Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| A parálise nas axudas públicas ó audiovisual pon en risco a conclusión de moitas producións |
As oito asociacións que agrupan os profesionais que traballan no audiovisual galego denuncian que o investimento da Xunta no sector "está paralizado". Segundo explican nun comunicado, o Goberno galego ten pendentes de resolver axudas para o audiovisual por 6.260.000 euros, o que supón un 7,31 por cento do negocio desta industria. Para actores, dobradores, técnicos, guionistas, realizadores e produtoras, esta situación mais a falta de resolución da segunda fase do Plan de apoio e potenciación da produción cinematográfica galega, que depende da CRTVG, está a pór "en perigo o traballo de máis de 1.200 profesionais do sector."
A protesta é unánime no sector tras "a falta de resposta do Goberno da Xunta de Galicia perante os reiterados esforzos de negociación e fronte á falta dunha política audiovisual definida, agravada pola paralización de contratación da Televisión Pública de Galicia".
A Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA), a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe (APRADOGA) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) reclaman unidas unha "solución urxente para resolver esta situación dunha gravidade sen precedentes".
Un sector que factura ao ano máis de 77 millóns de euros
Segundo comentan, a parálise na resolución das axudas da Xunta ó sector audiovisual galego para este ano ascende a 6.260.000 euros, (destinadas a produción, desenvolvemento, contidos interactivos, curtametraxes e desenvolvemento e promoción do talento) para as anualidades 2010, 2011, 2012 e 2013. Estas subvencións supoñen o 7,31 por cento do total do negocio das empresas privadas adicadas ao audiovisual en Galicia. Trátase dun orzamento que, segundo explican as asociacións, "permite culminar o financiamento necesario para pór en marcha producións de xeito inmediato ou pór o capital semente para obter outras achegas financeiras noutros territorios para producións que se realizarán en Galicia cunha revalorización ou retorno de 4 a 1."
Un sector económico "importante" -salientan- xa que anualmente factura "máis de 77 millóns de euros". Ademais, segundo denuncian, produciuse unha "considerable diminución" do orzamento da Televisión de Galicia para a contratación de produción externa (de 24 a 17 millóns) e tamén do orzamento asignado ó Plan de apoio e potenciación da produción cinematográfica galega previsto para o 2010 (de 5.040.000 euros pasou a 4.000.000 euros).
"A esta situación -xa asumida no seu día polo sector- hai que engadir a anulación pola Televisión de Galicia -notificada o día 25 de xuño- da 2ª fase da Convocatoria de dito Plan", denuncian. Unha anulación que "afecta considerablemente a boa marcha dos proxectos audiovisuais e ás conseguintes previsións de rodaxes para este ano 2010".
Por todo isto, as asociacións reclaman que a Xunta cumpra cos seus compromisos e publique pola vía da "urxencia" as resolucións das convocatorias de axudas ó audiovisual e que a TVG faga o mesmo coa 2ª Fase da convocatoria do Plan de apoio e potenciación da produción cinematográfica galega previsto para o 2010 e o IGAPE faga o mesmo coa Liña de específica de apoio ó sector audiovisual galego.
Pola súa parte, a CRTVG recoñeceu onte que dada "a profunda crise económica", está a facer "o máximo esforzo de produción que lle permiten os seus orzamentos". Segundo indican nunha nota, a compañía xa ten comprometido "internamente e co sector audiovisual máis do 90% da produción global".
No que atinxe ao Plan de apoio e potenciación da produción cinematográfica galega para 2010, sinalan que "a TVG xa concedeu un importe equivalente aos dous terzos do total do ano pasado, que foi de 4 millóns de euros". Cualifican o ritmo de execución actual de "similar ao de 2009".
Ademais, no que vai de ano e nas súas diversas contratacións, a TVG xa leva adquirido produción audiovisual galega "por importe de 22 millóns de euros, ao que hai que engadir servizos vinculados a produción, actores e outros conceptos".
mónica gonzález
O teatro, outra conta pendente
Outra fronte aberta para a Consellería de Cultura é a dos profesionais que traballan no teatro que esixiu a dimisión de Roberto Varela e do director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, despois de que a Xunta rompese os acordos aos que chegara co sector a finais do 2009, diminuíndo os orzamentos das Artes Escénicas en 190.000 euros. Os profesionais da escena pediron publicamente a anulación inmediata dese recorte, "disfrazado cunhas absurdas correccións de erros". "Con esta actitude da Consellería de Cultura son ducias de traballadores do sector que quedarán sen traballo, ó tempo que se enterra a cultura do diálogo e o acordo entre a Xunta e o sector, do que a ausencia do conselleiro na reunión por el convocada representa un desprezo de graves consecuencias", aseguraban.
