.499). En canto aos idiomas, o castelán representou o 78,8 por cento do total de títulos publicados (un 4,19% máis que en 2009) e o 79,9% dos exemplares editados no ano 2010.

En todos os idiomas nacionais as maiores porcentaxes de títulos destináronse á Literatura: o 28,8% nos editados en castelán, o 34,2% en catalán, valenciano e balear, o 48,2% en galego e o 52,1% en euskera. As publicacións oficiais foron a 10,7% dos títulos en castelán, o 17,1% do catalán, valenciano e balear; o 19,2% do galego e o 7,2% do euskera.

Nas publicacións para nenos presentáronse as maiores diferenzas entre idiomas, alcanzando o 3,7% do total nas publicacións en castelán, o 11,0% en catalán, valenciano e balear; o 15,2% en galego e o 24,9% en euskera.

DATOS

Unha baixada histórica

A baixada do 21,6% de títulos publicados en galego podería supoñer un descenso nos ingresos do sector editorial próximo ao 12%, o que suporía a peor cifra da historia destas empresas, claves na industria cultural do país.

402 títulos menos que no 2009

A produción editorial na comunidade galega descendeu no ano 2010 nun 12,6 por cento con respecto ás cifras de 2009, exercicio no que se publicaron 3.180 títulos, o que supón que se publicaron 402 menos.

Máis en inglés que en galego

Dentro dos publicados en España nun só idioma estranxeiro destacaron as obras en inglés (co 48,7% do total), seguidas do portugués (o 16,1%). A cifra duplica ao conxunto de libros editados en galego.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS