Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

novela

"Todos temos ideas ocultas"

Elena Veiga: "Internet axúdanos a facer cousas que non fariamos no mundo real pola hipocrisía que existe na sociedade"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 23.02.2011 
A- A+

AXENCIAS
Elena Veiga está a estudar o Grao en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago
FOTO: AXENCIAS

Elena Veiga (Guísamo, A Coruña, 1991) presenta hoxe ás 20:00 horas na Libraría Couceiro de Santiago, Morto en fucsia, a novela coa que o ano pasado conseguiu o VI Premio Biblos-Pazos de Galicia, nun acto no que estará acompañada pola súa titora, Fina Casalderrey e o gañador da anterior edición, Pablo García. A obra, escrita dende a ironía, é unha crítica, dende unha representante da "Xeración Feisbuc" á impunidade do mundo virtual e a unha sociedade hipócrita que crea persoas que proxectan as súas frustracións na violencia.

 

A lectura de "Morto en fucsia" chega a resultar incómoda polo descarnado deste relato en primeira persoa. Era un efecto buscado?

Quería contar unha mesma historia a partir da visión dos distintos personaxes, que están implicados na historia. A lectura pode ser un pouco incómoda porque non se cortan un pelo, non teñen ningún pudor e incluso se dirixen ao lector cunha certa pose de superioridade. Iso era o que se pretendía buscar. Téñenme dito que é unha lectura un pouco complicada precisamente por esas distintas visións. Os personaxes falan como un monólogo interior. En realidade é coma se falasen ás paredes. Claudia, a primeira personaxe que aparece, fai lleunha confesión a un cura pero máis ben está a facer unha confesión consigo mesma. Quixen xogar coa libre interpretación de cada un.

En toda a novela pesa moito o xogo co virtual. De feito, non están claros os límites entre a realidade e a ficción. É unha reflexión sobre a impunidade que reina en Internet? Claro, en internet parece que todo está permitido. Do mesmo xeito, todo está permitido nese fluír da consciencia de cada un dos personaxes. Existen eses saltos entre os distintos personaxes que nos van mostrando a súa visión da historia. É unha reflexión do que pode chegar a ser real e do que non e canto de real existe na rede e incluso canto de virtual pode existir no mundo real. A virtualidade é o alicerce da historia, é o que une os distintos personaxes. O que pretendía conseguir é ir máis alá da virtualidade.

A obra comeza con Claudia confésándolle a un cura que matou unha persoa. Pero como estamos nese nivel virtual non sabemos se é unha morte real ou virtual.

Si, aí está o límite que existe entre a virtualidade e a realidade. Cada un que pense o que queira, pode elucubrar como o cura... e que interprete se esa morte é real ou non. Eu interpreto que é real porque a realidade sempre vence á ficción.

Todos os personaxes teñen unha tara: Claudia é unha adolescente coxa e minusvalorada; Susa, unha transexual incomprendida; o cura pedófilo; e unha ama de casa psicópata que busca nun xogo de rol fuxir da súa rutina. Por que elixiches estes personaxes?

Creo que todo o mundo sentiu algunha vez que tiña algunha tara. O que se fai no libro é levar esa tara ao extremo, ou o que ve a sociedade como extremo. Quixen falar do supeditados que estamos á sociedade que nos rodea. Sempre estamos comedidos. Intento liberar os personaxes a través dese diálogo co lector, das ataduras da sociedade das que uns personaxes son máis conscientes que outros. Por exemplo, Claudia na primeira parte está acomplexada pero o cura actúa como se fose o máis normal do mundo.

A Igrexa é un dos peor parados da novela. A parte do cura, tamén vemos a Susa cando entra no ceo "por enchufe" e convértese en Deus. É unha crítica ás ideas católicas tan inseridas na nosa sociedade?

Algo que está tan asentado na ideoloxía popular como é a existencia do Ceo e do Inferno moitas veces condiciónanos. Parece que a Igrexa me fixera algo e non me fixo nada, eh? (Risas)

Por que elixiches o fucsia para representar a morte?

Eu creo que a novela é un pouco fucsia, non a puiden ver doutra maneira. A cor fucsia impáctache, é charramangueira. E dado que a historia tamén é algo charramangueira, por iso escollín esa cor. Por que a morte ten que ser sempre negra? Hai mortes de distintas cores, hai distintas maneiras de morrer e incluso podes escoller como facelo.

Na novela hai un desenmascaramento da hipocrisía na forma de actuar de moita xente como cando a ama de casa imaxina que fai un striptease cando o seu home chega de traballar pero o que en realidade fai é servirlle a cea. Son os desexos reprimidos os que nos fan actuar así?

Intentei plasmar os desexos ocultos, porque creo que Tina Turner (como chama ó personaxe) nunca lle contaría ao seu home que pensaba facerlle un striptease como o da película "Nove semanas e media"... Quixen liberar os personaxes. Moitas veces, a virtualidade en internet axúdanos a facer cousas que non fariamos no mundo real por esa hipocrisía que existe na sociedade. Todos temos ideas ocultas. Hai quen non se atreve a bailar diante da xente pero logo monta unhas festas na casa...

O MALTRATAMENTO INFANTIL

"No silencio cómplice agóchase a dor"

O tema dos silencios cómplices tamén o abordas coa figura do cura e súa nai. O mundo da violencia infantil está moi presente.

Como vai a nai a admitir que ó seu fillo lle pasan esas cousas? Nesa complicidade agóchase a dor que é compartida nese caso. A dor desa nai aínda que non sabe nin a metade do que pasou, vai ser moito maior que a do fillo. Realmente, todos pechan os ollos ao que os rodea.

Por que decidiches cambiar o sentido da novela no final?

Para que fose aínda máis fucsia. (Risas) Como é o final non podo contar moito pero a intención é que cadaquéen lea e interprete o que queira.

Como influíu na obra traballar con Fina Casalderrey?

Pois axudoume moitísimo. Eu presentei ao premio un pequeno borrador e unha primeira parte. Fina foime guiando dunha maneira moi amable, aconsellándome con plena liberdade. Sendo ela, non podía ter mellor axuda.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS