Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 05.12.2019 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Tirapuxa entre Ana Miranda e Anxo Lorenzo en Bruxelas

A nacionalista acusou a Xunta de "retroceder" no impulso da lingua e o secretario xeral criticou os "grupos minoritarios" que defenden o galego

REDACCIÓN   | 29.10.2010 
A- A+

A voceira do BNG en Bruxelas e membro da Alianza Libre Europea Ana Miranda denunciou que o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, na súa intervención do mércores durante a I Conferencia Internacional sobre Cooperación Europea e Apoio da Diversidade Lingüística en Bruxelas, asegurou, nunha alocución en castelán, que "algúns grupos minoritarios se empeñan en dividir e en transmitir a falsa idea de que o Goberno galego non apoia a lingua".

Previamente, no encontro, organizado pola Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, Ana Miranda, criticou a Xunta por ser un exemplo de "retroceso e de falla de protección e promoción da lingua".

A voceira nacionalista amosou unha foto do Obradoiro durante a manifestación de Queremos Galego en outubro de 2010. "Por primeira vez na historia do continente europeo, un Goberno lexisla e goberna en materia lingüística en contra dos avances adquiridos con anterioridade e diminúe de xeito legal e orzamentario unha lingua que xa estaba en minoría", manifestou Miranda nun artigo publicado nun xornal galego. Unha afirmación que non lle sentou ben ao secretario xeral de Política Lingüística que lle replicou que "algúns grupos minoritarios" transmiten a idea "falsa" de que "o Goberno non apoia a lingua galega". Miranda denuncia ademais que Anxo Lorenzo, podendo empregar tres idiomas -inglés, francés e castelán- só uso ou castelán na súa intervención. Pola contra, este encontrón de Lorenzo e Miranda non aparece recollido na nota de prensa enviada dende Política Lingüística. Segundo recolle o texto, o secretario xeral defendeu en Bruxelas a necesidade de "transmitirlle á sociedade unha mensaxe favorable ás linguas minoritarias que historicamente foron minusvaloradas".

"Nestes momentos de especial dificultade na promoción das linguas rexionais e minoritarias de Europa debido ao contexto socioeconómico, sociolingüístico e político actual, faise necesario transmitir esta mensaxe favorable e, ao mesmo tempo, fuxir de discursos lingüísticos catastrofistas sobre o futuro da diversidade lingüística europea con escasa base real", afirmou.

"En consecuencia -engadiu Anxo Lorenzo-, desde a Xunta de Galicia buscamos asentar unha base na que o conxunto da cidadanía se sinta cómoda e implicada na promoción do uso da lingua galega".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS