Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

radio océano

"Son tan atlántico que teño gripe en agosto"

Capitaneada polo actual decano do Colexio de Xornalistas, a banda punk que fundou o Atlantismo reúnese hoxe, vinte anos despois, na Sala Nasa

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 22.04.2010 
A- A+

Xana García
Xesús Ron, pola esquerda, Xurxo Souto, Martiño The Homens Wu, Antón Díaz-Papaqueixos e Fran ‘Papaqueixo’ Amil, onte, diante do pub A Reixa
FOTO: Xana García

"Pereiro díxome: Non sei se darei, estou un pouco acabado. Pero agora os demais teremos que limitarnos a facer os coros, porque xa non quere soltar o micro". O Pereiro do que fala Xurxo Souto non é outro que o hogano decano do Colexio de Xornalistas Galegos, antes coñecido como Johnny Rotring -versión antropónima do cantante dos Pixtols-.

A Sala Nasa de Santiago renderalle tributo hoxe ás 21.30 horas á histórica banda Radio Océano, pais do Altantismo -"vocación natural da cultura galega"- da que foi vocalista, e da que en 1981 tamén formaban parte o guitarrista Santiago Romero, alias Rossmero -hoxe redactor xefe en La Opinión A Coruña-, o batería Pablo Iglesias -remudado máis tarde por Sito Evangelista, a quen despois sustituiría Dani Punta- e o baixista Pablo Constenla. Explícao Xesús Ron, fundador de Chévere e da Sala Nasa, que recunca unha cervexa no pub A Reixa de Santiago. O mesmo fai Xurxo Souto, ex Diplomático de Monte Alto e actual cabecilla dos Tres Trebón, a banda que abrirá esta noite o concerto homenaxe. Emulan a operación (ou viceversa) Antón Díaz-Papaqueixos -que, aclara, xa vai pola terceira-, Fran "Papaqueixos" Amil -os outros dous Trebóns- e Martiño dos Homens -aka Martin Wu-. Fóra resiste o sol das cinco da tarde. Pero dentro podería pasar por unha velada noctámbula, se non for porque varios xornalistas asisten ao debate máis ben calados. É a primeira das "Tertulias rock con repichoca acústica" que acollerá cada mes o pub do número un da rúa Tres Salomé, un novo espazo de encontro e interactión entre músicos e periodistas, aberto ao público. "Trátase de reivindicar cando os xornalistas eran punkis", reclama Souto. Pois houbo un tempo en que habitaban as noites "coa única compaña dos delincuentes", enchéndose mutuamente as carencias, nunha entrañábel operación de simbiose, que só as veces derivaba nos puños. "Agora, en lugar de garimbas, se cadra imos ter que lles levar Iniston", chancea Antón.

Os artífices da inciativa? A Nasa a través do seu programa Redenasa.son, sete concertos programados mensualmente desde o pasado novembro do 2009 até xuño deste ano que pretende implicar "outros axentes musicais". "A idea é que conviden un outro grupo para compartir escenario, o que lle dá oportunidade a propostas emerxentes -conta Souto- e nós escollimos a Radio Océano, dos que en realidade emerximos todos, pois foron os pioneiros en moitas materias, entre elas o galego". E continúa: "Nunha época, os gurús dicían que o galego non valía para o rock and roll, e chegaron eles e racharon con todo". Así, para pórlle os dentes longos aos presentes, os cinco tertulianos entoan, co punteo de Martiño á guitarra, a emblemática canción Como o vento "que terían elixido para representar a Eurovisión cando llo propuxeron se non tivesen dito que non" -finalmente foron os Cadillacs- e a que todos os siareiros do grupo esperan escoitar da formación orixinal, quizais precedida por algún vello saúdo como: "Son tan atlántico que teño gripe en agosto". A que hora rematará o concerto? "Até que nos bote Ron, por esixencias do concello". "Como agora parece que a Conde Roa o pescaron nun desfalco, se cadra poderemos ficar media hora máis", bromea o xefe.

XURXO SOUTO

"É o primeiro caso dun responsábel de cultura que cre que a cultura é inútil"

É un segredo a voces que a banda orixinal subirá ao escenario, aínda que, en palabras de Fran Amil, "só ensaiaron tres horas". Nada novo para quen no Noroeste Pop Rock Cidade da Couruña se presentaron ante dez mil persoas con a penas oito horas de ensaio no corpo. E vinte anos menos. Os demais encargados do tributo serán Marcos Galegoz, Leo i Arremecaghoná, Marcos Rastreros, Martiño, Bocixa, Os Tres Trebón, Javi Prieto e Os Homes sen Medo. Ao que se sumarán Reixa, Julián Hernández, Costas, Uxía Senlle ou Antón Losada. "A cultura galega mira naturalmente para fóra. atlantismo demostra que o conselleiro de cultura ten un descoñecemento total", engade Souto, "claro que é o primeiro caso dun responsábel de cultura que cre que a cultura é inútil".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS