Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Maré

nas aulas

"Témoslle Lei"

23.11.2010  A facultade de Dereito, unha das máis desgaleguizadas da USC, arrinca unha campaña para triplicar o uso da lingua galega nos vindeiros tres cursos académicos

5.0/5 [7 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

O decano da Facultade de Dereito da USC, Luis Míguez, pola esquerda, participou na repartición do material FOTO: usc
O decano da Facultade de Dereito da USC, Luis Míguez, pola esquerda, participou na repartición do material
FOTO: usc

A facultade de Dereito, unha das máis desgaleguizadas da Universidade de Santiago de Compostela xa que o curso pasado só se empregaba o galego no 11,8% das horas de docencia, acaba de comezar unha campaña para cambiar de tendencia. O obxectivo: que 30 de cada 100 horas de clases se impartan en galego.

Unha meta que a facultade de Dereito tentará alcanzar ao longo dos próximos tres cursos académicos a través da campaña Témoslle Lei, triplicando as actuais cifras de uso do galego. Segundo informan dende o centro, a campaña está dirixida "ao alumnado" co fin de "sensibilizalo a respecto da utilización da lingua galega no propio centro e no mundo profesional".

Ao longo de tres días, en quendas de mañá e tarde, alumnos de Dereito de diversas asociacións estudantís repartirán entre o estudantado do centro o material da campaña: unha bolsa co lema Témoslle Lei, dous folletos con argumentario e un CD coa escolma, en galego, das leis máis importantes que se estudan durante a carreira, así como recursos lingüísticos dos que podan botar man á hora de utilizaren o galego na súa vida académica.

A posta en escena da campaña realizouse por sorpresa onte na Facultade de Dereito, onde ademais da repartición de material, os universitarios tiñan á súa disposición un vídeo no que diversos profesionais do mundo do Dereito opinan sobre o uso da lingua neste ámbito. O fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela; a maxistrada do Social en Santiago, Paz Filgueira; o xuíz da Fonsagrada, Luis Villares; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; o secretario do Concello de Outes, Xaquín Monteagudo; e os profesores da Facultade de Dereito José Antonio Gómez Segade e Antonia Nieto Alonso participan neste vídeo e animan ao PDI e ao alumnado do centro a incorporar a lingua galega no seu quefacer profesional.

De feito, o lema elixido Témoslle Lei fai referencia aos distintos significados desta expresión -gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprezo- e incide no feito de que o galego conta con lexislación que o protexe e fomenta até lograr a igualdade real das dúas linguas cooficiais en todos os ámbitos e, asemade, na cuestión afectiva e identitaria cara ó idioma do país.

Témoslle Lei forma parte dun plan desta Facultade compostelá, aprobado en decembro de 2009, para aumentar e mellorar o uso do galego en Dereito en tres cursos académicos.

INFORMACIÓN

Como complemento da campaña "Témoslle Lei", tamén se abriu unha páxina web -www.usc.es/temosllelei/Que_e_Temoslle_LEI.html- e un perfil de Facebook dirixido a todas as persoas interesadas.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS