Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

PROPOStas

"Son moi feliz"

Xelís de Toro presenta hoxe na Sala Nasa Laboratoro, un proxecto de música e poesía desenvolvido xunto a Ed Briggs que se move nos límites do son

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 05.03.2011 
A- A+

ramon escuredo
Xelís de Toro confesa que abandonou, polo menos de momento, a súa faceta de narrador e novelista
FOTO: ramon escuredo

Xelís de Toro, un dos activistas que leva rebentando os lindes da literatura, presenta hoxe na Sala Nasa de Compostela o seu Laboratoro, un proxecto que desenvolve desde Brighton xunto ao músico Ed Briggs. O Laboratoro, que o escritor concibiu ao primeiro como un alterego, naceu nun momento crucial da súa vida creativa: cando descubriu que non lle interesaba xa escribir novelas e recuperou a poesía, ámbito no que se deu a coñecer a finais dos anos oitenta.

"Agora", asegura, "escribo máis como un proceso persoal que coa idea de publicar. Foi un "recambio mental" que o "aliviou" e, ao tempo, o levou a reflexionar: "Decateime de que as persoas acabamos cumprindo un papel artístico na nosa vida sen ser moi consciente de se é mellor cumprir outro papel".

Recoñece que as súas tres primeiras novelas -Seis cordas e un corazón (1989), Non hai misericordia (1990) e Terminal (1994)- naceron dun impulso natural que, logo, se converteu "nunha inercia". Díxose que "non tiña que seguir con isto" e comezou desde cero. O resultado é que "son feliz, moi feliz".

En Laboratoro conflúen non só a vertente literaria e musical, senón tamén a fisicidade do movemento, que De Toro descubriu cando participou nunha montaxe teatral. O obxectivo é exeprimentar e facer de cada actuación un acto irrepetible, singular. O seu traballo móvese nos límites: a Ed Briggs gústalle investigar na barreira en que o ruído se fai música e a el gústalle buscar nos vértices onde o son gutural se converte en palabra.

Na Nasa, farán a maior parte do seu espectáculo en galego pero tamén teñen unha versión en inglés. Canda eles, actuará Jim Sanders, un videocreador que ofrecerá proxeccións.

Para Xelís de Toro, o feito de que a sala compostelá acolla unha sesión dedicada ao movemento creativo de Brighton -onde el reside desde hai anos- pode servir para establecer conexións entre as dúas cidades: "É un primeiro paso para que a xente de alí veña a Compostela e os de aquí presenten o seu traballo en Gran Bretaña".

Ademais do Laboratoro, a Nasa dispuxo para hoxe un programa -comezará ás nove da noite- no que se mesturan a danza, o teatro e a performance con nomes como Yael Karava e Rotozaz. Tamén se proxectarán vídeos de Simon Wilkinson.

PERSPECTIVAS

Na busca de novas linguaxes, Xelís de Toro reencontrouse coa poesía, o xénero dos seus inicios literarios. Pero non poesía escrita, senón recitada: "No escenario", di, "sei que estou facendo algo vital"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS