Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.01.2019 Actualizado 13:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

canción

"Tentan roubarnos a alegría"

Laxe Martiñán: "Traducir ao castelán "A saia da Carolina" é unha aberración e a súa única intencionalidade é desprestixiar a nosa lingua"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 14.10.2010 
A- A+

A política lingüística da actual Xunta provocou en apenas un ano a creación de numerosas plataformas en protesta pola desprotección do galego tales como ProLingua, Queremos Galego ou Galego, patrimonio da humanidade. Unha das últimas acaba de nacer en Marín, logo de coñecer que os alumnos de 6º de Primaria do colexio marinense de Laxe aprenderán no seu libro de música a letra de A saia da Carolina en castelán. A plataforma cívica que reivindica a versión en galego da popular canción celebrará o vindeiro día 21 unha concentración na que farán públicas as súas reivindicacións, que se poden ler no enlace asaiadacarolinaengalego.wordpress.com. O voceiro do colectivo, o músico e escritor Xosé Antón Laxe Martiñán considera que traducir esta canción ao castelán "é aberrante e a súa intencionalidade é desprestixiar a nosa lingua".

Ao seu ver, "non é de recibo que unha canción galega, que se canta en galego en Asturias ou Zamora se ensine agora aos nosos nenos en castelán, é totalmente reprobable". Laxe Martiñán considera a tradución ao castelán do tema popularizado por Fuxan os Ventos "un ataque á nosa lingua" por parte da actual Xunta. "É unha deriva da aplicación da Política Lingüística do PP, non é nada gratuíto, senón que busca o desprestixio social da nosa lingua", apunta o músico.

O voceiro da plataforma mostra a súa preocupación polo efecto deste tipo de decisións na educación dos nenos galegos. "Parece que se lles quere inculcar iso de que todo vale co noso idioma. O que está claro é que se dende pequeno che van marcando un vieiro desgaleguizador, crearase un futuro como o que vivimos agora, no que a lingua non avance e as novas xeracións non a utilicen", asegura.

 

"É unha vítima da política lingüística da Xunta"

Por iso, o vindeiro xoves, día 21, convocan en Marín ás 20:00 horas unha concentración para cantar A saia da Carolina en galego. "É un himno que todos coñecemos, algo noso que nos dá felicidade. Pretenden roubarnos un pouco da nosa alegría. A canción que popularizaron Fuxan os Ventos é unha vítima da política lingüística da Xunta", afirma Laxe Martiñán.

Ese día repartirán a letra da canción entre todos os que acudan á convocatoria. "O acto será breve e sinxelo. Estamos facendo xestións para que algún músico nos acompañe e comece a cantar o tema. Animamos a que as nosas voces se tornen nunha espiral de apoio ao galego que non deixe de medrar", afirma.

Hai uns días, Laxe Martiñán compartía con Mini e Mero as sensacións do mundo da música galega que "se mostrou contrariado" coa tradución da canción. "Gustaríanos que os artistas do país nos mostrasen o seu apoio a través da nosa páxina (http://asaiadacarolinaengalego.wordpress.com/), porque buscamos o apoio de canta máis xente mellor", indica.

Ao seu ver, esta plataforma darase por satisfeita no momento no que "o PP renuncie á aplicación do Decreto do Plurilingüismo, volva ó consenso da Lei de Normalización e se deixe de prexudicar o idioma". Para o músico, "cando o PP rompa a súa deriva destrutiva co idioma, estaremos moderadamente satisfeitos, o cal non quere dicir que desprecemos o castelán ou calquera outra lingua. Queremos convencer, non impoñer", afirma.

OS OBXECTIVOS

"Perseguimos a normalización plena do noso idioma"

O grupo Fuxan os Ventos foi o que máis popularizou A saia da Carolina, dende os seus primeiros discos, unha canción da que anos despois xurdiron algunhas versións en castelán sempre fóra de Galicia. Na rede mesmo se poden atopar algunhas curiosidades como o tema El mandil de Carolina que se pode descargar na páxina web do concello zamorano de Puebla de Sanabria, unha versión do popular tema interpretado en galego e castelán.

Porén, para os impulsores da plataforma que defende a versión en galego da canción, estas expresións están lonxe do que precisa a cultura galega hoxe en día. "Vivimos un tempo no que nada se pode pasar por algo -remarca Laxe Martiñán-. Se o galego fose un idioma que estivese normalizado, poderíase entender que publicasen a canción en castelán, pero as circunstancias son ben distintas, e o que se está intentando é liquidar o idioma".

"Queremos deixar claro cal é a nosa intención: nós non apuntamos ao centro de Laxe nin ós profesores que elixiron o libro de texto nin tampouco á editorial, senón directamente á política lingüística da actual Xunta, verdadeira responsable deste desprestixio á nosa lingua", di.

Para iso xustifica a creación da plataforma como "unha resposta a un ataque contra o galego, e perseguimos o mesmo que Queremos Galego: a normalización plena da lingua. Por iso, a nosa plataforma ten unha data de caducidade e circunscríbese a Marín", apunta Laxe Martiñán para quen o bilingüismo harmónico "só serve para roubarlle ao idioma galego espazos reconquistados con anos de loita".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS