Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

escrita

A sinfonía da vida

Manuel Portas retrata na súa primeira novela as vidas dunha serie de personaxes insatisfeitos coa súa existencia, co mundo de narcotráfico como fondo

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 11.06.2010 
A- A+

Manuel Portas escribiu ‘Lingua e sociedade na Galiza’, (1990)

Xente común, que arela un cambio na súa vida. Persoas que se senten insatisfeitas, atrapadas nun día a día sempre previsible. Son os protagonistas de Denso recendo a salgado, a primeira novela de Manuel Portas, que publicou Xerais recentemente. De fondo, o mundo do narcotráfico nunha vila mariñeira galega. Compostela. E todo o que quedou atrás co paso dos anos, nun grupo de amigos da mocidade.

 

Non escribiras nunca antes unha novela? Tiñas todo gardado no caixón?

Non, non escribía. Sempre me gustou a literatura, é un dos maiores prareces que hai, e ademais é algo que nunca te traiciona... Sempre andei metido en moitas cousas: primeiro na fundación da Mesa pola Normalización Lingüística, despois na AGAL, máis tarde na xestión educativa, e logo no BNG; fun concelleiro... Non tiven ata hai pouco tempo para escribir unha novela, e foi un pracer.

O libro retrata as vidas dun grupo de mozos e mozas da mesma xeración. Pero é, máis ben, o retrato dunha sociedade...

Si. Non é unha novela xeracional, senón que sitúa na sociedade actual a unha quinta, persoas que coincidiran no instituto. A idea da xeración axuda a darlle verosimilitude á historia.

Os personaxes soñan con saír do que os fai infelices. Uns atrévense polo menos a intentalo, como Xavier. Outros comezan, como María, e outros non son capaces, ou non poden. Pero case todos parecen condenados ao fracaso...

Cada un ten a súa perspectiva vital, o seu espazo, e hai quen se rebela e quen non. María toma a iniciativa e marcha, pese a quen lle pese. Hai outro tipo de rebelde, como o Viquingo, que xa vive desde o principio fóra da orde establecida...

É unha novela coral, cun narrador que nos vai levando da man. Esa pluralidade de voces sempre é un risco: o lector pode perderse..., e ademais deixa menos espazo para afondar nos personaxes...

En certa medida, hai na novela unha pegada cinematográfica, cun xogo multipolar de personaxes. Primeiro fálase das vidas de cada un, e despois vanse armando os lazos entre eles. O narrador danos unha visión selectiva: o lector pode seguir non só o que fan, senón o que pensan os personaxes, e nese aspecto non é como unha cámara de cine... No último tramo hai xa acción por acción. Eu tiña medo de caer nunha soa visión. Podía coller un personaxe, e contalo todo desde a súa perspectiva. Sería máis fácil, pero máis limitador. Quería que houbese perspectivas múltiples, como na realidade... Si xogo cos ritmos. Interésame darlle como sacudidas ao lector. Non é a acción dunha película de xénero negro, pero si hai personaxes que dan cambio radical, como o carpinteiro que se fai vendedor de artesanía...

A trama está presente e vaise acelerando cara ao final. Pero eu considero que para ti son máis importantes os personaxes...

A acción é o que lles acontece aos personaxes, seres coas súas realidades de desasosego, insatisfacción, soños, esperanzas... A realidade vista por cada un deles, como nunha sinfonía do que é a vida. As cousas van avanzando cara a un final que non é pechado... Tamén hai un xogo moi importante de amor e desamor. Para uns a consecución de amor é alcanzable, e outros quedan a medio camiño... O mundo do narcotráfico fora tratado por Carlos Reigosa, aparece tamén de fondo nos libros de Domingo Villar... Na túa perspectiva, sublíñase a dimensión social: o paro e a precariedade laboral como caldo de cultivo...

É que eu vivín iso. Eu era un estudante que tiña os cartos xustos, e vía como outros utilizaban billetes para encender cigarros. O contrabando de tabaco, e despois o narcotráfico, xeraban excesos na sociedade... Mesmo había empresas que pechaban, pero non pasaba nada porque se podía solucionar con dous fardos... Era unha sociedade que vivía de costas á realidade. Pero despois viñeron as mortes por sobredose, por sida... O narcotráfico infecta unha sociedade, e iso era o que eu quería subliñar, a parte humana...

Ao final aparecen o xornalista e o comisario. A historia podería ter continuado sen eles...

Respecto do xornalista, moitas veces pensamos que son xente sentada detrás dun ordenador... pero eu creo que hai unha substancia humana que se move por detrás. Ambos personaxes axudan a darlle verosimilitude ao desenvolvemento da historia....

DATOS

"Apoiar" os neofalantes

Portas é profesor e foi concelleiro de Normalización Lingüística. Pensa que, aínda que tiveramos un ensino en galego, seguiría a ser fundamental traballar, para atraer xente nova cara á lingua, noutros espazos como o de lecer. Considera moi importante "axudar" os neofalantes. "Cada vez os mozos falan en menor proporción galego", subliña, e por enriba a administración promove un cambio legal "que non vai achegar nada", e que produciría o caos nos centros se non fose pola "boa vontade dos profesores". +

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS