Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

escrita

Contra a soberbia

Iolanda Zúñiga volve esculcar na realidade crúa na novela coa que gañou o Xerais, unha historia sobre a precaridade cotiá e a falta de oportunidades nos suburbios

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 15.06.2010 
A- A+

AXENCIAS
Zúñiga publicara xa en Xerais as súas dúas obras anteriores
FOTO: AXENCIAS

"Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras". Son palabras de Iolanza Zúñiga, ao coñecer a noticia da concesión do Premio Xerais coa súa primeira novela. A autora deuse a coñecer coa prosa contundente, directa e concisa dos relatos de Vidas post-it, (Xerais, 2007), que mudou en monólogo en verso libre en Amor Amén (Xerais, 2008). Agora acaba de gañar o Xerais con Periferia, un chanzo máis na súa esculca da realidade núa, crúa, brutal.

 

Este libro semella unha evolución non necesaria -podías ter virado para a poesía- pero si coherente co que tes escrito antes...

Ata agora escribir era para min máis como un hobbie, agora é máis un oficio. E si hai puntos comúns cos outros libros. A historia requiría unha maior extensión, para falar da cidade, os protagonistas, o entroido, o fútbol, a delincuencia, o narcotráfico... En Vidas post-it non había dous protagonistas, aínda que esta novela pode lerse como relatos, coma aquela obra. E, como en Amor Amén, hai partes fortes, duras...

A túa é unha literatura do cotián. De que experiencias agromou esta novela?

Está cimentada sobre a música. Hai uns quince anos comecei a interesarme pola música do Brasil, e ultimamente polo hip-hop, a cultura urbana... Tamén de documentais que vin... Cousas que vin, que escoitei... de cando aínda non era escritora. Elementos que viñan de moi atrás, e cos anos colleron consistencia. Vivín un tempo na periferia de São Paulo, visitei tamén outra favela en Río de Xaneiro...

O xurado salientou as referencias na túa novela á cultura de masas, a cultura popular, o mundo da música, o cinema, os medios, a publicidade -cuestións que xa tes abordado, de xeito claro en "Amor Amén", para relatar un mundo consumista, teledirixido e baleiro para as persoas-...

Si, creo que hai nesta novela algo de cultura popular. Polo medio hai por exemplo cousas da prensa rosa, da publicidade... Si hai un aspecto pop, incluso vulgar, que creo que lle acaía á historia...

Das novelas como a túa, como as doutros autores e autoras que utilizan esa técnica de introducir fragmentos de elementos da nosa realidade: os medios, as novas tecnoloxías.. chámaselles ás veces textos posmodernos. O xurado viu nesta obra un chanzo máis na renovación da narrativa galega. Se cadra vós, só tratades de reflectir o que vedes...

Estou de acordo contigo. Eu non sinto que vaia renovar nada. O que escribo é algo que xorde de maneira natural, pola vida que me tocou, os empregos que tiven..., non me sairía doutro modo. Ao que conto vaille moi ben o ritmo rap, que é algo que está na rúa...

En "Amor Amén" cuestionabas o rol feminino tradicional, o xeito no que ás veces entendemos as relacións. Nesta novela parece que queres que ollemos a outra realidade que moitas veces non queremos ver...

O certo é que tiña medo de que me saíse algo panfletario. Eu vin aquilo, estiven alí e foi duro. Tentei facer algo equilibrado, e sei que hai partes nas que non o conseguín... Pero despois decateime de que tiña que ser sincera, non podía agochar que me estaba a afectar aquilo..., e quixen facer reflexionar. Falo dunha periferia, que podía ser calquera suburbio de calquera cidade.

E o estilo? Recoñecemos no libro á Iolanda das anteriores obras neste aspecto?

Eu creo que si, pero é difícil apreciar iso desde unha mesma..., porque escribo desde min. Eu si me recoñezo na novela: ás veces crúa, outras veces máis lírica, outras cunha prosa máis sinxela..., aínda que xa pasaron tres anos desde Vidas post-it.

Xa tes falado da soidade, a precariedade de afectos, a incomunicación, o desamor, a violencia, as drogas, a dependencia... Que querías subliñar neste libro?

Para alguén que vive nas favelas, a súa esperanza é o fútbol e o Antroido. En vidas marcadas pola droga, a violencia, o narcotráfico... son os ingredientes básicos da vida alí, non só nas favelas senón na periferia, no que abrangue do centro ás favelas.Teriamos que tentar ver esa periferia, deixar de mirarnos ao embigo, estar máis do lado da periferia.

PERSONAXES

"Os nenos engánchanse ó crack"

Fálasnos dos personaxes?

Hai dous, que son semiimportantes, tampouco teñen tanto peso. Unha muller, Luciana, que se mete no narcotráfico para axudar a nai, que é algo que pasa alí. Os nenos engánchase ao crack, e os delincuentes maiores o que queren é que se enganchen, porque así traballan para eles. E Brown, un bandido máis de renome. Son xente que non ten oportunidades. Moi poucos negros van á Universidade, e saben que pouco máis poden esperar. Gañan moito máis co narcotráfico...

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS