Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galardón

“Todas as accións son poucas”

A Deputación da Coruña crea o I Premio Rosalía da Lingua

REDACCIÓN SANTIAGO  | 20.04.2010 
A- A+

AXENCIAS
O responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande
FOTO: AXENCIAS

O responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, cualificou de "crítica e alarmante" a situación do galego, en alusión á caída de 13 puntos nos datos do IGE respecto ao número de persoas que falan galego habitualmente entre 2003 e 2008.

Así o manifestou onte durante a presentación do I Premio Rosalía de Castro da Lingua 2010, co que a Deputación pretende "recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña e na sociedade galega" ademais de render unha "merecida homenaxe" a Rosalía de Castro, "figura fundamental da nosa literatura, no ano en que se cumpre o 175 aniversario do seu falecemento".

Xoán Sande considerou "importante" a convocatoria deste galardón, "ante a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua" e lembrou que, segundo os datos feitos públicos hai escasos días polo Instituto Galego de Estadística, nos últimos cinco anos experimentamos unha redución de 13 puntos nos galegofalantes, "unha situación que é especialmente preocupante entre os mozos e mozas", apuntou.

"Todas as accións son poucas para defender o galego", comentou Sande, quen resaltou a "importancia" de incidir en que os máis novos "falen e coñezan a súa lingua".

 

A distinción non terá dotación económica

O galardón entregarase o próximo 28 de maio, coincidindo coa celebración da III Festa da Lingua en Ames, e o xurado valorará a tarefa desenvolvida a favor da normalización lingüística, o uso habitual da lingua nas actividades normais dos participantes, así como as campañas de información ou publicidade realizadas en galego.

"O galardoado levará unha figura que acredite a súa distinción", comentou Xoán Manuel Sande, quen se mostrou confiado en que a primeira convocatoria teña unha "boa aceptación", a pesar de carecer de dotación económica.

REPARTIRÁ FOLLETOS NOS COLEXIOS

Galicia Bilingüe "axudará" as familias a elixir idioma

Galicia Bilingüe iniciará unha nova campaña nos centros escolares a partir desta semana na que repartirán unha serie de folletos informativos, para "visibilizar as posibles diferenzas de vocabulario específico" de cada materia e "axudar" as familias a decantarse polo galego ou polo castelán na elección do idioma.

Segundo explicou o colectivo nun comunicado, a iniciativa inclúe a repartición de folletos informativos en colexios de todas as cidades galegas, tendo en conta que proximamente a Xunta lles preguntará ós pais "se están de acordo coa distribución de materias e linguas proposta pola Consellería de Educación".

O colectivo elaborou un documento no que plasmarán "as posibles diferenzas de vocabulario" por cada materia en cada un dos idiomas oficiais en Galicia, para "dar conta da importancia" de que un neno "poida estudar na súa lingua materna, sexa galego ou castelán", apuntou. "Agora o máis práctico é intentar, polo menos, elixir o mellor para os nosos fillos, aínda que non se nos garanta que a nosa decisión será respectada, posto que se a opción elixida por nós non coincide coa da metade máis un dos alumnos matriculados para ese nivel de ensino, non será posible o cambio", sinalou a presidenta do colectivo Gloria Lago.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS