Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Estamos aquí, homes libres de compromiso partidario e outros de diversos campos, de diversas ideoloxías, para defender a libertade de opinión i a libertade de expresión e para defender o dereito ó fervor pola patria, pola recuperación dunha nación oprimida, dunha cultura oprimida, dunha lingua oprimida, representantes dun nacionalismo defensivo, o nacionalismo menos agresivo do mundo, o nacionalismo galego. O simple sentido nacional básico que a pesar de todo é hostigado polo poder, polo nacionalismo imperialista do estado. Estamos eiqui defendendo un simple fervor. O fervor galego na defensa dunha Galicia secularmente agredida. Non por repetido e tópico e deixa de ser verdade o que a nosa nación, a nosa cultura, a nosa lingua foron e inda son agredidos.
I a xuízo da sentenza anómala e prisión de Francisco Rodríguez, patriota noso, veñen a repetírnolo.
Anque hai unha intención deliberada de calar os escritores galegos non entreguistas, de dividilos con prebendas para uns e negándolles a outros o pan i a sal, anque nos marxinan e non respostan as nosas mínimas peticións descaradamente dendes do poder, inda a forza dunha literatura feita maiormente como misión liberadora se deixa sentir e se fai presente ca vosa cáseque unánime presencia. Vos non fostes citados, nen traguidos eiqui polo interés nen polo medo, polo que sempre se moven outros. Vós viñestes chamados polo deber de Galicia, polo impetú de libertade e solidaridade, porque os escritores e os poetas sempre foron e serán os primeiros resistentes diste pais tan desasistido das clases que puderan mover unha conciencia activa.
O que é o que pode facer unha lei envellecida, pasada, obsoleta ó aplicala legalmente para deixar en ridículo a unha Audiencia, a un Tribunal Supremo e a un Tribunal Constitucional é meter na carcel, pechar sen remisión a un home de traballo contino e riguroso e intachable comportamento ético.
I esto diríamolo igual se tivéramos a certeza de que foi francisco Rodríguez quen lle prendeu lume a esa bandeira, que non valen todas as bandeiras de trapo de tódolos paises xuntas unha semana da vida dun home, e para máis cerca de 30 meses pechado. E mais sabendo o que anda solto pola rúa. Un dos tempos de maior peligro que houbo nunca fora dun estado de guerra civil.
E niste estado de cousas hai tempo para xuzgar a quema dunha bandeira? Ou xuzgábase máis ben a actitude do máis respetuoso nacionalismo defensivo. Porque de outro xeito non se lle pode chamar ó nacionalismo galego.
Non se trata dun nacionalismo de estado, dun nacionalismo imperialista depredador que ten como pasado o ataque as nacionalidades ibéricas e americanas como o que representa a bandeira queimada. Trátase de xuzgar a revelada dinidade de un pobo como o galego temeroso de pasarse na súa defensa, na defensa da súa lingua co seu ser.
Por eso estamos hoxe eiqui os poetas de Galicia. Para absolver a Francisco Rodríguez e pedir a súa liberación. Clama ó ceo ter pechado a un dos máis vivos peitos de xusticia dun pais. Ter pechado a un home xusto, e que o máis que se lle pode tachar é o levar descuberto o fervor da xusticia, pois o fervor do nacionalismo defensivo é un intachable fervor de xusticia.
.................................................................................................
Este texto serviulle a Novoneyra para crear unha composición que se publicou en "Poemas da doada certeza. Os acontecementos tiveron lugar en xuño do 1989.
