Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 25.06.2017 Actualizado 10:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

AP-9

Desde a sociedade

Centros sociais como La Tabacalera de Lavapiés amosan que é posible un tipo de política cultural alternativa, autoxestionaria, horizontal e sen subvencións

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 09.04.2011 
A- A+

http://latabacalera.net
O vello edificio da Fábrica de Tabacos de Lavapiés foi rehabilitado coa cooperación e a reutilización
FOTO: http://latabacalera.net

Amosar que hai outro xeito de facer "política cultural". De xeito horizontal e autoxestionario. Desde a sociedade. É mérito de centros sociais como La Tabacalera de Lavapiés, un dos proxectos que onte estiveron representados nos debates do encontro de enxeñaría cultural AP-9, que acolle Expocoruña. O galego Víctor Sampedro é un dos membros desta iniciativa colectiva. "Rehabilitamos a Fábrica de Tabacos de Lavapiés, un ben protexido que estaba caendo. Foi un proceso de autoconstrución, que fixemos reutilizando, reciclando...", explicou. O Ministerio de Cultura cedeu o espazo a un grupo de persoas que foi medrando progresivamente, a partir dun colectivo artístico. "Desde o principio tiñamos claro que non queriamos facer unha musealización, pechar a cultura en vitrinas, que é como matala. Non queriamos facer iso que está encadrado como arte social comprometido e solidario, senón fornecer un espazo para a arte feita pola sociedade, desde o contrapoder, e punto", indicou.

Creatividade, autonomía e participación social son algúns dos principios que rexen a actividade deste centro social. "Na Tabacalera no se cobra, nin se vende, senón que se fan as cousas sen ánimo de lucro. Tampouco son actividades subvencionadas, e séguese a filosofía do copyleft, da cultura libre, gratuíta e universal. Estes tres presupostos son os que orientan a actividade do centro social. Non queriamos ser, en particular, o centro dos ocupas, nin o dos libertarios, nin o do enfoque de xénero, senón abrir un espazo para a pluralidade: facemos desde obradoiros de papiroflexia ata obras teatrais... Non queriamos facer algo pechado, un guetto, que iso xea o crea o poder. Por iso tivemos tensións con organizacións da esquerda extraparlamentaria, porque nós non queremos adoutrinar a ninguén, servir a un movemento social en concreto", subliñou Sampedro.

Liberar un espazo como a Tabacalera, nunha cidade como Madrid, na que está moi presente a "especulación e a privatización dos espazos públicos", non é doado.

Pero ademais presenta, nun prazo medio, a dificultade de acoller toda a demanda de colectivos que queren desenvolver a súa actividade no centro social. "Como non cobramos, nin temos máis filtros que eses tres presupostos que citei, chegou un momento que nos vimos desbordados. Ademais tampouco estabamos preparados para outras cousas: achegouse ó centro moita xente que vive situacións de exclusión social, marxinación... Tiñamos nós menos problemas de orde pública que calquera discoteca, pero chegou un momento que tivemos que parar por uns días. Agora comezamos unha nova etapa", comentou Sampedro.

As relacións co concello son "inexistentes", sostivo. "As administracións do PP son hostís a todo xeito de autoxestión social, polo que a nosa actividade implica tamén unha tarefa de certo resistencialismo. Son administracións neoliberais, neoconservadoras. Hai un retroceso resepcto doutras épocas. É como se quixesen facer de Madrid un laboratorio de Estado neocon, dominado polo capital... Se non fose polo movemento ocupa, o asociacionismo veciñal do que tanto se falou sería cooptado polos mercaderes", reflexionou.

La Tabacalera non é un centro social ocupado, pero comparte en moitos aspectos a filosofía anticapitalista e autoxestionaria dos movomentos ocupas. "O que lles pedimos ós colectivos que queren facer algo no centro é que socialicen a súa actividade. Polo demais, este é un espazo no que vai habendo unha renovación constante dos grupos que participan nel. E temos tamén unha relación cooperativa e simbiótica con outros centros sociais, centros artísticos, centros educativos... A idea é ter un espazo para a xente que non ten apoios, cartos, padriños, subvencións...", asegurou.

Alén de ser un lugar de tránsito e acción para os proxectos que parten desa situación de precariedade, iniciativas como este centro social teñen un maior impacto na sociedade. "Creamos focos de socialización política alternativa fundamental. Iso notouse na manifestación da mocidade sen futuro que se acaba de celebrar en Madrid: os valores ocupas. Iso é algo que non logran nin as xuventudes dos partidos políticos, nin as institucións educativas, nin os medios", lembrou.

DATOS

Outro tipo de "compromiso"

"Non se nos pode acusar de falta de compromiso público, de compromiso político, pois conseguimos moito máis que outros proxectos, sen fundametalismos. Hai unha revitalización dos movementos contra a especulación e a privatización do público. Hai un risco, iso si, que é a apropiación do proxecto por algúns grupos. Pero no noso caso non pasa iso: os que veñen novos dannos tanta caña que nin teriamos oportunidade. Temos un coidado especial con evitar o liderado. Os grupos van e veñen, van rotando, polo que non pode haber apropiacións, nin se é posoble que xurda nada como un aparato dirixente. As culturas políticas son moi plurais, vimos de moitas loitas distintas...", subliñou.

Actividades múltiples

A actividade do centro social é múltiple: obradoiros para a infancia, grupos de discusión sobre temas como a autoxestión, obradoiros de fotografía, edición, escultura, pintura, danza ou artes marciais, entre outros, mostras de cinema, grupos de música...

"Unha das actividades máis bonitas que fixemos ultimamente foi unha obra teatral na que se envolveron, con David Rodríguez, un grupo de mulleres que viñan a un obradoiro de manualidades. Mulleres de 50 a 70 anos, que se puxeron a bailar sobre o escenario, contando cousas sobre as súas condicións de traballo. É un exemplo dunha cultura negada, oprimida, por ser mulleres e de clase traballadora. Nunca tiveran a oportunidade de ser elas as que se subían ó escenario. Agora polo Día das Letras Galegas imos facer algo sobre Lois Pereiro e a cultura punk, que está máis viva do que moita xente pensa", recordou Sampedro.

Levantar e manter un proxecto como a Tabacalera tamén ten custos personais, en tempo sobre todo. "É certo que pode queimar, pero cando ves resultados como o da obra que che acabo de contar, colles folgos para seguir adiante. Tamén nos coidamos entre nós, no aspecto afectivo, cos noso cariños, as nosas comidas, festas...", salientou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS