Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

polémica

Terreo enlamado

Bieito Ledo responsabiliza a Xosé González Martínez de querer "liquidar" os Premios da Crítica Galicia e pídelle axuda á sociedade civil para evitalo

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 05.05.2011 
A- A+

AXENCIAS
Bieito Ledo durante a presentación dunha das publicacións de Ir Indo en Compostela
FOTO: AXENCIAS

Os Premios da Crítica Galicia, un galardón creado en 1978 ad maiorem galiciae gloriam, corren o risco de desaparecer. A alarma lanzouna onte un dos impulsores dos galardóns, o editor Bieito Ledo, pero as desavinzas entre os membros da Fundación, ao parecer, veñen de meses atrás e motivou que moitos dos membros do padroado presentasen a súa renuncia.

Os premios xurdiron arredor do Círculo Ourensán-Vigués cando era presidente o propio Bieito Ledo Cabido. En 1993 constituiuse en Lalín a Fundación dos Premios da Crítica Galicia. Xosé González Martínez foi nomeado presidente e Ledo foi o seu vicepresidente.

Segundo subliña o editor nun comunicado, "o actual presidente en funcións, Xosé González Martínez, ante a posibilidade de perder o control desta prestigiosa iniciativa, négase a convocar unha reunión para renovar a Directiva, segundo o esixen os estatutos". Posteriormente, nunha conversa teléfonica, rexeitou facer máis declaracións que as reflectidas nese comunicado porque, manifestou, "non me parece prudente que me meta en análises doutra índole agora".

"A quen hai que preguntarlle", engadiu, "é ao presidente: por que non convoca os premios. A estas alturas debiamos ter xa as candidaturas da 34 edición enriba da mesa". Onte resultou imposible localizar ao presidente da fundación.

Ledo explicou que, en calquera caso, o seu comunicado responde ao seu desexo de que sexa "a sociedade civil a que responda: os centos de persoas que levan participado nos xurados e recibindo un galardón de tanto prestixio". No seu comunicado, o editor asegura que o obxectivo de González Martínez é disolver a Fundación e ese era o obxectivo dunha reunión que "convocou unilateralmente" o pasado día 26.

Nesa reunión, puntualiza, "enviou un poder notarial no que delegaba a súa representación nunha persoa allea ao patronato, delegación non autorizada pola lexislación vixente e os actuais estatutos".

"Eu, como patrono, como vicepresidente en funcións e como fundador", indica o director de Ir Indo, "síntome profundamente preocupado ante a posibilidade de que os Premios da Crítica Galicia poidan desaparecer, polo que acudo ao Protectorado da Consellería de Cultura e aos medios de comunicación para que todos aqueles que dunha forma ou doutra colaboraron nesta iniciativa civil acheguen o seu apoio enviando mensaxes a: premiosdacritica@gmail.com co obxecto de que siga a institución viva e se poida celebrar este ano a 34 edición".

Varios patronos presentaron xa a renuncia

Entre os patronos que abandonaron nos últimos meses a fundación -moitos deles por correo electrónico, segundo aseguraron- figuran o ex conselleiro Xabier Suárez Vence; o presidente de Terras Gauda, José María Fonseca; Paulino Novo ou Modesto Hermida.

As razóns que alegaron algúns foi que se producira "unha deterioración de ánimo máis que de relación" a partir dunha confrontación inicial que facía ingrata e moito máis incómoda a súa continuidade.

Entre os membros constituíntes de plena lexitimidade administrativa da fundación figuran, ademais do presidente e do vicepresidente, o pintor Antón Pulido, que onte tamén estaba ilocalizable.

PERSPECTIVAS

Unha cita simbólica

Os Premios da Crítica convertéronse desde os anos noventa nun referente simbólico da cultura do país e o seu aval serviu para consolidar e recoñecer o traballo de numerosos creadores.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS